Dúas estratexias para sacar a Pinochet de Londres

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

Os avogados da Fundación Augusto Pinochet centran toda súa estratexia en dar a batalla na vía xudicial, sen deparar se a crebadiza saúde do senador vitalicio pode soportar un proceso xudicial dilatado. Co mesmo obxectivo de ver ao ex-dictador en Chile, as xestións do goberno traballan para que froitifique a saída humanitaria temendo unha inportuna morte prematura.

Dous argumentos utilizados polos pinochetistas teñen a suficiente credibilidade para sentir o arroupe da maioría da poboación chilena e para inzar ao candidato pinochetista Joaquín Lavin da Alianza por Chile á presidencia e membro da UDI xa iguale en intención de voto ao da democrática concertación Ricardo Lagos, que era claro favorito ate hai poucos meses.

Non é doado fundamentar a coherencia na busqueda da xustiza que está a facer a antiga metrópole, maís aínda, se esta non depurou as responsabilidades xudiciais pola súa transición dende a dictadura á democracia. Existen gobernantes no estado español implicados na dictadura franquista que seguen estando politicamente activos.

O segundo argumento, menos sólido pero máis conmovedor, é a precaria saúde de Augusto Pinochet Ugarte. A filla menor do xeneral retirado ten dado a coñecer informes médicos nos que se constatan maís de 5.000 pequenos derrames cerebrais e sitúan a esperanza de vida de Pinochet, non máis alá dos tres meses. O propio goberno, que considera un serio atranco á transición a posible morte do dictador en Londres, tamén posúe informes asinados polos doutores ingleses que tratan ao doente, nos que se tamén se conclúe que vida de Pinochet está un serio risco.

O goberno de Eduardo Frei ten un único obxectivo: traelo canto antes a Chile e sóndea todas as opcións posibles diante do inminente fallo inglés.