Kifaya é a palabra que escolleu para identificarse o movemento de oposición ao réxime de Hosni Mubarak ante as eleccións presidenciais exipcias que tiveron lugar o día sete deste mes. Kifaya en árabe significa "basta" e pretende expresar a fatiga cara un réxime político personalizado na figura de Mubarak dende 1981, cando asumiu a xefatura do Estado tralo asasinato de Sadat a mans dun militante islamista en protesta polos acordos asinados con Israel.
Dende o establecemento da República en 1953, o candidato á presidencia é cooptado dentro do exército e avalado pola Asemblea do Pobo, parlamento dominado polo partido maioritario, para despois ser presentado a un plebiscito popular. Deste xeito, Mubarak ten renovado o seu mandato catro veces como candidato único do Partido Nacional Democrático (PND), partido no goberno que funciona máis como un aparato de redes clientelares que como un partido asentado nunhas conviccións ideolóxicas, e que conta cun 90% dos asentos tanto da Asemblea Popular como do Consello Consultivo; todo no marco dunha Constitución, a de 1971, que outorga unha enorme autoridade ao presidente como xefe do Estado e somete o poder lexislativo e xudicial ao executivo.Un réxime personalista, case de partido único, lexitimado "democraticamente" ata o de agora por eleccións celebradas cada catro anos cun único candidato e moitas denuncias de fraude, que conseguían uns "mínimos" de participación dun 90% da censo.
Sen embargo, esta vez semella que algo se moveu, aínda que só sexa na superficie. As presións externas do grande aliado norteamericano, que ve no país do Nilo (75 millóns de habitantes) unha peza estratéxica clave, tanto no contexto árabe como no africano, están detrás da nova vontade do goberno de Mubarak por amosar a imaxe de apertura que precisa Bush para gañar apoios ao seu plan para Oriente Próximo e reforzar a idea da "primavera árabe" que poña un pouco de cor na negra sombra da ocupación iraquiana.
A tal efecto, en maio deste ano, someteuse a referendo a reforma do artigo 76 da Constitución postulando a aceptación de diferentes candidaturas para optar á xefatura do Estado. O Exipto abriuse, legalmente ao multipartidismo, por primeira vez e os seus cidadáns poderán elixir entre máis de un candidato.
Pero, a pesar do formalismo da reforma, o seu deseño foi concibido para que o seu alcance sexa limitado, facendo da presentación dunha candidatura independente unha carreira de obstáculos imposible de librar: un candidato precisa do respaldo dun amplo número de candidatos electos, entre os cales o PND conta cunha abrumadora maioría.
O resultado? Só se permitiu o acceso á carreira electoral a aqueles candidatos que representan a partidos máis ou menos sancionados oficialmente, nove nomes que buscan arrebatar algúns votos a Mubarak, entre os cales destacan Nuaman Gomma, líder histórico do partido Al Wafd (centro-liberal), e Ayman Nur, dirixente de Al Ghad (liberal), defendido este último por EEUU a raíz do seu encarceramento de máis dun mes por motivos políticos. Tamén ocupan o espazo político institucional o Tagamu, partido de corte naserista de esquerda e deputados independentes asociados á Irmandade Musulmana, islamismo moderado cunha ampla potencialidade política e apoio popular, pero que non pode competir legalmente dado que a Lei de partidos de 1977 prohibe aos partidos con identidade relixiosa ou étnica, unha prohibición certeiramente artellada para conter a este grupo.
O Movemento Exipcio polo Cambio, Kifaya, denuncia o carácter cosmético das reformas e o perigo de que sexan unha simple comedia para legalizar o réxime de Mubarak; por iso, a súa campaña chamou ao boicot. Entre os cambios que reivindican cabe citar a supresión de tres normas que serven para manter silenciada á oposición: a de partidos, a de excepción e a de medios de comunicación, así como o recorte dos poderes presidenciais e a redacción dunha nova constitución que defenda os dereitos e liberdades da poboación, a separación de poderes e outorgue valor aos dereitos humanos. Mais a fortaleza do seu discurso non se traduce nunha fortaleza social e é unha minoría a que participa nas súas filas e segue os seus actos; tanto a oposición oficial como os islamistas saudaron de boa gana a súa formación pero xa na campaña electoral optaron por estratexias diferentes defendendo a participación nas eleccións a favor dos candidatos que se enfrontan a Mubarak. Varios intelectuais de esquerdas tamén se deixaron ver nas súas manifestacións pero mantiveron a súa independencia, como é o caso da feminista árabe, Nawal al Sadawi, que presentou a súa candidatura simbólica para romper o inmobilismo existente en cuestión de xénero na cultura política do país.
Polo tanto, a oposición exipcia non só é feble e apenas conta con espazo político no que moverse, senón que ademais non presenta unha homoxeneidade estratéxica que lle permita ter peso na sociedade. Os únicos capaces de facer sombra ao goberno, os islamistas, están arrombados legalmente polo discurso oficial do medo, beneficiado polos últimos atentados atribuídos ao terrorismo internacional de Al-Qaeda.
Esta debilidade é aproveitada por Mubarak para defenderse das súas críticas e acusa ao movemento Kifaya de elite intelectual que apenas ten relación coa sociedade común; apoiándose niso, centrou a súa campaña na necesidade de impulsar reformas para facer fronte á crise socioeconómica, aínda que estas oriéntense na mesma dirección neoliberal que as das últimas décadas e supoñan asumir altos costos sociais. A inspiración procede dun grupo de tecnócratas saídos da universidade e pertencentes ao círculo do seu fillo, Gamal Mubarak, quen se perfila como sucesor.
Haberá que agardar aos resultados oficiais das eleccións, marcadas por numerosas denuncias de irregularidades, para comprobar se o incipiente debate político dos últimos meses conseguiu desgastar a figura de Mubarak ou se, como en anteriores ocasións, obterá un "mínimo" respaldo do 90%.