Crise constitucional en Ucraína

A sesión da Verkhovna Rada, o Parlamento ucraíno, pechouse prematuramente o pasado xoves 15 de xaneiro porque a oposición obstruíu o seu funcionamento, non disposta a aceptar a forma en que tratan de promover a reforma constitucional a maioría parlamentaria e máis os comunistas, que propoñen a elección do presidente do país polo Parlamento. O proxecto de lei respectivo, a pesar das protestas e tentativas da oposición aviadas a bloquear as actividades parlamentarias, foi aprobado por votación a man alzada. O comité regulamentario do Parlamento recibiu máis dunha ducia de declaracions de deputados alegando violacións do regulamento e da Constitución durante a votación do proxecto da reforma constitucional. Os membros do comité, que non puido reunirse formalmente debido á ausencia dos representantes da maioría e dos comunistas, sí confirmou, sen embargo, a existencia de infraccions durante a votación.

Cincuenta e dous deputados da Verkhovna Rada solicitaron que a Corte Constitucional considere a legalidade da aprobación do devandito proxecto de reforma. Neste contexto, o Partido Socialista acusa ao Presidente Kuchma e á súa Administración de inmiscuirse e tratar de influir nas actividades do Parlamento. A dirección do partido opina que a crise provocada pode ser aproveitada como un pretexto para que o presidente poña o Parlamento baixo seu control e o utilice como un instrumento da súa política.

A oposición teme que Kuchma, que agora cumpre o seu segundo mandato, prorrogue a súa estancia no poder, xa que segundo unha aclaración da Corte Constitucional, sobre a base da Constitución, actualmente en vigor, tería sido elexido só unha vez e, como todo cidadán, ten o dereito a ser elexido dúas veces consecutivas para un período de cinco anos. Dado que despois das eleccións presidenciais neste ano, debido á reforma constitucional, deberán ser convocadas outras antes de que se cumpran cinco anos, Kuchma podería presentarse como candidato outra vez máis.

A crise entrou como un tema de debate urxente na axenda da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa para o vindeiro 26 de xaneiro en Estrasburgo. O feito pon de manifesto a preocupación do Consello de Europa pola falta de democracia parlamentaria en Ucraína. Esta semana, a pesar de telo previsto para febreiro, varios representantes do comité de seguimento do organismo europeo visitaron Kiev para estudiar a situación in situ. A oposición ucraína declarou que entregará á Asemblea documentos que testemuñan que durante a votación do proxecto de reforma foi violado o regulamento da Verkhovna Rada.