China está presente en todas as noticias, na maioría dos produtos que compramos, nas negociacións internacionais, mesmo nas nosas conversacións. Porque China é punteira en tecnoloxía, avances científicos, desenvolvementos industriais e patentes, e ocupa o primeiro lugar no comercio mundial tanto por volume como por número de países. A súa presenza na xeopolítica e o seu protagonismo globalizado medran rapidamente.
O seu modelo político é provocadoramente alternativo ao occidental. ¿Que queda do comunismo de antano? ¿Que significa un modelo de “Socialismo con características chinesas” ou de “Economía de mercado socialista”?
Sobre todo isto trata o ensaio realizado por Salvador Beltrán, prologado por Xulio Ríos, asesor emérito do Observatorio de Política China. Analiza cal é “a receita” que orientou este prodixio sen parangón na historia. Descóbrenos unha China eficaz, pragmática, de posicións claras e futuro prometedor. Revela os elementos máis determinantes do seu éxito, critica a política de falta de liberdades e afonda nas razóns culturais que tratan de xustificalas.
En definitiva, unha análise innovadora que nos permite saber: ¿como é posible que China chegase ata aquí?
O libro aborda a enorme evolución do país desde a perspectiva da súa filosofía política, do transgresor modelo económico, dos aspectos sociolóxicos, culturais e ideolóxicos do contexto histórico desde 1979 ata a actualidade, así como dos deseños estratéxicos e dos equilibrios renovadores fronte aos involucionismos.
Todo isto cunha pregunta final: ¿en que medida é exportable ou imitable este modelo? ¿Que cousas se poden aprender?
É evidente que Europa segue a ser a brúxula ética cuxa fortaleza reside fundamentalmente nos Dereitos Humanos e nas garantías das liberdades políticas da cidadanía.
Porén, atopámonos ante un mundo completamente distinto ao do século XX, cunha nova orde xeopolítica na que a nova división de bloques está liderada, por unha banda, por uns EUA que, con Trump á fronte, están a descender de forma acelerada nos seus graos de democracia, ao tempo que fomentan a imaxe dun socio pouco fiable e agresivo; pola outra banda, o liderado represéntao China, que agrupa na súa órbita, cada vez máis, os países en desenvolvemento, que xa suman o 51 % da poboación mundial se consideramos os BRICS e os seus socios estratéxicos. O liderado de China é incuestionable, así como a súa evolución prodixiosa. A sociedade chinesa avanza a unha velocidade como ningunha outra potencia o fixo nunca.
Non podemos fundamentar as nosas análises en opinións, crenzas ou prexuízos. E iso é o que pretende S. Beltrán con esta análise: explicar cales son os elementos que propiciaron que China sexa hoxe a segunda potencia mundial, quen foi o seu artífice e que papel xoga o seu líder, Xi Jinping. Porque o que é seguro é que un prodixio así, este crecemento vertixinoso en todos os ámbitos sociopolítico-económicos, non é froito da casualidade.
O libro non pretende facer un exame de “aprobado” ou “suspenso” do réxime chinés. É unha análise de bisturí na que a crítica negativa se alterna, sen apriorismos, cos recoñecementos positivos. A experiencia chinesa é demasiado importante en todos os sentidos como para resolvela cunha cualificación global.
A análise do libro céntrase nos elementos diferenciais respecto ao modelo occidental, en observar as discrepancias e en tratar de ver as razóns que levan os chineses a adoptar determinadas solucións. Non é sensato pensar que China sexa capaz dese enorme prodixio que levou a centos de millóns de persoas da máis radical pobreza a un nivel de vida homologable ao das grandes democracias sen incluír ningunha idea interesante.
Ademais, o estilo no que se presenta o libro é didáctico, áxil e de argumentación doada de seguir, ben organizado, cun índice que abre a xanela á súa comprensión, e cunha coherencia interna que entrelaza os capítulos. Prioriza os contidos e os valores para que o lector poida construír con facilidade unha estrutura do seu coñecemento sobre o país desde a filosofía política, a económica e o edificio de ideais alternativos.
Un libro que nos propón abrir a mente, ser críticos e analíticos, reflexionar e, sobre todo, dialogar co noso mundo do século XXI.

