ucraina yuschenko tymoshenko

Divorcio “á ucraína”

 Yuschenko-Tymoshenko, clic para aumentar
A eliminación de Yuliya Tymoshenko como un factor demasiado radical na administración de Viktor Yuschenko pode incrementar o seu grao de aceptación por parte de diferentes actores políticos pero non proporcionará suficiente peso a súa influencia na vida política. Para avanzar con reformas, que son a "quintaesencia" do seu programa político, Yuschenko nunca poderá contar cunha maioría fiable no Parlamento que rexeitou, en xullo pasado, proxectos de lei de importancia estratéxica para o acceso de Ucraína á Organización Mundial do Comercio.
 

"Uns rouban e outros dimiten", dixo Mykola Tomenko despois de renunciar ao seu cargo de viceprimeiro ministro de Ucraína. A súa dimisión foi precedida pola do secretario do Consello de Seguridade e Defensa, Oleksandr Poroshenko. Este figuraba como principal corruptor no entorno do presidente Viktor Yuschenko, na declaración que fixo Oleksandr Zynchenko ao presentar a súa dimisión voluntaria como xefe da administración do presidente.

A serie de renuncias de protagonistas da "revolución laranxa" puxo de relevo a imposibilidade de manter a alianza política entre Yuschenko e a primeira ministra,Yuliya Tymoshenko. En aparencia, teñen os mesmos obxectivos estratéxicos en canto ás reformas de mercado que necesita Ucraína, pero "Lady Yu" amósase moito máis enérxica e radical fronte ao cauteloso e posibilista Yuschenko e, sendo viceprimeiro ministro no goberno deste último de 1999 a 2001, era considerada, con moita razón, o único "home de verdade" dentro do Executivo.

O presidente non dubidou moito en cortar o "nudo gordiano": despediu a todo o goberno de Tymoshenko porque, segundo declarara, "non puidera continuar sendo o pacificador" nas continuas discordias entre dirixentes de importantes institucións políticas, que remataron prexudicando a actuación do poder público nos seus niveis mais altos. Explicando a súa decisión, dixo que, a pesar dos cambios persoais a raíz da revolución, a imaxe do poder non mudou e o volveu a ser acusado de corrupción.

Isto é moi grave porque non pode deixar de desilusionar á cidadanía que, cansada do corrupto réxime do anterior presidente Kuchma, aclamara con entusiasmo aos novos líderes. Estes vense agora escindidos xa que o partido de Tymoshenko manifestou o seu desacordo coa decisión do presidente. Pola súa banda, este despediu aos acusados de corrupción xunto co gabinete ao completo. Os partidarios de Tymoshenko non acusan ao presidente pero si ao seu entorno, que fixo imposible unha cooperación eficiente entre este e o seu goberno. Agora, o partido de Tymoshenko, sen enfrontarse a Yúschenko, pretende presentarse de forma independente ás eleccións parlamentarias, a celebrar en marzo de 2006.

Polo momento, Yúschenko consolidou a súa posición como árbitro supremo na vida política do país e garante da súa estabilidade. A decisión foi valorada positivamente incluso polos seus antigos rivais, como o ex presidente Leonid Kuchma. Tamén manifestaron a comprensión da crise os veciños estratéxicos de Ucraína "Vladimir Putin de Rusia e Aleksandar Kwasniewski de Polonia. A reacción da comunidade internacional, en xeral, foi positiva aínda que reservada, segundo o Ministro de Exteriores interino.

Sen embargo, o desenvolvemento da situación política en Ucraína é difícil de predicir. A eliminación de Tymoshenko como un factor demasiado radical na administración de Yuschenko pode incrementar o seu grao de aceptación por parte de diferentes actores políticos pero non proporcionará suficiente peso a súa influencia na vida política. Para avanzar con reformas, que son a "quintaesencia" do seu programa político, Yuschenko nunca poderá contar cunha maioría fiable no Parlamento que rexeitou, en xullo pasado, proxectos de lei de importancia estratéxica para o acceso de Ucraína á Organización Mundial do Comercio.

Ademais, o 1 de xaneiro próximo entra en vigor a reforma política concertada o ano pasado, como compromiso entre as partes da contenda das eleccións presidenciais: o centro do poder político trasladarase do Presidente ao Parlamento e o goberno.

Isto implica que o máximo que se pode esperar do goberno, ata marzo de 2006, é o mantemento da estabilidade política e económica. Para iso, a designación de Yuri Yekhanurov como xefe de goberno interino semella moi acertada, xa que ten sobrada experiencia en variados cargos políticos, é considerado tecnócrata e, evidentemente, preferirá ter expertos no seu equipo. Pero ata as eleccións apenas poderá levar adiante reformas económicas, unha das esperanzas mais grandes da "revolución laranxa".