Cuba: distensión ou decepción

O Presidente Clinton anunciou o pasado día cinco a adopción de novas medidas de flexibilización do embargo á illa caribeña: ampliación a todo tipo de persoas, con ou sen familiares en Cuba, da posibilidade de enviar axuda económica desde Estados Unidos; maior comunicación aérea; establecemento dun servicio de correos directo; máis facilidades para exportar alimentos, etc. ¿quedaronse cortos nas medidas?

A reacción en La Habana, tanto a nivel gobernamental como das organizacións de masas, foi primeiro de cautela e, máis tarde, de denuncia da súa insuficiencia e de condena, unha vez máis, dun embargo inxustificable que pretende condicionar e mermar a libre e soberana elección do pobo cubano. Chama a atención, en todo caso, a inadvertencia do máis mínimo elemento positivo, a ausencia de matices e a insistencia na valoración de que as medidas pretenden abrir fendas na sociedade cubana. ¿pasaronse nas críticas?

Ninguén semella estar disposto a propiciar un xiro significativo nas respectivas posicións de principio.Da a impresión de que Washington, tímidamente, procura gañar autonomía na definición da súa política cara a Cuba, "privatizada" dende hai coarenta anos polo exilio de Miami, visceralmente anticastrista. A actual desconfianza cubana é máis que comprensible. Pero ambas partes deben saber que o futuro non pasa pola insistencia na confrontación e actuar en consecuencia: con todo o gradualismo necesario deberían realizar un esforzo de aproximación e proceder ó reexame das súas estratexias.