billetes eslovaquia 100 200 50 coronas

Eslovaquia accede á eurozona

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Billetes de 100, 200 e 50 coronas eslovacas; clic para aumentar
En xullo, a Comisión decidirá o tipo de cambio definitivo entre o Euro e a Corona Eslovaca (SKK), pero nestes días, o mesmo 7 de maio, a moeda eslovaca batía o récord de apreciación con respecto á moeda europea, situándose nun histórico 31,93 SKK por Euro, baixando así por primeira vez da barreira das 32 SKK. (Foto: Billetes de 100, 200 e 50 coronas).
 

Na mañá do pasado día 7 de maio, fíxose público pola Unión Europea o anuncio de que a República Eslovaca entrará a formar parte de eurozona a partir do 1 de xaneiro de 2009. Esta confirmación ven a finalizar un longo proceso de catro anos nos que Eslovaquia cumpriu sistematicamente todos os requisitos e esixencias previstos no Tratado de Maastricht para o ingreso no Euro.

Controlados o déficit público e a inflación por debaixo do 3%, a débeda pública moi inferior ao límite do 60% do PIB esixido por Bruxelas, e cuns tipos de interese ao 4,5% (límite establecido no 6,5%), Eslovaquia cumpriu con folgura os criterios de acceso á eurozona, e a confirmación da Comisión Europea era esperada con tranquilidade.

En xullo, a Comisión decidirá o tipo de cambio definitivo entre o Euro e a Corona Eslovaca (SKK), pero nestes días, o mesmo 7 de maio, a moeda eslovaca batía o récord de apreciación con respecto á moeda europea, situándose nun histórico 31,93 SKK por Euro, baixando así por primeira vez da barreira das 32 SKK.

A entrada na eurozona, é consecuencia directa da aplicación da receita económica prescrita pola Comisión Europea, que Eslovaquia aplicou con dilixencia e evidente éxito nos últimos exercicios, e catro anos despois do seu ingreso na Unión, consigue tamén cumprir coas esixencias europeas para acceder ao Euro. Este feito supón un marcado motivo de orgullo para o país, e representa un dos logros principais esgrimidos polo actual goberno de centro-esquerda ante unha poboación que asiste con expectación a tanto cambio ao seu redor.

Como sabemos , vinte anos non son nada, e neste tempo, unha transición dende o socialismo real até unha economía de mercado en euros xera, cando menos, unha profunda desorientación na maior parte da sociedade eslovaca, aínda que isto non impide que abracen coa fe do converso o novo sistema, nun exercicio de amnesia colectiva no que todos parecen ser "Cristianos Viejos" nesto do capitalismo. Pero en efecto, dos doce países que ingresaron na UE dende 2004, só Eslovenia conseguiu adoptar o euro antes que a República Eslovaca, e isto é motivo de satisfacción para o cidadán eslovaco medio, que identifica este feito como un síntoma de achegamento aos estándares de vida da Europa Occidental.

Datos macroeconómicos

O crecemento da economía eslovaca no 2007 foi dun 10,4% do PIB con respecto ao ano anterior, sendo unha das economías que máis creceu no mundo o ano pasado. Para facermos unha idea do que representa esta taxa de variación recordemos que a media de crecemento do PIB na Europa 27 o exercicio pasado foi dun 2,6%.

No ano 2006, Eslovaquia creceu a unha taxa do 8,5%.

Esta expansión económica trouxo aparellado un descenso no nivel de desemprego dende un 18,1% no 2004, até o 11% do ano 2007, sen embargo, Eslovaquia segue sendo o país con maior taxa de paro da UE27.

Se nos fixamos no PIB per Cápita, o crecemento no ano 2007 tamén foi notable, pasando de 8.300 Euros a prezos correntes a 10.200 Euros.

Sectores económicos

Este espectacular crecemento ten como causa diversos factores, pero hai dous elementos centrais que teñen permitido a Eslovaquia xerar esta expansión económica, dunha banda, as axudas da Unión Europea, que asignou a Eslovaquia 11.360 M de euros para o período 2007-2013 procedentes dos Fondos Estructurais, e doutra parte, e de maneira fundamental, a inversión estranxeira, que no ano 2006 -últimos datos dispoñibles- alcanzou a cifra de 1.260,5 M de Euros.

No referente aos Fondos europeos, os sectores aos que vai dirixida a axuda, fundamentalmente son infraestructuras (3.200 Millóns) e investigación e desenrolo (1.214 M).

