A China abre a súa muralla

A China está por todas partes. Un día é noticia por un premio que recibe o seu director de cine máis emblemático, Zhang Yimou, ou a fermosísima actriz, Gong Li; outras veces é un trunfo deportivo, inseparable do poder vitamínico do élixir máxico de Ma Junren; tampouco escasean informacións que dan conta da represión contra movementos políticos ou sectas pseudorelixiosas como a Falun Gong. Entre nós proliferan os restaurantes chineses, as feiras con productos orientais, a presencia de todo tipo de marcas e obxectos made in China, especialmente agora que se aproxima un período de compra masiva de xoguetes. Por unhas ou outras razóns, a presencia e o protagonismo internacional de Zhongguo (China, en chinés) medrou considerablemente nos últimos anos. ¿Cal é causa? Fundamentalmente é consecuencia da posta en marcha dun ambicioso proceso modernizador que fai palidecer de envexa a cantos se adentran nas súas profundidades. Dun ano para outro, en China, provincias que suman unha poboación similar ou superior á de España, consiguen incrementar o seu PIB con porcentaxes de dous díxitos, e ata nun 20 ou 30%, cando aquí se celebracon xúbilo un 3%. Dende 1978 a hoxe conseguiron multiplicar por catro o valor global da súa producción.

Despois de longas décadas de duros sacrificios, os chineses saborean a pracer este período especial que, por riba de severas traxedias que están na memoria de todos (Tiannanmen, 1989), está a provocar un novo rexurdir do orgullo nacional. O acordo asinado recentemente entre Estados Unidos e a China para pór fin ás súas interminables disputas comerciais, ábrelle as portas da Organización Mundial do Comercio e promete un novo salto adiante nas relacións bilaterais. A normalización comercial con Estados Unidos e co mundo occidental representa a culminación dun longo proceso de liquidación do illamento económico dun país que representa á quinta parte da humanidade.

Algúns analistas remontan esa marxinación ós anos cincuenta, cando Mao decidiu o abandono do GATT. O Gran Temoneiro, profundo admirador daquel emperador, Qin Shi Huandgi, que construiu a Gran Muralla e unificou o país, desconfiou sempre de calquer forma de dependencia do exterior, e apostou pola necesidade de apoiarse nas propias forzas. Durante tres décadas de maoísmo, a China sobreviviu en condicións de práctica autarquía. Pero a tradición é moi anterior e non patrimonio exclusivo da revolución comunista. No século XVIII, nunha carta remitida polo emperador Qianlong ó rei Jorge de Inglaterra, dicíalle, entre outras cousas, que “temos de todo, non atopo ningún valor en obxectos extraños e enxeñosos, e non vexo razón algunha para usar as manufacturas do seu país”. Daquela a China era o “Centro da Terra”. E como nos lembra Marc Ferro en Comment on raconte l”™histoire aux enfants, a comezos deste século, na escola primaria, non se mentaba a existencia do mundo exterior, soamente se falaba da China. En Zhonnanghai (o Kremlin chinés), Mao ocuparía a estancia que en tempos foi biblioteca e lugar de descanso do emperador Qianlong.

Segundo Li Haibo, un analista chinés contemporáneo, esa política, que non dubida en calificar de soberbia e disparatada, tivo un coste elevadísimo. Occidente abriu as portas da China a canonazos. Nunca máis volverían cometer o mesmo erro. Agora negocian, dialogan e no ano 2000, coas prazas de Hong Kong e Macao recuperadas, Beijing conseguirá normalizar con Occidente algo máis que unhas simples relacións comerciais. Péchase, afirma Haibo, todo un ciclo histórico marcado pola decadencia e o conflicto.

Nos anos trinta deste século, Frederick Birkenhead, un lord inglés ben coñecedor das potencialidades da China, convencido da xenialidade práctica dos chineses e da súa capacidade para os negocios e para o exercicio da administración, vaticinaballes un novo século de riqueza e protagonismo. Naquel momento parecía incrible, pois a China, desfeita por graves conflictos internos, presentaba un aspecto desolador. ¿Os tempos son chegados?

