A política dos átomos

Co asunto do "eixe do mal" e a teima antinuclear da Administración Bush, a Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA), pasou de ser un organismo mais da estructura onusina para erixirse no ollo grande da xendarmería nuclear mundial. Todos os estados signatarios do seu Tratado, 137 despois da retirada unilateral de Corea do Norte, teñen a obriga de comunicar todas as súas actividades nucleares e asumen a posibilidade de que a Axencia, cun preaviso de só dúas horas, poida inspeccionar calquera instalación sospeitosa sita en calquera país. As súas decisións dependen dun Consello de Gobernadores, autoridade executiva e de control, formada por corenta membros que se renovan cada ano, vintedous a proposta da Conferencia Xeral que reúne a todos os membros, e dezaoito designados polo Consello saínte.

Como case sempre acontece cando falamos do actuar da ONU e dos seus organismos, a crítica tamén pode ser cousa doada coa AIEA. Tanta obsesión con Irán, Iraq, Libia ou Corea do Norte, contrasta coa practica dunha ampla vista gorda a outras situacións como a de India, Paquistán ou Israel, estados non signatarios do Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP) e que, sobre todo neste último caso, incita aos países da rexión a sumarse ao desenvolvemento de armas de destrucción masiva para tentar estar á altura do arsenal israelí, exhibido con total impunidade día a día fronte a Intifada palestina.

¿A política da AIEA é un espello mais do escorado actuar da ONU que en tantas ocasións obvia toda actuación independente e equidistante para converterse, en realidade, nunha caixa de resonancia da política exterior estadounidense? As sospeitas de que boa parte dos seus inspectores son especialistas ao servicio de Washington forman parte da linguaxe común e das liortas coas autoridades dos países obxecto de inspección. Vímolo en repetidas ocasións no caso de Iraq. Con ser un argumento fácil, no seu favor cómpre lembrar que o actual director, o exipcio Mohamed el-Baradei, a pesar de rematar os seus estudios de dereito en New York e de traballar nesta cidade durante moitos anos como embaixador do Cairo ante a ONU, procura gardar certas distancias, moderadamente críticas, con EEUU, na liña do seu antecesor no cargo, Hans Blix. Mesmo nos días previos ao inicio da guerra contra Iraq, pese ás enormes presións recibidas, recoñeceron, mesmo publicamente, que nada do buscado atoparan en territorio iraquí. Aínda que, tamén hai que dicilo, a súa sinceridade de nada serviu para adiar ou evitar unha guerra que estaba decidida de moito tempo atrás, como cada día que pasa sabemos por diversas fontes e ben autorizadas.

No caso de Libia, país recentemente visitado, el-Baradei sinalou que a inspección demostrou que Trípoli estaba bastante lonxe de poder acceder á posesión de armas nucleares, contradicindo así as alegacións de británicos e norteamericanos, quen advertían, como no caso de Bagdad, da súa inminencia.

Aínda recentemente el-Baradei lamentaba a mensaxe contraproductiva enviada polo Congreso norteamericano cando autorizaba o desbloqueo de varios millóns de dólares para intensificar as investigacións sobre as minibombas nucleares. ¿Como convencer da non proliferación se os principais valedores desa política apostan polo perfeccionamento dos seus arsenais?