Oirixinalmente no Nós Diario do 5 de decembro do 2023
Luanda

Angola, un mercado potencial para Galicia?

Tal e como recoñece a Lei Paz Andrade, “no actual mundo globalizado, as institucións galegas, comprometidas co aproveitamento das potencialidades de Galicia, deben valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional”. Como tamén recolle a propia Lei, a comprensibilidade entre linguas fai que o galego sexa porta de entrada para o mercado de “nove países, e do territorio de Macau, na China. Entre estes países figuran potencias económicas como o Brasil e outras economías emerxentes”. Tal é a potencialidade lingüística e cultural que a propia Lei convida ás autoridades galegas a “promover economicamente todas cantas medidas sexan posibles para mellor e valorizar esta vantaxe histórica”.

A Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX 21-27)

Recollendo o guante lanzado pola Lei Paz Andrade, e os múltiples esforzos levados a cabo desde diferentes axentes (o IGADI entre eles), a EGAEX 21-27 aspira a levar as relacións cos países lusófonos alén das relacións co veciño portugués. Por este motivo, a Estratexia recolle un plan específico para reforzar os vínculos co país brasileiro, vinte veces superior en tamaño e consumidores ao portugués. O motivo: o volume actual das relacións comerciais co país americano supón menos do 6% do importe total co país veciño. Queda moito por facer nese sentido. Mais a cuestión é se a nosa ollada debe dirixirse unicamente cara Brasil.

Será Angola unha economía emerxente no futuro?

Ademais de Brasil, dous países de fala portuguesa destacan polas súas proxeccións demográficas: Angola e Mozambique. Ambos contan cunha poboación actual que supera os 32 millóns de habitantes, pero as proxeccións demográficas indican que poderían duplicar os  habitantes en 2050. Entre estes dous países é Angola o que conta con maior PIB per cápita (6.881 $ en PPA).

Angola1 2

Despois dunha longa guerra civil que finalizou en 2002, Angola vai transformándose desde unha economía post-conflito a unha economía tipicamente de mercado. Para isto conta coa axuda de abundantes e crecentemente aproveitados recursos naturais: petróleo, gas natural, diamantes, minerais, recursos hidráulicos, madeireiros, agrícolas e pesqueiros. Ademais, son  sectores claves da economía a distribución e o transporte. Precisamente varios destes sectores coinciden coa especialización produtiva galega. Tras anos de guerra, Angola está inmersa nun proceso de apertura dos seus mercados, antes caracterizado polo dominio oligopolístico. Esta apertura maniféstase en sectores como o dos produtos básicos para o desenvolvemento industrial, ou o agrícola e o sector servizos (Oficina comercial de España en Luanda).

Tal e como recollía nun recente artigo de investigación (ver Revista de Estudios Regionales), a día de hoxe o total de exportacións galegas a Angola é moi pequeno, apenas 3 millóns de euros en 2022 (Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de España). Máquinas e aparellos mecánicos, aparellos ópticos, carne, vehículos automóbiles e aparellos eléctricos son os principais produtos que facemos chegar a este país. Ao contrario, Galicia importa mercadorías angolanas por valor de case 5 millóns de euros, practicamente o 99% de sal, xeso e pedras para traballar,  tendo mínima presenza tamén as compras de froita e outros froitos.

Sen dúbida, o descoñecemento do mercado, a necesidade de colaborar con socios locais e a aversión ao risco por falta de pagamento foron un freo para as relacións comerciais bilaterais nos últimos anos. De feito, apenas hai relación comercial co país, agás unhas poucas empresas de pesca, agroalimentación, compoñentes industriais e enxeñaría. Mais a apertura e expansión do mercado angolano, unidos a un incremento da fiabilidade do cobro nunha economía fortemente dependente dos investimentos estatais, poderían facer este destino comercial máis atractivo en vindeiros anos. Con todo, a día de hoxe o paro xuvenil continúa a ser elevadísimo. Mais o esgotamento das enerxías fósiles podería levar a incrementos do prezo do petróleo, a principal fonte de ingresos do país, o que á súa vez podería redundar na mellora das condicións de vida da poboación, e no incremento da demanda, acelerando os efectos do proceso de apertura iniciado. Arredor de 70 millóns de consumidores potenciais que falan nunha lingua coa que é posible comunicarse, e con rendas crecentes, ben merece (tamén) comezar a poñer atención na evolución de mercados coma o angolano.

[Publicado en Nós Diario, Decembro 2023]