A apertura de Deng

Cando Deng Xiaoping, apodado A Cortiza porque sempre saía a flote, comezou a impulsar a reforma e a apertura (a finais de 1978), un mandato constitucional prohibía aceptar cretos ou investimentos estranxeiros. Aos poucos meses de iniciar o cambio de rumbo, xurdían as primeiras zonas económicas especiais, nas proximidades de Hong Kong e Macao. A apertura ó mundo (kaifang, en chinés) foi o primeiro e máis inequívoco signo de que os tempos estaban a mudar substancialmente. Estes enclaves funcionarian como pequenos oasis capitalistas (as xanelas, diría Deng, por onde debía entrar o aire fresco e quizáis algúns mosquitos) nos que se concentraría o investimento exterior. Este achegouse con rapidez e confianza. Algúns municipios, sen contar coa autorización do goberno central, impulsaron as súas propias zonas económicas especiais para non quedarse atrás na captación de recursos foráneos. Yang Ding Hua, secretario do Partido nunha destas zonas, lembra a febre desta primeira etapa que convertía case dun día para outro, inmensos baldios de area en prósperos poligonos industriais. Hoxe as empresas mixtas e de capital totalmente estranxeiro proliferan a esgalla.

Pero a estratexia reformista colleitou os seus primeiros éxitos no campo. Suprimindo as comunas, evitando a privatización da terra e estimulando a producción individual, o salto experimentado na rendibilidade agrícola foi xigantesco. Ata 1984, ano en que a reforma chega ás cidades, os campesiños, máis do oitenta por cento da poboación, foron os grandes beneficiarios. Hoxe, sen embargo, queixanse de certo estancamento.

Marco Kamiya, un economista peruano residente en Tokio, asegura que os líderes chineses están moi confiados na certeza do camiño elixido e gañaron en autoestima; eles mesmos buscan o investimento estranxeiro ofrecendo o país como un inmenso mercado. Se a China lograr crecer ó mesmo ritmo dos últimos anos, afirma Kamiya, no 2025 contará con 1800 millóns de habitantes e se logra equiparar o nivel de ingresos ó existente en Taiwán, acumulará nese momento a forza combinada de Xapón, Estados Unidos e a metade de Europa. Estimacións aparte, sempre discutibles, hoxe ninguén quere quedar fóra e todos se espabilan para asegurarse unha mínima presencia no mercado potencial máis importante do futuro.

¿A meca dos negocios?

A finais de Setembro reuníase o Foro Global Fortune no Centro de Conferencias Internacionais da nova zona económica especial de Pudong, en Shanghai. Neste Foro reúnense anualmente as 500 empresas máis poderosas do mundo, seleccionadas pola revista Fortune, propiedade de American Time Warner Inc. En Shanghai, os executivos das máis importantes compañías transnacionais coincidiron ó sinalar que a China é o socio ideal para desenvolver proxectos no marco da economía internacional. Segundo o organizador da Conferencia, John Needham (nada que ver con Joseph Needham, o autor de Science and Civilisation in Chine), na zona de Pudong instalaronse 98 das primeiras 500 empresas do mundo investindo en 181 proxectos por un valor de 8.061 millóns de dólares.

¿É para tanto a cousa? Segundo a profesora Suk-ching Ho, da Universidade Chinesa de Hong Kong, as oportunidades de rendibilidade son máximas no ámbito dos bens de consumo de alta mobilidade, con marxes brutos do 18-25%. En Estados Unidos estas marxes aproximanse ó 10%. As expectativas de demanda de consumo manteranse á alza nos próximos anos con toda probabilidade. Segundo outro informe elaborado por DRI/McGraw-Hill, o territorio continental chinés disfruta do mercado de consumo máis rápidamente crecente do mundo na década 1994-2003, expandíndose a unhataxa media anual real do 7,5%. Este mesmo informe prevé que a China superará a Xapón para converterse, no ano 2003, na segunda maior economía do mundo. Pese á disparidade no crecemento da renda entre as distintas provincias e entre os fogares urbanos e rurais, o informe afirma que cando se manexan cifras de 1.200 millóns, “incluso unha pequena porcentaxe desta gran poboación supón millóns de consumidores económicamente desafogados”.

