20060505 skopje cosova agim ceku

Cosova: a independencia que falta?

 Agim Ceku, clic para aumentar
Nesta consulta, a maioría apostou pola independencia, convencidos de que a minoría albanesa de Montenegro tería mellor salvagardados os seus dereitos nun Montenegro separado de Serbia. Na véspera, prudentemente, ante a hipótese dun resultado adverso, o primeiro ministro de Cosova, Agim Ceku (na foto), de visita en Berlín, salientaba que "a independencia de Cosova para nada depende da independencia de Montenegro". Pode que agora non diga o mesmo.
 

Cunha taxa de participación do 86%, a alegría da vitoria dos partidarios da independencia de Montenegro contrastaba coa tristura de Serbia, agora tamén independente contra á súa vontade.

O acontecido en Montenegro ten unha grande importancia para o futuro da rexión e quizais para toda Europa. Non rematou de todo o proceso de desintegración balcánica. Certo que Montenegro e Serbia eran as dúas derradeiras repúblicas que mantiñan un vinculo institucional, iso que se deu en chamar a mini-Iugoslavia ou, con retranca, a "criatura Solana". A diferenza de Montenegro, Cosova non mantén ese vínculo nin nunca foi unha República, pero a esixencia dun referendo de autodeterminación sempre atopou en Serbia unha gran resistencia por mor da relación que garda este territorio coa súa mitoloxía nacional. E, obviamente, porque admitir un referendo en Cosova, dada a súa composición demográfica, significa admitir a súa independencia.

A UE di que o acontecido en Montenegro non vai ter repercusión nas negociacións entre Belgrado e Pristina sobre o status futuro de Cosova. Non estaba claro que así fose antes do referendo, pero agora, cos resultados na man, o ánimo dos cosovares verase fortalecido por este trunfo. Nesta consulta, a maioría apostou pola independencia, convencidos de que a minoría albanesa de Montenegro tería mellor salvagardados os seus dereitos nun Montenegro separado de Serbia. Na véspera, prudentemente, ante a hipótese dun resultado adverso, o primeiro ministro de Cosova, Agim Ceku, de visita en Berlín, salientaba que "a independencia de Cosova para nada depende da independencia de Montenegro". Pode que agora non diga o mesmo.

A independencia de Montenegro alenta a independencia cosovar e reduce as posibilidades de resistencia de Belgrado. Serbia queda más illada ca nunca. Bruxelas, pendente da entrega do xeneral Mladic, sentirase agora máis forte para demandar un xesto de Belgrado. E os ultranacionalistas terán motivos, en ambos casos, para premer en Vojislav Kostunica, e seguir aumentando en intención de voto (35% antes da consulta). Será difícil impedir a curto prazo que a Serbia residual abrace a ultradereita.

A resolución, por vía democrática, do contencioso de Montenegro debe dar paso a unha solución semellante para Cosova, fixando un novo punto de partida para o establecemento de novas relacións no espazo balcánico e no conxunto europeo. En definitiva, para concretar outras formas de unión.