Flor dun día

Baiona acollerá proximamente un cumio ibérico, coa participación do presidente Rajoy e o primeiro ministro luso Passos Coelho.  O evento, unha vez mais, pon de manifesto a idoneidade de Baiona para que a dimensión internacional convértase nun piar estratéxico da política local. Resulta lamentable que para achar un feito similar teñamos que remontarnos ata 1998, mais de tres lustros atrás, cando o presidente Aznar celebrou un encontro de diferente perfil con líderes iberoamericanos.

Que Baiona non se teña dotado de capacidades e políticas específicas para se converter nun referente euroamericano de primeiro nivel e, pola contra, optase polo fácil discorrer da inercia de festas e similares é responsabilidade exclusiva de quen gobernou e goberna a vila erizana, dunha oposición falta de pulso e ideas como igualmente dunha sociedade pouco vertebrada e debedora dunha concepción do turismo tan decimonónica como escasamente atraente. Política local cinza, procedería diagnosticar.

Con algo máis de impulso e altura de miras, Baiona estaría en condicións de facer valer o seu protagonismo histórico no plano internacional e convertelo nun factor de progreso e benestar para os seus cidadáns, sorteando mellor esas temporalidades que tanto lle afectan. Claro que iso implica pensar con algo de ambición e rigor. Unha ocasión como esta, sen estratexia, converterase noutra anécdota máis. Flor dun día. É a intranscendencia por incompetencia, a máis lamentable de todas .