A soga

 Execución Sadam Hussein, clic para aumentar
En máis dunha ocasión se ten comparado a George Bush con un vaqueiro do Oeste. Á vista da execución de Sadam, cabe pensar que a soga, e non a lei, será tamén aquí o simbolo da nova democracia iraquí.
 

A execución de Sadam Hussein exemplificou ás claras a ausencia de Estado en Iraq e como mesmo a EEUU, ata entre os seus afíns, a situación escapa ao seu control, cada vez máis en mans das milicitas xiítas mellor organizadas, en especial, o chamado Exército Mehdi, que campea ás súas anchas, na máis absoluta impunidade.

En máis dunha ocasión se ten comparado a George Bush con un vaqueiro do Oeste. Á vista da execución de Sadam, cabe pensar que a soga, e non a lei, será tamén aquí o simbolo da nova democracia iraquí. Bush, noutrora escudado no conservadurismo compasivo para edulcorar o seu entusiasmo pola pena capital, converteu a Sadam noutro mártir a quen honrar, cunha torpeza dificilmente superable e só proporcional á inutilidade deste derradeiro acto que proporcionará novos argumentos ás milicias que combaten a presenza da ocupación estranxeira e aos seus aliados.

A indignación tivo dúas caras. A primeira, a de moitos países árabes, consternados pola data elixida, en plena festa musulmana do sacrificio, a Aid al-Adha, e temerosos das consecuencias políticas para o enfrontamento interconfesional que acada niveis cada vez menos disimulados e con risco de derivar nun divorcio irreversible entre sunitas e xiítas. A segunda, en Occidente, pola asombrosa ambiguidade do novo secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, quen evitou condenar a execución, a diferenza da comisaria para os dereitos humanos, Louise Arbour. Aínda que en Seúl estea vixente a pena capital, non é razón que xustifique esta ruptura coa oposición tradicional da ONU á pena de morte.

A administración Bush considerou a execución "un paso importante cara a democracia". O seguinte será o envío de máis soldados. En Washington non se entende outra lóxica que non sexa a da vinganza e da forza, dinámicas que levarán máis padecementos á sociedade estadounidense e, sobre todo, á iraquí. Contánse xa por centos de milleiros os mortos nestes tres anos de "liberación" de Iraq. Nunha comparecencia con Angela Merkel, Bush considerou que a execución podería ter sido máis digna e lembrou que tivo dereito a un proceso que él negou a milleiros de persoas asasinadas durante o seu réxime. E cantas están sendo axustizadas diariamente no Iraq post-Sadam? O xefe do goberno iraquí, Nuri al-Maliki, asegurou aos xornalistas que se tratou dunha valiosa achega do novo Iraq á causa dos dereitos humanos no mundo. A seguido, ordenou a clausura do canal de televisión sunita, Al-Sharquiiya. Ese é o manual de instruccións dos demócratas que fabrica Bush en Bagdad.

Sexan cales foran os crimes de Sadam, o seu xuizo foi unha parodia e careceu tanto de garantías mínimas como da máis elemental imparcialidade. E a independencia da xustiza determina en boa medida a calidade de calquera sistema que se pretenda democrático. E un se pregunta se con estes exemplos pode quedar alguén no mundo árabe con ilusión ou querencia por unha democracia como a promovida por Occidente e que dista tanto daquel oasis prometido de liberdade, xustiza e seguridade persoal.