De golpe en golpe

Monopolizada a atención informativa nos pormenores do truculento golpe militar en Turquía e da brutal purga post-golpe, compre observar a escasa cobertura realizada cos recentes sucesos acaecidos en Kazajstán, un dos maiores produtores de gas natural a nivel mundial, enclavado na estratéxica Asia Central, así como en Armenia, sacudida como Turquía por outra misteriosa e infrutuosa trama golpista. No caso kazajo, unha serie de protestas e inquietantes sucesos de corte subversivo acaecidos desde maio pasado, en gran medida derivados dunha polémica reforma na lei de terras, ven recreando escenarios de aparente descontento co presumible obxectivo de potencialmente desestabilizar o réxime presidencialista de Nursultán Nazarbayev. O foco neste escenario implicaría eventualmente recrear situacións de inestabilidade xa presentes durante a pasada década dentro do espazo ex soviético, agora contextualizadas nunha gradual recomposición de eixes estratéxicos dentro do espazo euroasiático. 

Apartados xeográficos Others
Palabras chave Kazajstán Eurasia golpes
Idiomas Galego

Monopolizada a atención informativa nos pormenores do truculento golpe militar en Turquía e da brutal purga post-golpe, compre observar a escasa cobertura realizada cos recentes sucesos acaecidos en Kazajstán, un dos maiores produtores de gas natural a nivel mundial, enclavado na estratéxica Asia Central, así como en Armenia, sacudida como Turquía por outra misteriosa e infrutuosa trama golpista. No caso kazajo, unha serie de protestas e inquietantes sucesos de corte subversivo acaecidos desde maio pasado, en gran medida derivados dunha polémica reforma na lei de terras, ven recreando escenarios de aparente descontento co presumible obxectivo de potencialmente desestabilizar o réxime presidencialista de Nursultán Nazarbayev. O foco neste escenario implicaría eventualmente recrear situacións de inestabilidade xa presentes durante a pasada década dentro do espazo ex soviético, agora contextualizadas nunha gradual recomposición de eixes estratéxicos dentro do espazo euroasiático. 

Neste sentido, estes inesperados sucesos acaecidos en Kazajstán eventualmente buscarían reorientar o decidido xiro xeopolítico de Nazarbayev de cara aos seus veciños, Rusia e China, consolidados polas súas respectivas esferas de influencia a través da Unión Económica Euroasiática (UEE), da Organización de Cooperación de Xangai (OCX) e da iniciativa chinesa da Ruta da Seda. Desde 2015, Kazajstán tamén ten participado en cumios BRICS-OCX, o cal suxire a súa aposta por inserirse nestes mecanismos alternativos á hexemonía occidental.

Un aspecto canto mais importante para Rusia, que observa a reprodución de diversas tensións dentro do seu denominado “estranxeiro próximo”, ese espazo euroasiático e ex soviético actualmente sacudido por crises de diversa magnitude (Ucraína, Armenia, Turquía, Kazajstán), toda vez esa reprodución de tensións implicará gradualmente a China, con peso cada vez mais ascendente nese espazo euroasiático establecido entre Asia Central e Oriente Medio, sen esquecer a esfera de influencia de Beijing no sueste asiático.

“Revolución de cores” versión 2016?

Como intrigantes son os sucesos turcos, non menos misteriosos e inquietantes son os que suceden nos derradeiros meses en Kazajstán así como en Armenia precisamente porque suxiren un reacomodo de esferas de influencia dentro do espazo euroasiático, nos que se intúen todo tipo de variables. Aquí vense clarificadas certas cartas xeopolíticas aínda inconclusas nas que se tramitan a tensión ucraína, o Brexit, o novo status quo entre Rusia e a OTAN, a indefinición dos conflitos sirio e iraquí e a cada vez mais perceptible concreción dun eixe euroasiático que desafía os imperativos xeopolíticos establecidos polo eixe atlantista.

Dous días despois do intento de golpe turco, o pasado 17 de xullo aconteceu en Ereván, capital armenia, unha intentona subversiva similar á turca, cando un grupo armado vinculado á organización radical Nova Armenia, atacou unha central policial. Neste inesperado suceso, a agrupación esixiu a renuncia do presidente Serge Sargsián, a creación dun goberno provisional e a liberación do seu líder Zhirair Shefilián, un ex militar con experiencia dentro do conflito de Nagorno Karabaj detido en xuño pasado por tenencia ilegal de armas(1).

O escenario armenio é notoriamente estratéxico. Tradicional aliado ruso e membro da UEE desde 2014, Ereván contén importantes rutas de distribución de oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio. Nos derradeiros meses vese manifestada unha renovación das tensións coa veciña Acerbaixán derivadas do conflito de Nagorno Karabaj, toda vez observa con atención os recentes avances en materia de cooperación militar entre Turquía e Acerbaixán, tramitados a través da eventual apertura dunha base militar turca en territorio azerí(2).

