Cuba ¿quédase atrás?

A toma de posesión de Lula se convertiu nunha apoteósica escenificación das ilusións e esperanzas depositadas nun movemento de transformación social que emerxe froito da perseverancia, da intelixencia e da creatividade duns líderes e dunhas organizacións civís que nun tempo beberon nas fontes do socialismo cubano pero que hoxe aplican de maneira substancialmente diferente. Aínda respectando todo o que de positivo hai na Revolución cubana, gardan distancias coa mesma.

O de Brasil non é un caso único. Nos novos movementos sociais, tan ricos como plurais, que percorren América Latina, de Venezuela a Ecuador, pasando por esa Arxentina dos piqueteros e as caceroladas, un novo progresismo constrúe esa nova síntese de xustiza, liberdade e igualdade que demandan amplos sectores da cidadanía, víctimas primeiras dun liberalismo xenocida das súas economías e estructuras sociais.

Ese novo poder, plural e intelixente, complexo, introduce no panorama político da esquerda tradicional unha certa sensación de obsolescencia da Revolución cubana. Ninguén discute os seus méritos, todos saúdan a súa capacidade de resistencia, pero ninguén ousa pensar en copiar método ou precepto algún que teña aquí a súa orixe. A capacidade para trastocar os plans de EEUU para a rexión residen na moderación atrevida destas novas capitais e non tanto xa nas soflamas multitudinarias procedentes de La Habana. Cuba é cada día menos problema para Washington. O perigo do atractivo da Revolución cubana é hoxe mínimo: máis que prestar apoio aos movementos revolucionarios da rexión, agarda a solidariedade dos novos poderes que comparten populismo e progresismo e que si poden axudarlle a sair da súa canella sen saída.

Ese novo poder, se consigue dispor de tempo histórico para iso, pode ofrecer a Cuba unha nova oportunidade para a integración no Cono Sur, unha oportunidade que abra camiños de reforma diferentes e progresistas para unha Cuba tradicionalmente obrigada a elixir entre o castrismo de sempre e o anticastrismo de Miami. Non soamente oportunidades económicas, senón políticas e ideolóxicas para evitar a fosilización dogmática e avanzar na construcción de sociedades máis emancipadas a todos os niveis.

A presunta picadura que padeceu Fidel, de 76 anos, hai unhas semanas alentou de novo os rumores e as especulacións sobre a saúde do Comandante. Entre bastidores, se comenta o tono que preside o diálogo entre xenerais de confianza de Raúl e algúns xenerais estadounidenses so pretexto de contactos informais a propósito de Guantánamo ou a crise dos míseis, preparando un hipotético escenario post-Fidel baseado nun entendemento convincente para ambas partes.

Sabemos que os puntos de partida, as situacións históricas e todo o que se queira, é diferente e ningunha experiencia é trasladable mimeticamente, pero Cuba faría ben en fixar toda a súa atención no momento de cambio e de ilusión que se abre á súa beira, por moitos dos que a seguen contemplando como un referente, pero máis do pasado que do futuro. Ese futuro ten unha oportunidade se hai valentía, vontade e imaxinación para iniciar outra revolución dentro da Revolución.