Crise das extradicións no Mercosur

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

Os catro socios do Mercosur andan mergullados nunha profunda crise diplomática que ten valeiras de embaixadores as sedes de Bos Aires, Asunción e Montevideo. O desencadéante da crise foi a fustrada petición de extradición, por parte do Goberno Paraguaio, do ex-xeneral Lino Cesar Oviedo asilado en Arxentina e do Ex- ministro de defensa José Segovia Boltes que reside no Uruguai.

O 23 de marzo deste ano morría en atentado o Vicepresidente Luís María Argaña. Detrás do magnicidio político moitos quixeron ver a prolongada sombra do xeneral Oviedo e do presidente Cubas. O caso de José Segovia, aparentemente, non está vinculado co este feito e sobre el pesa a acusación de ter malversado fondos públicos, acoutados ao período dende agosto de 1989 a marzo de 1999.

Sen pretender pescudar, a fondo, nas auténticas razóns das solicitudes de extradición e sobre a súa relación coas permanentes loitas de poder ou "vendetas" internas dos múltiples foros e do Partido Colorado que monopoliza da vida política do Paraguai, o certo é que o Goberno de Luís González Macchi ten solicitado a extradición de ambos os dous persoeiros, aos seus socios mercantís de Arxentina e Uruguai.

A negativa dos seus veciños fronteirizos a acceder as peticións de Macchi, elevou o ton das declaracións presidenciais. Mentres o presidente paraguaio calificou as decisións dos seus colegas de inamistosas e de contribuír á impunidade dos delitos, o presidente Menen amparou a súa decisión arguíndo a súa perpexidade pola incoherencia dos dirixentes paraguaios "é unha cousa que non dou entendido, a Oviedo primeiro o expulsaron e agora solicitan a súa extradición".

A crise diplomática exténdese as catro bandas do Mercosur. Hai unha semana Paraguai puxo un órdago enriba do tapete ao ameazar con non asistir ao cumio do Mercosur, previsto para comezos de decembro, e ao retirar provisoriamente os seus máximos representantes diplomáticos en Montevideo e Paraguai.

O Goberno de Menen aceptou o órdago e o seu embaixador arxentino na Asunción, José Berro, foi chamado urxentemente a consultas polo goberno de Bos Aires, logo de terse librado dun intento de agresión por parte un grupo de manifestantes que demandaban a extradición de Oviedo. Na outra das bandas, a cancillería paraguaia, decidiu o domingo pola noite chamar ao seu embaixador na Asunción para analizar a difícil situación.

Por último, na banda na que menos xogo se reparte, está Brasil quen non se libra das poderosas ramificacións desta maraña diplomática. No se pode esquecer que Brasil ven de prolongar na pasada semana e ate o 2001 o status de asilo político ao dictador paraguaio Alfredo Stroessner e do ex-presidente Raul Cubas vencellado aos sanguentos sucesos de marzo.

Á delicada situación que atravesan as relación económicas entre os dous principais socios do Mercosur Brasil e Arxentina, por mor da devaluación do rea,l engádese agora unha crise política que deixa demasiadas incógnitas no seu futuro inmediato do Mercado Común do Sur.