20080307 santo domingo chavez ortega uribe

Crises de abrir e pechar

 Hugo Chávez, Daniel Ortega e Álvaro Uribe; clic para aumentar
En diferentes graos, a solidariedade con Quito evidenciou o illamento de Colombia nunha rexión, onde, no seu conxunto, a esquerda goberna en catorce países que inflúen de modo significativo nas determinacións das organizacións rexionais. De aí o empeño en involucrar a instancias como o Grupo de Río na solución da crise, salientando a disposición de crecentes capacidades autóctonas para plantar cara aos problemas, iso sí, coa cultura política característica da zona. (Na foto, de esquerda a dereita, Hugo Chávez, Daniel Ortega e Álvaro Uribe na reunión do Grupo de Río, en Santo Domingo o 7 de marzo de 2008).
 

A crise andina disolveuse nun abrir e pechar de ollos. Despois da ruptura de relacións diplomáticas, da expulsión de embaixadores e do envío de grandes continxentes militares ás fronteiras, trasladando ao conxunto da opinión pública unha sensación de evidentes connotacións prebélicas, de súpeto, en Santo Domingo, coas desculpas de Colombia a Ecuador, cos abrazos de uns e de outros, todo se evaporou, patentando o que algúns xa consideran, non sen retranca, un novo prototipo de creación e solución de disputas internacionais. Cal é o trasfondo deste xogo, de aparencia notoriamente infantil, que tanto racha como recupera o entendemento en América do Sur?

O primeiro factor a ter en conta é o estadounidense, presente tanto no estoupido como na solución da crise. Bogotá é un dos poucos réximes proestadounidenses da rexión. Washington préstalle un gran apoio militar co obxecto de combater o terrorismo e o narcotráfico. A asignación podería superar os 600 millóns de dólares anuais. Esa axuda ten o valor estratéxico non só de conter a guerrilla das FARC senón tamén de facer de contrapeso dos gobernos de esquerda presentes en países veciños como Ecuador e Venezuela. A furibunda reacción dalgúns países á extralimitación colombiana e o cariz que ían tomando os acontecementos, levou a Washington a recomendar panos fríos para superar a crise co fin de evitar que afectase ás eleccións xerais en Estados Unidos e impedir a apertura doutra fronte nos seus grandes problemas estratéxicos (Corea do Norte, crise do Medio Oriente, Iraq, Irán…). A desculpa de Colombia ante Ecuador permitiu superar a crise, pero sería imposible, como tamén a transgresión da fronteira, sen o coñecemento e a colaboración previa de Washington.

En segundo lugar, as relacións económicas e comerciais entre Colombia e Venezuela son moi estreitas. Un 30% do comercio exterior de Bogotá realizase con Caracas e unha ruptura de relacións significaría un golpe severo para a economía colombiana.

En terceiro lugar, a clave rexional tamén é importante. En diferentes graos, a solidariedade con Quito evidenciou o illamento de Colombia nunha rexión, onde, no seu conxunto, a esquerda goberna en catorce países que inflúen de modo significativo nas determinacións das organizacións rexionais. De aí o empeño en involucrar a instancias como o Grupo de Río na solución da crise, salientando a disposición de crecentes capacidades autóctonas para plantar cara aos problemas, iso sí, coa cultura política característica da zona.