beijing yuyuantan park01

Carta de Beijing

 Yuyuantan Park, clic para aumentar
Os parques de Beijing son unha delicia. Neste, por exemplo, no Yuyuantan, cada quen realiza a súa actividade (ximnasia, canto, conversa, etc), sen que ninguén estorbe a ninguén, nin se acobarde por pudor ou sentido do ridiculo.
 

Beijing, capital da China, é o epicentro hoxe dunha xigantesca transformación. Éo por varias razóns. Primeiro, claro está, pola non tan pequena revolución que vive a cidade de cara aos xogos olímpicos de 2008. Segundo, porque é o espello no que se advirten as inmensas contradiccións que latexan no proceso de reforma que vive o país e onde se sinalan as pautas básicas para transformaren esas tensións, segundo o discurso oficial, nesa harmonía confuciana con sabor a “ben común”. E terceiro, porque é aquí, como foi en 1989, onde unha nova xeración pula por abrirse camiño, gañando máis espazos de liberdade, á sombra dun poder ás veces desconcertado e sempre temeroso dun cambio que dea ao traste coa delicada filigrana armada nas tres últimas décadas.

De entrada, como ben sabemos, Beijing é o corazón político e cultural de China, rico a pracer nunha historia que se reflicte nos seus parques, nos seus grandiosos palacios e magníficos templos. Esa Beijing de hoxe é a capital dos contrastes: os vellos hutong, coas súas estreitas rúas, conviven coas novas avenidas onde o neón e os altos edificios acristalados, sen atributo oriental ningún, dan conta da asunción desa modernidade universal que tanta atención dispensa á opulencia máis ostentosa como despreza a miseria que habita as súas beirarrúas. Paseando por este Beijing, un pode atravesar o tempo, un recuncho no século XXI, outro 50 anos máis atrás, etc. A poboación desta cidade, sempre con sono e a un ritmo menos frenético ca de Shanghai, multiplica por sete a de Galicia enteira, nunha secuencia de microcosmos que se vai desenvolvendo por ondas, distrito a distrito, nunha autentica eclosión de procedencias das outras chinas e do rural. Se un atravesa o eixe principal da cidade, en Fuxingmen ou en Jianguomen, pode atopar aínda nunha mesma rúa ao executivo engarabatado co seu portátil, ao pensionista en pixama, ao reparador de bicicletas co taller instalado no recanto da rúa, ou ao zapateiro que se apropia dun anaco de xardín para instalar un armario e unha banqueta co que presta auxilio aos numerosos viandantes. Non esquezamos que Beijing é unha cidade apta para camiñar e gozar da sombra das árbores, a miúdo repletas de niños. Non é fácil perderse, pero é aconsellable un bo manexo dos puntos cardinais.

Simon Leys, o recoñecido sinólogo belga, dixo nunha ocasión que despois da reforma de Tiananmen que deu paso á nova e inmensa praza que hoxe coñecemos, Beijing quedou sen alma. As transformacións urbanas que viviu esta capital despois de 1949 foron moi importantes, sobre todo entre os primeiros anos cincuenta e ata mediados dos sesenta, coa irrupción de edificios de vivendas e fábricas (hoxe trasladadas á periferia), a construción da primeira liña de metro (nos anos sesenta) e a destrución dos antigos muros da cidade (1964) que foron substituidos polo que hoxe coñecemos como segundo anel. Moita da convulsa historia política da China maoísta desenvolveuse en edificios de apariencia neutra que pasan totalmente desapercibidos. Un exemplo pode ser o Hotel que da fronte ao bloque onde habito, nas inmediacións do Museo Militar, en pleno corazón de Beijing. Nun principio, ese complexo hoteleiro, agora chamado Hotel Occidental e propiedade do Partido Comunista, pertencía ó Exército Popular de Liberación. Aquí residiu e conspirou Lin Piao, un dos primeiros chamados a suceder a Mao, e agora acolle as sesións do Comité Central do PCCh. O parque situado da outra banda da rúa, Yuyuantan, estivo ocupado pola Banda dos Catro. Nos últimos anos, é de libre acceso, salvo a Casa de Hóspedes Diaoyutai, onde fixan a residencia dos visitantes ilustres. Nesta zona é onde se celebran as conversas a seis bandas sobre o problema nuclear coreano.

