Artigo publicado orixinalmente en Irimia
eleccions 2024 xunta de gal

Un debate aprazado

Unha das principais novidades nas próximas eleccións galegas é que o voto da diáspora pode volver ser decisivo. No 2024 xa non haberá ‘voto rogado’. Os electores no estranxeiro non van ter que facer ningunha xestión especial para poder participar nos comicios. Pode que volvamos a cifras de participación semellantes ao 2009, cando votou unha terceira parte do censo exterior; cifras que contrastan coa participación nas do 2020 cando só exerceron este dereito 5.726 galegos dos case 500.000 censados no estranxeiro, é dicir o 1,24%. Alfonso Rueda sábeo ben e, desde o verán pasado, cada semana, polo menos un membro do Goberno estivo de viaxe entre os votantes no exterior.
Liñas de investigación Paradiplomacy Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Palabras chave Galicia Diáspora

En Galicia a terceira circunscrición é a diáspora. Son 472.140 residentes no estranxeiro con dereito a voto, moitos máis que en Lugo (339.614) ou en Ourense (356.868). Un voto moi nesgado cara as opcións estatais. Por exemplo, nas últimas eleccións xerais, o BNG foi a quinta forza no voto CERA nas catro provincias detrás de Vox e Sumar, cando no interior os nacionalistas foron os terceiros en Lugo e Ourense e os cuartos na Coruña e Pontevedra. Foi Vox quen ocupou a quinta opción en todas as circunscricións.

Son moitas as vantaxes da participación política da Diáspora. Hai un precioso artigo de Mª Xosé Porteiro e Facundo Muniain publicado polo IGADI no Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 (igadi.gal) para profundar no tema. Pero estas vantaxes non pode agochar os problemas que ten o actual sistema.

Hai que ter en conta que son votantes que non padecen os resultados de gran parte das políticas que elixen nin pagan os impostos que as financian. A súa sanidade, servizos sociais, impostos, etc … dependen dos gobernos dos estados nos que residen. En segundo lugar, son electores que teñen importantes problemas de información pois, basicamente, reciben noticias da política de Madrid. En terceiro lugar, eliminado o voto rogado, o sistema ten menos garantías que o que se aplica en Galicia. E por último, pero non menos importante, hai un agravio comparativo con cidadáns residentes que si padecen as políticas dos gobernos, pagan impostos e que non teñen plenos dereitos políticos: os inmigrantes.

Galicia é a comunidade no que voto CERA (Censo de Residentes Ausentes) ten maior peso, a segunda é Madrid pois os descendentes de segunda ou terceira xeración que non acreditan a orixe dos proxenitores pasan por defecto ao censo de Madrid. E en Madrid, nas pasadas eleccións xerais de xullo, o voto CERA doulle un escano ao PP e quitandollo ao PSOE.

Cando o sistema de partidos galego estaba dominado polo PPdeG, PSdeG e mailo BNG non había moita diferenza entre o comportamento electoral do exterior e o dos galegos do interior. Agora, coa aparición de novos partidos, as diferenzas son significativas.

O maior risco que temos é que o voto do exterior cambie o resultado electoral que se produciu na Galicia territorial. Un escenario que non é imposible que se produza e que tería horribles consecuencias. Urxe que a próxima lexislatura se abra un debate, no Parlamento e na sociedade, para ver como coidamos dese tesouro nacional que é a Diáspora.

Artigo orixinalmente publicado na Revista Irimia.