O eixe turco-azerí fortaleceuse a raíz do fracasado golpe turco, toda vez apareceron algunhas tensións entre Turquía e Kirguizistán motivadas pola notable presenza de redes da confraría Gülen nese país centroasiático, que provocou irritacións con Ankara tomando en conta as acusacións do goberno turco contra a rede islamita de presuntamente perpetrar a intentona golpista(3).

No caso da trama kazaja, a mesma revela unha serie de tensións internas con repercursión no mapa xeopolítico euroasiático e rexional. Un nome imponse no mesmo: o empresario Tokhtar Tuleshov, en prisión domiciliaria desde xaneiro pasado, acusado polo goberno de Nazarbayev de tentar desestabilizar ao país a través dunha serie de protestas, particularmente contra a reforma da lei de terras impulsadas polo goberno kazajo así como por presuntos vínculos con organizacións criminais.

Esta reforma das terras prevé a subasta de 1,7 millóns de hectáreas agrícolas, das que diversos sectores opositores a Nazarbayev argumentan un presunto beneficio para os investimentos chineses, tomando en conta as consignas anti-chinesas observadas entre os manifestantes.            

En maio pasado, sectores contrarios a esta lei protestaron nas cidades de Atyrau, a capital Astana, Almaty, Uralsk e Kyzylorda. Moi similar ás acusacións vertidas polo presidente turco Erdogan co respecto á presunta implicación da rede Gülen no fracasado golpe turco, os servicios de seguridade kazajos identificaron inmediatamente a Tuleshov e a súa rede de apoios como o presunto instigador dunhas protestas non menos salpicadas de carácter subversivo.

Estas protestas propiciaron mecanismos de presión para un cambio na reforma de terras que eventualmente traducira a concreción dun goberno alternativo, implicando así a diversos cargos administrativos e incluso propiciando unha polarización dentro das Forzas Armadas contra o establishment de poder en mans de Nazarbayev.

Así e todo, fontes kazajas aseguraron que Tuleshov tiña fortes vínculos con Rusia a través do Centro para a Análise de Ameazas Terroristas, un think tank ruso, do que foi director ata outubro pasado(4). Con menor intensidade ca purga turca de Erdogan, Nazarbayev instaurou unha inmediata persecución contra presuntos elementos golpistas inseridos nos sectores burocráticos, tentando así acabar coa rede de apoios presuntamente deseñada por Tuleshov.

Pero os focos de inestabilidade semellan seguir presentes. A principios de xuño observouse unha operación antiterrorista na localidade de Aktobe, da que as autoridades atribuíron a presunta autoría de militantes de movementos islamitas radicais(5). Neste sentido, este atentado foi reivindicado polo denominado Exército de Liberación de Kazajstán (Al Manar), O pasado 18 de xullo, un francotirador presuntamente proveniente de Uzbekistán provocou incidentes na principal cidade kazaja, Almaty, con cinco civís mortos(6). Nazarbayev non dubidou en cualificar de “terroristas” estes actos(7).

O péndulo atlantista e euroasiático

Ante estes acontecementos compre reflexionar sobre as eventuais consecuencias que unha posible inestabilidade en Kazajstán implicaría para a confluencia de diversos actores e dos seus respectivos intereses xeopolíticos establecidos dentro do  espazo euroasiático. E cómo o mesmo alteraría a vocación do presidente Nazarbayev de formalizar a Kazajstán como un eixe autónomo de equilibrio entre Occidente e Oriente no espazo euroasiático para este século XXI(8).

Aquí imponse o feito de ser Kazajstán un país estratexicamente enclavado en Asia Central, veciño de Rusia e China, que se ben renunciou a súa capacidade nuclear trala desintegración soviética (1991) é un dos principais produtores de uranio a nivel mundial, e finalmente por ser un dos grandes produtores de gas natural, aspecto que lle confire un status relevante a nivel mundial non só como produtor senón como país de tránsito de importantes rutas enerxéticas.

Esta radiografía vese completada polo feito de que o presidente Nazarbayeb é un firme aliado de Rusia e China, razón pola que Kazajstán é un membro estratéxico fundador da Unión Euroasiática, da OCX e da Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC). Neste sentido, Kazajstán, como moi probablemente a Turquía post-golpe dun Erdogan agora politicamente mais reforzado no seu país, tenderá a afianzar aínda mais os seus lazos de asociación estratéxica con este eixe euroasiático(9) liderado por China e Rusia, e plasmado nos anteriormente descritos organismos de cooperación e de seguridade.

A procreación deste eixe euroasiático ruso-chinés supón un desafío para o tradicional eixe atlantista que observa complicacións no seu espazo de influencia. Aquí obsérvanse as inquietudes de Washington e Bruxelas trala crise ucraína derivada da anexión rusa de Crimea (2014), da certificación de feito dunha separación territorial na rexión oriental ucraína de Donbass, das incertezas sobre o que depararán para a Alianza Atlántica tanto o Brexit como a (re) orientación xeopolítica turca post-golpe. Así, o eixe atlantista impulsado dende Washington a través da OTAN e da UE tenta recuperar esferas de influencia dentro do espazo euroasiático, co obxectivo de buscar equilibrios ante perdas xeopolíticas sensibles, e que implican neutralizar ou ben diminuír as esferas de influencia do eixe euroasiático ruso-chinés.