Nos últimos anos, moitas empresas estranxeiras tomaron a decisión de implantarse en Eslovaquia para levar a cabo actividades de producción, deste xeito, os fenómenos de deslocalización productiva propios da globalización económica actual, permitíronlle a Eslovaquia poder recibir empresas do sector da automoción (KIA, Wolkswagen, Peugeot e as súas empresas auxiliares), e metalúrxico (U.S. Steel), ademais de moitas outras compañías atraídas polas numerosas vantaxes do país para estas industrias intensivas en man de obra e con marcada dependencia dos custes de transporte.

O feito é, que no contexto europeo, Eslovaquia ofrece man de obra barata e unha situación xeográfica privilexiada -ten fronteira con Polonia, República Checa, Austria, Hungría e Ucraína, e a capital, Bratislava, alcanza catro capitais europeas nun radio de 300 km-.

Ademais, o estado eslovaco ofrece numerosas axudas e incentivos á inversión estranxeira, e o país presenta un réxime fiscal moi simplificado e cun tipo impositivo único do 19%, tanto para persoas físicas como xurídicas.

Por último, o estado eslovaco ofrécelle unha seguridade xurídica aos inversores moi superior a países do seu mesmo espazo xeográfico.

E hai outro ámbito económico que está contribuíndo en grande medida á expansión económica do país, trátase do ben coñecido sector da construcción e por extensión do inmobiliario. En Eslovaquia, como no conxunto da Europa do leste, xerouse dende fai uns anos un atraínte mercado para o inversor estranxeiro, por exemplo, segundo datos da Oficina Comercial Española en Bratislava, aproximadamente a metade das empresas do Estado español implantadas en Eslovaquia pertencen ao sector da promoción inmobiliaria.

Outros sectores en franco crecemento no país son o turismo, fundamentalmente na capital e na zona dos Tatras, onde comeza a desenrolarse unha interesante infraestructura hoteleira e de balnearios, e dunha maneira máis secundaria, o sector madeireiro e a producción de calzado de calidade media.

O crecemento xera desigualdade

Até eiquí, unha somera presentación da situación macroeconómica actual en Eslovaquia, que a grandes trazos, indica que o país crece e que a súa economía é o suficientemente sólida como para permitírselle a entrada no Euro, agora ben, estas expansións económicas teñen certa tendencia a deixar un rastro de cadáveres tras de sí, e máis, se o proceso faise en tan pouco tempo, partindo dende unha economía planificada até a inmersión de cheo no sistema capitalista.

O crecemento xera fundamentalmente desigualdade, e sucede en Eslovaquia que poucos estanse enriquecendo moito en moi pouco tempo, e así, segundo datos das NNUU, o 21% da poboación eslovaca vivía baixo o limiar da pobreza en 2007.

Así mesmo, parámetros como o coeficiente GINI ou o índice S80/S20, que miden a desigualdade na distribución da renda nos países, amosan que as diferencias entre os máis ricos e os máis pobres non fan outra cousa que aumentar na República Eslovaca.

O futuro

E a curto prazo parece haber motivos para certa preocupación en Eslovaquia, que brevemente paso a resumir: o máis evidente é a inflación, que no primeiro trimestre do 2008 situouse por riba da media comunitaria, e que no 2009, coa entrada no Euro, presumiblemente aumentará de maneira alarmante.

O segundo, paradoxalmente, ven dado pola subida dos salarios, que en determinados sectores nos que escasea a man de obra cualificada poderían alcanzar a media comunitaria alá polo ano 2015. Este dato, que por si mesmo non é negativo, ten como consecuencia que Eslovaquia está deixando de ser atractiva para os inversores que buscan man de obra barata, e comezan a pasar de largo na busca incansable do máximo beneficio, así que previsiblemente o crecemento diminuirá e o paro deixará de baixar.

Por último, e a modo de advertencia para o promotor inmobiliario que trata de escapar da desfeita do sector en España, Eslovaquia é un país pequeno, non hai sitio para tantos e o negocio acabará en poucos anos, estase construíndo moito e con altos custes, a rendibilidade do sector non durará máis dun lustro.

Como conclusión, parece que nos próximos anos Eslovaquia seguirá crecendo a bo ritmo, da man das axudas europeas e da inercia das inversións estranxeiras, sen embargo, hai quen empeza a dubidar da solidez económica que incluso a Comisión Europea lle recoñece, en todo caso, o seu futuro parece estar moi vencellado ao bo uso e implementación que faga o estado eslovaco dos Fondos Estructurais, eles teñen a oportunidade que outros perdemos.

E sobre todo, o actual goberno socialdemócrata, que previsiblemente repetirá mandato, deberá facer fronte ás desigualdades que está xerando o actual modelo económico, terá que empezar a gobernar para os cidadáns, e non para as empresas.

Bratislava, 09/05/2008.