galegas 2009 capa programa bng

A acción exterior nos programas electorais: BNG

 A túa forza move este País; clic para aumentar
O programa para o 2009 do Bloque contén numerosas referencias para a súa promoción exterior pero este esforzo vese lastrado por abandonar a extraordinaria análise sobre o audiovisual incluído no programa de fai 4 anos. [Foto: Capa do programa electoral do BNG].
 

Santiago, novembro de 2008. Conferencia do president Jordi Pujol. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asiste encantado, como o resto do público, ao despregamento sedutor do "molt honorable". Coa súa oratoria aparentemente basta, Pujol repasa os últimos 30 anos de historia de España. O balance é positivo, di, pois se impuxo o sentido común, o "seny". Por exemplo, recoñeceuse que España era un país europeo e occidental. Á maioría do público, que non superaba os trinta anos, estrañoulle que isto fose algo digno de eloxio. Para eles era evidente que España era Europa. Pujol e Anxo Quintana sabían que non sempre se pensou así.

A maioría do nacionalismo galego dos anos sesenta, cría que Galicia tiña máis que ver con Alxeria ou Angola que con Alemaña ou Holanda. Ata nos noventa a UE era fonte de todo mal e os líderes nacionalistas máis populares atopábanse máis cómodos no Foro de Río ca en Bruxelas. Que pensa hoxe o BNG? Se nos atemos ao programa electoral de 2009, a sensación é que o debate non terminou pero que se vai impondo, diría Pujol, o sentido común, o "sentidiño".

Desde a perspectiva da Acción Exterior, hai un cambio importante con respecto ao 2005: aparece todo un capítulo (Galiza na esfera internacional) co mesmo rango que as políticas industriais ou a ordenación do territorio. Mágoa que a emigración siga sendo considerada política de benestar, o que desdebuxa o seu potencial como activo da paradiplomacia galega. A pesar disto, úsase con normalidade o concepto "Diáspora" e o retorno xa non é a única meta do emigrante. Curiosamente, dadas as declaracións da precampaña, non hai cambios sobre o dereito a voto (polo menos o "borrador case definitivo" co que traballo) salvo as referencias ás garantías de procedemento.

De Europa, nótase o mellor coñecemento dos mecanismos comunitarios "é brillante a análise da PAC" pero falta saber que Unión quere o BNG, cales son as súas prioridades, como e con quen trenzará as súas alianzas. Algo parecido sucede con Portugal e os países lusófonos. Na versión con que traballo, dáse a entender que sería unha prioridade ao mesmo nivel que "a Unión Europea e o Estado español". Con todo, non hai unha soa cita á "Agrupación europea de Cooperación" coa rexión norte. Como e con quen se traballará? A resposta é urxente. Estremadura demostrou que a acción exterior dá resultados e estase convertendo na porta española de Portugal. A "Fundación Galicia-Europa" aparece como un punto de conflito se se renova a coalición: os nacionalistas quérena disolver e os socialistas fortalecer.

A cultura, especialmente os produtos audiovisuais, son un elemento fundamental nas relacións internacionais contemporáneas. O programa para o 2009 do Bloque contén numerosas referencias para a súa promoción exterior pero este esforzo vese lastrado por abandonar a extraordinaria análise sobre o audiovisual incluído no programa de fai 4 anos. Poida que sexa o tributo dos renovadores do BNG: dous pasos adiante, e un para atrás.