Non teño a menor dúbida: Guantánamo, unha das vergonzas máis grandes do noso tempo, e de todos os tempos, non se pechará. Todo seguirá igual: detidos por tempo indefinido sen ningunha acusación; todos eles sometidos a bárbaras torturas; un mundo no que a ausencia de lei é a norma. E a desesperación e a arbitrariedade.
Por suposto que Obama ben quixera que esa ignominia desaparecese dunha vez, como prometeu na súa campaña electoral. Pero non pode. Non lle deixan distintas forzas escuras e outras non tan escuras. Son as que sementan na sociedade a idea de que a seguridade prima sobre a liberdade. En Estados Unidos e na UE, non o esquezamos.
Non teño a seguridade total de cales son esas forzas, que son moi diversas, e por veces inesperadas. David Cole, nun recente artigo publicado en The Nation, dinos que unha boa parte da sociedade americana quere que non se peche esa prisión, que todo siga igual -case seguro que por seguridade, que así lle quentaron a cabeza a eses fins-. Nada menos que un 60 por 100 dos estadounidenses está a favor de manter Guantánamo.
É ben coñecido que o Pentágono, o FBI e os militares en xeral se opoñen con forza ao peche da prisión. E reclaman para eles a competencia para xulgar a eses detidos nunha farsa de xuízos. E os diferentes Estados néganse a recibiren presos desta natureza, é de supoñer que como obstrución ao presidente.
A política de Obama para Guantánamo ten as mesmas pexas, as mesmas eivas e os mesmos entretollos que toda a súa política: permanente obstrución dos republicanos, en moitos casos axudados por algúns demócratas. Hai intereses que lle poden ao mesmo presidente. Os EE.?UU., como tamén Europa, viven baixo unha permanente ameaza antidemocrática: a política secuestrada por intereses moi poderosos.