Bandeira de Ucraína

Incerto comezo de 2024 para a guerra en Ucraína

Desde o venres do 29 de decembro, Ucraína sofre os peores ataques aéreos desde o comezo da invasión rusa a gran escala. Utilízanse todo tipo de armas de ataque, incluídos drons, mísiles de cruceiro e balísticos. Cada día rexístranse decenas de mortos e centenares de feridos, destrucións en infraestruturas civís en Kíiv e outras cidades importantes. En cinco días, os rusos lanzaron uns 500 proxectís.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Europe
Palabras chave Guerra Ucraína

O que quere mostrar Putin con estes viles ataques, á parte de causar danos á industria militar ucraína, que é o seu obxectivo declarado, é convencer o mundo de que si ten a capacidade de aterrorizar ao pobo ucraíno e a todos os que lle axudan. Segundo cálculos, o primeiro día de bombardeo debeu custarlle 1,2 mil millóns de dólares só en foguetes. Continuando con igual intensidade, Putin demostra que non é de esperar que os seus recursos de guerra vaian esgotarse proximamente; está claro que a súa economía readaptouse aínda máis ás necesidades de guerra, o que non é o caso de Ucraína, facendo que o Kremlin aposte por un pronto esgotamento definitivo de Kíiv.

Estes días Putin reiterou a súa disposición para negociar a paz, pero por suposto, segundo as súas condicións, o que se traduce no recoñecemento de todas as súas anexións e a supresión fáctica de Ucraína como estado soberano. Ao mesmo tempo, Putin dixo ao presidente chinés Xi que estaba disposto a continuar a guerra a Ucraína outros cinco anos. Realmente non existe ningunha posibilidade de que Putin a deixe en paz: Ucraína non pode existir á beira de Rusia como un suxeito soberano.

É altamente verosímil que os estrategas de Moscova vexan fomentada a súa confianza na posibilidade de someter a Ucraína debido á conduta do presidente ucraíno Zelenskyi. Desde que chegou ao poder en 2019, dedicouse a desarmar a defensa do país e deixou abertas as súas fronteiras no momento da invasión masiva das tropas rusas, a pesar das severas advertencias dos países amigos occidentais. A continuación, puxo toda a defensa do país nunha dependencia absoluta da axuda occidental. Mentres a Oficina do Presidente e a propaganda convencían á poboación que o agresor carecía de potencial para unha guerra longa e que dentro de poucos meses recuperaríase a península de Crimea, non levaba a cabo a imprescindible reorganización da economía e a vida cotiá do país, subordinándoo todo ás necesidades da guerra de liberación. Despois de dúas contraofensivas “grandes” en 2022 e 2023, Rusia segue sen retroceder das 5 rexións que anexionou.

Con moita satisfacción viron os rusos a suspensión da axuda militar norteamericana en decembro pasado. O presidente J. Biden prometeu que esta suspensión sería temporal, aínda que isto depende da maioría republicana no Congreso, que esixen acompañala con medidas restritivas contra inmigrantes na fronteira con México. Isto ten máis prioridade que a defensa de Ucraína, explicaron en Washington ao líder ucraíno. Comparado coa recepción triunfal que se lle deu o ano anterior, a de agora foi unha ducha fría na súa vestimenta paramilitar, porque non lle viron como ao comandante en xefe supremo dun país que loita pola súa supervivencia, senón como un pedichón, que para ir pedir recursos ao seu “tío americano”, aproveita para pasar ‘de camiño’ cos seus 56 colaboradores por Cabo Verde e Arxentina, celebrando entrevistas, cuxa utilidade e conveniencia para o seu país desangrado pola guerra permite dúbidas.

Á parte do feito que a administración de Zelenskyi non se mostra capaz de organizar debidamente o país para enfrontarse a esta guerra que pon en perigo a existencia mesma do Estado ucraíno, fíxose evidente que nin sequera existen plans viables sobre como facelo. O asesor político á Oficina do Presidente, M. Podoliak, sostén que non se poden ter centros de produción militar porque serán bombardeados polos rusos (soa a: non se pode ter armas na man, porqué dispararache o inimigo). E cando na conferencia de prensa do fin de ano preguntaron ao presidente se pensaba na posibilidade de crear un goberno de unidade nacional, cuxa necesidade parece ben obvia nunha situación de guerra e coa cantidade de casos de desaxustes e corrupción na actual administración, Zelenskyi contestou que para dirixir o país contaba cun pequeno equipo de cinco ou seis directivos, que traballaban xuntos, de forma coordinada e eficaz, e que grazas aos seus esforzos Ucraína está a resistir con éxito a agresión rusa. Como quen di, sen comentarios.

Esta evidente incompetencia, en combinación con descoñecemento do estado real das cousas, pode compensar calquera erro de cálculo ou desacerto por parte do invasor ruso.

O máis grave é que a incompetencia de Zelenskyi como Comandante en Xefe Supremo interfere cos plans dos militares, especificamente do Comandante en Xefe das Forzas Armadas de Ucraína, Valerii Zalúzhnyi. Zelenskyi teme polo seu posto (a súa cadencia expira, aínda que non se sabe se é posible celebrar eleccións en condicións de guerra) e sospeita que o militar quere meterse na política. O que preocupa a Zalúzhnyi é que para gañar a guerra (neste caso, salvar ao país), deben ser os profesionais militares quen decida sobre os asuntos militares mentres que o resto da vida económica e social debe estar case absolutamente supeditada ás necesidades da guerra de liberación con cero nivel de corrupción (con todo, V. Zelenskyi pediu á prensa que non sacase á luz casos de corrupción ata a vitoria; se un pensa que a corrupción é un dos maiores obstáculos á vitoria, a ‘recomendación’ do presidente perpetuaría a corrupción facendo inalcanzable a vitoria).

A visión do mando militar neste momento, en trazos xerais, céntrase en deixar de facer intentos de contraofensiva pouco eficientes, mentres non se atope unha solución tecnoloxicamente nova para levala a cabo, e pasar conscientemente a unha defensa fortificada. A estas alturas, segundo o xeneral Zaluzhnyi, resulta altamente necesaria unha mobilización masiva ao exército, ata medio millón de recrutas, sendo o tempo de servizo de 36 meses. Esta medida é fundamental e pouco popular, porque supón unha gran carga á economía e as finanzas do país; tamén hai que ter en conta a aflición dos que están nas filas, que deberán cumprir un ano máis de servizo, e dos novos enrolados que saben que lles toca substituír aos que non sobreviviron os dous primeiros anos de guerra.

A situación é bastante grave pero non na medida de facer perder a guerra. É unha consecuencia da mala xestión da administración de Zelenskyi e pode resolverse corrixíndoa e coordinando mellor todo o funcionamento do estado ucraíno ás necesidades de guerra.

Non faltará axuda por parte dos países amigos, que non deixa de ser un factor decisivo, porque hai moitas razóns para non permitir que gañe Putin. O pobo de Ucraína faralle fronte tamén sen tregua, xa que Moscova négalle o seu dereito para existir como tal.