Os parques de Beijing son unha delicia. Neste, por exemplo, no Yuyuantan, cada quen realiza a súa actividade (ximnasia, canto, conversa, etc), sen que ninguén estorbe a ninguén, nin se acobarde por pudor ou sentido do ridiculo. Nunha zona reúnense os enfermos de cancro para practicar uns exercicios seica sanadores. Noutra, os pais, preocupados polos fillos e fillas que non teñen perspectivas de casamento, intercambian fotos para atopar a parella que poña fin a unha soedade que lles preocupa mais a eles ca ós propios fillos. Nunha beira do parque queda a única minicentral hidroeléctrica que funciona no centro da capital e que debe abastecer todos os edificios estratéxicos que acolle a zona (dende a CCTV a instalacións militares). Nos seus muros hai unha inscrición caligráfica de Guo Moruo. Anacos de historia. Eran outros tempos.

Pero sen dúbida, o parque mais elegante é o Beihai, cos seus xardíns, pavillóns e a pagoda branca de estilo tibetano na illa das hortensias. Pouco queda da construción que imaxinara Kublai Khan, a excepción do enorme vaso de xade verde e de 3,5 toneladas que se utilizaba para conservar o seu viño. Polo demais, o atractivo de Beihai reside no romanticismo que precipitan os seus sauces choróns e a xeografía humana que o habita todos os días, especialmente nas primeiras horas da mañá cando é literalmente invadido polos mestres de kungfu coas súas espadas, os caligrafos que, con auga, escriben poemas sobre o pavimento, as masas corais de pensionistas, os cantantes de ópera que proban as súas voces gorgoxeando ante a inmensidade do lago, os grupos de música tradicional ou os que simplemente se divirten bailando nos arredores de calquera pavillón. Lindando con Beihai está a zona de Zhonnanghai, de uso exclusivo do goberno.

Ese Beijing parece intocable. Pero moitos habitantes da capital afirman sentir nostalxia da propia cidade. É coma se un terremoto silencioso a percorrera diariamente. O ritmo de transformación propulsado pola reforma iniciada nos anos oitenta, deu paso a unha prosperidade que está poñendo fin a un modo de vida. As voces críticas desa transformación aseguran que no conxunto do país a febre construtora leva destruido máis ca propia Revolución Cultural. Mesmo nos hutong, a remodelación que está a experimentar, adecentando e mellorando o seu aspecto, xera moita disconformidade social pois sacrifica a común familiaridade dos residentes. Miles de millóns de dólares, miles de millóns de metros cadrados, millóns de camas, millóns de turistas, todo vai por millóns, nun esforzo de organización certamente espectacular que non obstante deixa as súas sombras. Unha zona de 5,6 Km2 foi establecida como zona histórica a preservar para que en 2008 poida ser admirada polos visitantes.

Sen dúbida, unha das maiores hipotecas que hoxe pesa sobre Beijing é o clima. As tempestades de pó procedente do deserto de Gobi deixan un verniz amarelo sobre a cidade certamente espectacular. A contaminación do aire explica que moitos cidadáns circulen con mascariña moitos días do ano. A escaseza de agua é un serio problema. Numerosas tardes, pódense escoitar os avións militares en plena faena para provocar chuvia artificialmente.

A vida cultural de Beijing é moi rica, animada polos artistas, estudantes e a intelectualidade. A capital conta con máis universidades e institutos ca ningunha outra cidade de China, actualizando aquel pasado en que se erixía como a referencia do saber confuciano durante a época imperial. Aínda gozando de maior liberdade que o común dos cidadáns, a intelectualidade chinesa segue a desenvolverse “coma pelos que vexetan na pel”, é dicir, sen independencia efectiva. A forte concentración de escritores e pensadores creou un público entusiasta pola literatura, a pintura e a arte en xeral, incorporando a nativos e oriundos chegados doutras provincias. Non obstante, algunhas fontes aseguran que o público lector estase reducindo. Se un viaxa no metro, sempre moi concorrido, poderá comprobar que os libros, substituídos por xornais ou móbiles, brillan pola súa ausencia. As manifestacións desa inquedanza cultural abarcan tanto a gastronomía como a música, a arquitectura ou a artesanía. O mais orixinal sen dúbida é a Opera de Beijing, que inclúe canto, acrobacia, música e danza. A maquillaxe que acompaña aos artistas ilustra os trazos principais da súa persoalidade, sen que nada se deixe ao chou, en escenarios con fondo histórico, célebres episodios dos que tanto gustan os chineses. Os amantes da artesanía e das antiguedades poden gozar a pracer en Panjiayuan.