Segundo fontes oficiais chinesas, a taxa de contribución do consumo residente ó crecemento económico é do 58,8% en 1997, inferior ó nivel de Gran Bretaña e Francia nos anos sesenta e por debaixo da maioría dos países desenvolvidos (66,4% en Xapón, 82,8% en Estados Unidos. Dado que a reestructuración económica entrou na fase máis dura e numerosas medidas afectarán ás condicións de vida, no que atinxe á vivenda, á saude, o emprego, as pensións ou a educación, poucos son os que están dispostos a desprenderse con facilidade dos aforros. Por iso comeza agora o boom da compra a creto, os préstamos persoais, etc, especialmente, nas grandes cidades. Lou Jiwei, viceministro de Facenda, anunciaba recentemente que o Consello de Estado decidiu elevar os salarios dos residentes urbanos de ingreso baixo e medio e as pensións dos xubilados co obxecto, entre outros, de estimular o consumo e favorecer a elevación de prezos dos productos agrícolas. Os intereses dos depósitos bancarios devengarán un imposto do 20%, anunciou Xiang Huaicheng, ministro de Facenda.

Outro factor importante é o florecemento da clase media. Un estudio publicado por Hong Kong Economic Times (1995) dividía os fogares urbanos do país segundo a posesión de activos financeiros (diñeiro en efectivo, aforros en bancos e accións), identificando cinco categorías: os moi ricos (1%), os ricos (6%), os acomodados (55%), os que teñen o xusto (34%) e os pobres (4%).

Lonxe quedan os tempos en que a intensa ideoloxización levaba a crer que “era mellor a herba socialista que a comida capitalista”, porque, como afirma Wan Yuxian, un simpático investigador de Beijing, “a herba non se come”. Agora a actividade económica comeza a tomar en consideración as aspiracións dos consumidores e parellamente xurde un movemento de defensa que, segundo Yang Ke, presidenta da Asociación de consumidores de toda a China, comeza a tomar conciencia dos seus dereitos.

Asi pois, todo o mundo semella estar ilusionado con este país. A boa marcha da economía, as expectativas de crecemento, a demostrada capacidade para sortear as crises financeiras do sudeste asiático, as proxeccións das instancias económicas internacionais, volven a poboar os camiños que levan a Oriente. Pese á subsistencia de desequilibrios e problemas, a garantía de estabilidade política que ofrece o réxime anima ós investidores que precisan novos mercados para os seus productos. O espíritu empresarial dos chineses, o compromiso laboral,os baixos salarios, as ansias de consumo, recrean un ambiente que todos califican de idóneo para desenvolver negocios. Pese a ser un país en vías de desenvolvemento, por todas partes, mesmo nas rexións mais atrasadas, pode percibirse un ambiente de ilusión que otorga ó rexime un amplo marxe de confianza para resolver contenciosos sociais que noutro contexto poderían derivar en crises abertas. Ninguén ten memoria de haber vivido mellor que agora.

Pero a China non é un país económicamente uniforme. As diferencias entre as rexións costeiras e do interior son especialmente significatvas. Eses desequilibrios territoriais preocupan moito ó goberno central que hai tempo procura desviar o investimento exterior para esas zonas nas que proxecta importantes realizacións en materia de infraestructura. O desenvolvemento na costa provoca á súa vez, algúns fenómenos sociais descoñecidos ata hai pouco. Dunha banda, a aparición da poboación flotante que deambula do campo para a cidade en busca de mellores condicións de vida. Doutra, a exteriorización das desigualdades no medio urbano, incapaz de dar resposta ó acelerado proceso de urbanización provocado polo crecemento e as migracións. A pobreza vaise reducindo, se ben aínda falamos duns corenta millóns de persoas (case a poboación de España).

Incorporar a dinámicas de consumo a unha quinta parte da humanidade é un pastel demasiado apetitoso. Os chineses deixanse querer e abandonan paulatinamente as vellas máquinas de coser, os aparellos de radio, os reloxos, etc, para substituilos polos “seis grandes bens”, é dicir, a televisión de cor, a neveira, a cámara fotográfica, o ventilador eléctrico, a lavadora e o radiocasete.O teléfono experimentou nos últimos anos un alza considerable, pero o ano que ven unicamente 5 de cada cen chineses disporán deste instrumento para a comunicación. Toda unha oportunidade e un desafio que compriría moderar con algunhas doses de racionalidade, mesmo por razóns estrictamente medioambientais.