François Hollande |
Nada máis evidente que o desexo de cambio que se vive en Europa, fartos todos da política nefasta de Merkel e de Sarkozy, unha política de curto alcance, nacionalista e contraria aos intereses europeos. A vitoria de François Hollande é vista e sentida en xeral como unha esperanza para Europa.
Ese desexo de cambio que se apón a Hollande, en xeral moi claro e manifesto, ao mellor redúcese a iso mesmo: a un desexo. Non é boa cousa personalizar tanto o cambio que desexamos para a política europea, tan cega nos derradeiros tempos para os intereses europeos, maiormente pola súa incapacidade para velos como tales e por encaralos con criterios nacionalistas.
Non hai dúbidas de que Hollande parece representar o contrario de Anxela Merkel e de Nicolas Sarkozy, en canto pensa na necesidade dunha política europea, nunha política económica contraria á deles dous, con maior acento no crecemento e non no déficit e porque, ademais, semella non aprobar que Europa sexa dirixida unilateralmente, como ocorre na actualidade.
Hai síntomas de que as súas ideas teñen atopado atención a todos os niveis europeos, dende a mesma Anxela Merkel ao BCE, e outras instancias, como a mesma Comisión Europea, que é de esperar abran os ollos ao abismo a que nos leva a política executada pola parella franco alemá. Síntomas que xa se verá se callan nunha verdadeira nova política para Europa.
A maior dificultade que vai ter será o poder financeiro alemán, ao que serve descaradamente Merkel, e por suposto o francés, que ten intereses moi fortes que defender. Saberemos moi logo se Hollande vai poder executar as súas propias ideas, as que o levaron ao poder, ou se, como Obama, terá que conformarse con levar adiante tan só as que lle deixen. Este é o problema.