Neste sentido, fontes rusas e kazajas estiman que estes intereses implicarían (re) activar todo tipo de variables no espazo contiguo euroasiático en torno a Rusia e China, plasmados nunha eventual inestabilidade en Asia Central, con presumible epicentro en Kazajstán, a través da revitalización das outrora “revolucións de cores” que entre 2003 e 2005 entraron en vigor nalgúns países do espazo euroasiático ex soviético(10).

Con todo, e segundo estas mesmas fontes, a eventual revitalización destas “revolucións” non se afirmará integramente a través de movementos cívicos vinculados a estes intereses atlantistas, senón moi probablemente a través dun plan de inestabilidade en Asia Central que vincularía a movementos islamitas radicais, algúns deles afiliados ou con presunta cooperación do Estado Islámico (EI), a través de células establecidas entre Afganistán e Paquistán con fortes ramificacións na rexión.

quí aparece como principal matriz a organización panislamita Hizb ut-Tahrir, con forte presenza en Uzbekistán e considerado un antecesor histórico do EI na prosecución do Califato, e que aparentemente tería acadado unha extensa rede de apoios a través de diversos movementos islamitas radicais. As súas actividades subversivas aparentemente estarían detrás dos recentes sucesos en Kazajstán.

Trala desintegración soviética, a debilidade e suxeción occidental da Rusia de Yeltsin e o caos da “posguerra fría” no espazo ex soviético euroasiático, Occidente comprometeuse decididamente a tentar colocar a Kazajstán dentro da súa esfera de influencia. Neste sentido, Kazajstán ingresou na Organización de Seguridade e Cooperación Europea (OSCE) Pero os resultados teñen sido ambiguos neste empresa, toda vez Nazarbayev, no poder desde 1991, reorientou a xeopolítica kazaja cara Rusia e China, toda vez Occidente lle acusaba de perpetuar un réxime autocrático, sen reformas democráticas e con problemas de dereitos humanos(11).

Pero a xeopolítica obriga a reconsiderar os imperativos establecidos. Desvincular a Kazajstán do eixe euroasiático suporía para o eixe atlantista unha notable ganancia que eventualmente compensaría as alteracións estratéxicas motivadas polas recentes crises (Ucraína, Brexit, post-golpe turco) Estes imperativos cobran importancia capital tomando igualmente en conta que Turquía, membro da OTAN desde 1952, impulsa unha política de distanciamento con este eixe atlantista a favor do eixe euroasiático.

Observar un eventual caos centroasiático (Kazajstán) e caucásico (Armenia) implicaría igualmente para Rusia e China concentrar a súa atención na estabilización deste espazo euroasiático, expectativas igualmente ampliadas ante as tensións que actualmente estanse observando no Mar de China, toda vez o eixe atlantista tenta avanzar con iniciativas (TTIP, Asociación Transpacífico) de incerta seguridade. En todo caso, a profesión de intrigantes sucesos dende o Cáucaso ata Asia Central daría a entender un sórdido pulso de intereses fraguados por eixes antagónicos establecidos no estratéxico espazo euroasiático, nos que países estratéxicos como Kazajstán e Turquía estarían no punto de mira.



(8) Unha análise do proxecto de Nazarbayev de procrear a Kazajstán para 2050 como este eixe de equilibrio entre Occidente e Oriente pode visualizarse a través deste enlace: http://www.cidob.org/es/articulos/revista_cidob_d_afers_internacionals/110/entre_oriente_y_occidente_kazajstan_y_la_nueva_ruta_de_la_seda_de_china

(9) Compre observar en qué consiste este “eixe euroasiático”. O mesmo traduce a ideoloxía xeopolítica do teórico ruso Aleksandr Dugin, moi próximo a Putin, e membro do think tank Katehon, traducida na súa obra A Cuarta Teoría Política. As súas ideas implican unha recuperación do poder ruso a través das súas esferas de influencia, transmitidas na recreación da idea de Eurasia, agora ampliada cara un eixe xeopolítico que se confronte coa tradicional hexemonía atlantista occidental liderada por Washington. A confluencia dunha asociación estratéxica entre Rusia e China no espazo euroasiático determinaría as potencialidades deste eixe xeopolítico. Un esbozo das súas ideas poden atoparse no enlace: https://revistas.ucm.es/index.php/NOMA/article/viewFile/51417/47695

(10) http://katehon.com/es/news/eeuu-quiere-provocar-una-revolucion-de-color-anti-rusa-en-kazajistan . Os casos mais significativos destas “revolucións de cores” foron Ucraína e Xeorxia (2003-2004) e Kirguizistán (2005), e que levaron ás respectivas caídas de gobernos entón mais aliñados con Moscova.

(11) Amnistía Internacional acusa a Kazajstán de impunidade ante casos de tortura e d restrición de liberdades de expresión, asociación e reunión pacífica. Páxina de Kazajstán:  https://www.amnesty.org/es/countries/europe-and-central-asia/kazakhstan/