Esta entrevista fai parte do Informe anual da Acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Jesús María Gamallo é director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e cooperación ao desenvolvemento

Entrevista a Jesús Gamallo, Director Xeral de Relacións Exteriores e a UE e Cooperación ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia

1. O mundo cambiou moito desde o 1997. Que acontecementos ou procesos, galegos ou internacionais destacaría?

Sen dúbida o lanzamento do euro. A Unión Económica e Monetaria (UEM) foi un salto cualitativo fundamental na construción europea, a pesares da resistencia dos sucesivos gobernos británicos. A súa forza integradora para os que nos comprometemos coa UEM consolida o proxecto europeo. Grazas a esta trabe mestra do edificio continental resistimos os golpes da crise económica da pasada década e agora as ondas lesivas da invasión rusa na Ucraína. 

2. 40 anos do Estatuto, 25 da creación da SX de Acción Exterior, cal é o balance?

As obras que fican son o mellor balance: fomos capaces de saltar do Libro Branco da Acción Exterior en 2004 ao Decreto de 2015 polo que se regula a acción exterior de Galicia , e logo á Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) de 2018, fitos que facilitaron a aprobación da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia  (LACEX), e tamén axiña a aprobación da EGAEX-II. Pero sobre todo, fomos capaces de facelo sen leas constitucionais nin ermas liortas xurídico-políticas, con Gobernos de distintas cores, o que acredita a seriedade, continuidade e solvencia da acción exterior galega.

3. E desde o balance, canta marxe queda, dentro do Estatuto, para desenvolver máis a acción exterior de Galicia?

A aprobación da LACEX é o certificado irrefutable de que se concorren pericia e determinación podemos avanzar con seguridade na acción exterior. Nós aproveitamos o engarce habilitado polas leis españolas de acción exterior e de tratados , convencemos á Administración Xeral do Estado a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (MAEUEC), sendo ministro Josep Borrell, e así sacamos adiante a LACEX, unha Lei basal que é plenamente constitucional e, daquela, tamén estatutaria. 

4. Que prioridades e desafíos inmediatos ten a política pública de acción exterior en Galicia?

Os desafíos e as prioridades constan na EGAEX-I e incorporaranse á EGAEX-II, cuxo borrador xa está ben maduro. Neste senso cómpre engadir que o lexislador galego foi previsor e incorporou á LACEX uns principios reitores (artigo 3) e uns obxectivos estratéxicos ou de país (artigo 4), previsión que nos axuda a analizar a conxuntura internacional cunhas bases moi sólidas. Esa conxuntura vén hoxe predeterminada por dous fenómenos foráneos que condicionan poderosamente todas as políticas públicas domésticas, como son o impacto da COVID-19 e da invasión da Ucraína por Rusia.

5. Que prioridades e desafíos de medio e longo alcance ten a política pública de acción exterior en Galicia?

Tamén no medio e no longo prazo o marco definido pola LACEX nos seus artigos de arranque prefigura o exame deses desafíos e prioridades. Por salientar algúns, ademais da senda para intensificar constantemente a cooperación con Portugal e a aposta pola Lusofonía, focalizaría a resposta nestes eidos que salienta o lexislador galego:

  • Contribuír á aproximación ao produto interior bruto per cápita da zona euro.
  • O acercamento aos estándares socioeconómicos, de calidade de vida, demográficos e ambientais básicos da zona euro.
  • A maior diversificación dos mercados exteriores.
  • A captación de capital mercantil e industrial destinado a investimento produtivo.
  • A atracción de capital humano cualificado para o máis acelerado desenvolvemento e a consolidación económica de Galicia, que axude a paliar o avellentamento da nosa poboación.
  • O retorno das e dos emigrantes e dos seus descendentes.
  • O fortalecemento das relacións coa cidadanía galega residente no estranxeiro e o apoio ás entidades galegas asentadas fóra de Galicia recoñecidas ao abeiro da normativa en materia de galeguidade.
  • A contribución á realización da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable e ás políticas de cooperación internacional e axuda humanitaria do Estado e da UE.

6. Europa, Eurorrexión, Lusofonía, Diáspora, Internacionalización empresarial e académica… Mais no desenvolvemento da Lei de Acción Exterior, que papel pode xogar o Xacobeo?

O Xacobeo axuda a construír a marca-país de Galicia no mundo. É, por así dicilo, o seu alicerce. O epicentro da economía mundial e do desenvolvemento científico-tecnolóxico está mudando do Atlántico cara ao Pacífico. Por poñer un caso, como presentar a un pequeno país do sur de Europa en Xapón ou en Corea do Sul? Aí é onde verificamos o poder atractivo do Xacobeo como referente global fóra da limitada contorna europea. Se as autoridades surcoreanas son receptivas ás nosas xestións e nos achegan propostas de cooperación é grazas ao vector xacobeo. Se o entón príncipe Naruhito é visto no Xapón facendo parte do Camiño a Compostela, iso ten un impacto extraordinario entre as autoridades políticas e culturais, e máis entre os axentes socioeconómicos nipóns. Nin coa mellor campaña de relacións públicas internacionais poderíamos obter resultados semellantes. O Xacobeo preséntanos coa nosa faciana alí onde case non oíran falar de Galicia.