¿Está baixo control esta efervescencia? ¿Pódese controlar? No PCCh reside a clave do proceso de cambio que vive este país, chamado a ser a referencia do mundo no século XXI. Partidario e estatal, no poder central instalado en Beijing, reside a clave da evolución futura de China. A maior hipoteca que pesa sobre eles é a dúbida sobre a súa capacidade para, non só controlar, senon tamén acompañar a evolución dunha sociedade que vai atopando camiños novos de expresión que suscitan reservas ou temor. A sensación de certo relaxamento no control é bastante apreciable, a diferenza doutras épocas. Por iso, probablemente, o principal desafío á dirixencia chinesa proveña aínda dun campo que preocupa cada vez máis e sobre o que se volve a dirixir a mirada gobernamental e partidaria. A pesar de todo, sería errado pensar na China de 2006 como un país dividido en dous, cunha sociedade que avanza cara a democracia e un Partido ríxido e obtuso que só pensa na censura. Todos os elementos están presentes pero calquera simplificación pode levarnos a conclusións moi erradas.

Boa parte dos que hoxe rexen os destinos de China son herdeiros de Hu Yaobang, o mais liberal dos últimos reformadores chinos. Despois dos sucesos de Tiananmen e da desfeita soviética, que moitos deles viviron como experiencia persoal cando comezaban a súa carreira nas instancias do poder central, a preocupación sobre o futuro político de China pesa e moito sobre as súas cabezas. Os debates internos, na escola do Partido ou na Academia de ciencias sociais, sitúanse arredor das grandes cuestións políticas que obsesionan a China desde a morte de Mao, da que por certo cúmprense agora trinta anos. É a separación do Partido e o Estado, a independencia da xustiza, as eleccións libres, a erradicación da corrupción, etc. Pero o avance nesa dirección é moi lenta aínda, e a prudencia predomina sobre calquer outro valor.

Esa prudencia é consecuencia de algo que dende fóra non sempre se aprecia debidamente: as fortes tensións que fragmentan a sociedade chinesa contemporánea. Como se estiveramos ante unha obra na que unha valla exterior reflicte unha paisaxe bucólica mentres no interior a dureza do traballo e as pésimas condicións laborais imprimen velocidade á construción, na China de hoxe, a harmonía que proclama Hu Jintao brilla pola súa ausencia. Os abusos son unha constante: salarios impagados, incluso en Beijing, protestas brutalmente reprimidas, confiscación de terras aos campesiños, minas perigosas que provocan milleiros de mortes, corrupción a gran escala (o último caso sonado foi o de Liu Zhihua, tenente de alcalde de Beijing, encargado de supervisar as obras das infraestruturas olímpicas, destituído do cargo o 11 de xuño), prácticas mafiosas, etc.

¿Son conscientes os dirixentes chineses da complexidade crecente da sociedade que pretenden dirixir? Nos próximos 20 anos, o 50% da sociedade chinesa vivirá nun entorno urbano, a elevación do nivel de vida, o contacto co exterior e a satisfacción das necesidades básicas darán paso a outras inquedanzas e anhelos. Hoxe esa ebullición exprésase a través de internet, en centos de milleiros de blogs, de forma informal e sen trasladarse aínda ó ámbito político. A pesar diso, a política non é un fenómeno espontáneo en China e non existe unha oposición estruturada, nin se pode falar realmente da existencia dunha sociedade civil independente, se ben os fermentos que lle servirían de base poden estar dispoñíbeis. En calquera caso, á excepcional policía electrónica do réxime non lle faltará que ler.

No ámbito social, na educación, na saúde, etc, ante a ineficiencia do poder público, emerxeron nos últimos anos diferentes iniciativas e sistemas paralelos, dos que só poden gozar algúns privilexiados. Se antes, calquera cidadán en situación de indefensión buscaba o amparo dunha autoridade central para ser escoitado, hoxe, convencidos da inoperancia dos circuítos oficiais, as vítimas buscan a protección dos mais ricos para superar as súas dificultades. Ese desprazamento alerta da perda da autoridade tradicional para estender o ámbito común das guanxi (o caciqueo).

Imaxinar que o imobilismo e o control totalitario poden conter esa efervescencia semella vaticinar un desbordamento político de graves consecuencias. É por iso fundamental que o proceso democrático avance, que con todas as características chinas que sean precisas, o estado de dereito se instale e garanta ás persoas medios ao seu alcance para loitar con eficacia contra os abusos das autoridades, sexan poderes locais, policías ou empresarios sen escrúpulos.

Falta por ver se os poderosos intereses económicos e politicos que esperta a reforma non xerarán tensións no seo mesmo do poder. Sería unha das peores perspectivas. No vello imperio do centro, as grandes crises non acostuman a xurdir polas protestas sociais, senón polas loitas políticas que se desenvolven nese cumio que acolle esta Beijing, unha capital que, a un ritmo contradictorio, está a mudar de carril a recente historia china.