Europa perde a razón

A obsesión polos recortes está levando a Europa a unha profunda crise non só económica senón tamén social e política. Pese aos negros balances que se debuxan cada día, a UE dispón de potencialidades importantes en numerosos ámbitos, incluso no fiscal se os comparamos, sen ir mais lonxe, con EEUU, pero a devoción pola austeridade está a complicar e impedir calquera posibilidade de recuperación. Tras varios anos de perseverar no desastre, a sensación de que a actual estratexia non fai mais que empeorar as cousas gaña terreo mentres medra a convición de que só atende ás arelas do poder financeiro, causante e beneficiario á vez deste lamentable desatino.

20minutos.es (Tim Brakemeier – EFE)

O aumento do desemprego e os recortes no plano social están a baleirar o Estado do benestar, un dos maiores logros e símbolo por excelencia do modelo europeo, o seu principal sustento trala desaparición do mundo bipolar. A esperanza de que tal sacrificio alente o crecemento é unha tráxica ilusión. Calquera sabe que tal política só pode conducir a unha maior diminución da demanda levando á baixa a produción e agravando as cifras de paro. Nisto coinciden tanto os premios Nobel de Economía como a xente de a pé. Os mais neoliberais daranse por satisfeitos con este resultado confiando en que algún día o ciclo negativo pasará e chegará o rexurdir cunhas condicións de partida (baixos salarios, menos dereitos) moito mellores para aumentar a competitividade e os beneficios. Pero a historia pasada lémbranos os numerosos perigos dunha política semellante. E non só a pasada. Os resultados das recentes eleccións gregas son un laboratorio indicativo.

Europa debera defender o seu modelo económico e social. As derivas sociopolíticas que se están a vivir nos países en crise advirten dunha reacción ao sufrimento que pode pasar unha inxente factura quebrando todos os consensos posibles e necesarios. Ignorar ou desprezar ese dato é dunha irresponsabilidade tal que denota a ausencia dunha dirección política nos Estados e na Unión á altura dos desafíos que reclama o continente. Unha UE sobre as bases actuais, sen un liderado que aproveite a crise para fortalecer as institucións da Unión pensando na cidadanía e non só nos mercados, está condenada á deriva, no plano continental e no internacional. Esta UE leva a Europa ao vertedoiro co risco engadido de convulsións sociais e políticas de incerto resultado. De persistir na actual vía, non só os líderes estatais dos países en crise, do signo que sexa, serán varridos polas cidadanías naturalmente desconformes senón que a subsistencia da propia UE entendida como esforzo de integración política ten os días contados.