A ausencia de vítores

A "campaña de liberación" de Iraq non atopa a quen liberar. Pese aos cuidados da coalición agresora por facer pasar o ataque como unha guerra de liberación dun pobo sometido a un sanguinario dictador (xa ninguén fala de armas de destrucción masiva ante a evidencia dos fusiles con que se aprestan á defensa), a resistencia que as tropas invasoras atopan no seu camiño cara Bagdad evidencia que en moitos casos, os desexos de revancha que poideran existir nalguhas comunidades, rivalidades que os invasores quixeran aproveitar, pasan a un segundo plano.

Os dous colectivos nos que pretendían apoiarse estanse a revolver. No norte medra a preocupación pola entrada directísima de Turquía na guerra coa mobilización de milleiros de soldados que terían como misión "limpar" de curdos unha ampla franxa fronteiriza e impedir a creación de calquer estructura estatal ou similar nesa zona. A presencia de turcos desatará un "sub-conflicto" no Curdistán, desviando a atención do principal, en prexuízo da estratexia dos xenerais angloamericanos.

Os xiítas, pola súa banda, están a amosar o seu desentendemento dos plans da Casa Branca e o seu compromiso con Bagdad. Cómpre lembrar que é nesta comunidade onde radicou sempre o mellor viveiro de militantes da causa nacionalista e comunista, moi reprimidos sempre por Sadam Hussein, pero a quen prefiren, a pesar de todo, habida conta da situación existente no veciño Irán. A modernidade da que disfrutan en Iraq, instaurada a partir da triloxía do Baas (socialismo, nacionalismo e laicidade) estaría en perigo caso de darse unha descomposición do país que facilitaría a atracción e influencia por parte de Teherán.

Non hai vítores de ninguén sobre o terreo. É indiferente que repoñan a bandeira iraquí alí onde instalaran a norteamericana. A solidariedade funciona unicamente entre as familias, as tribus e as comunidades locais, nunha expresión elemental de rexeitamento de quen se atisba como inimigo depredador.