SERIE CRIME GLOBAL: NOVAS TENDENCIAS EN TRÁFICOS ILÍCITOS (I)
A Convención das Nacións Unidas contra o Tráfico Ilícito de Estupefacientes e Substancias Sicotrópicas, adoptada o 20 de decembro de 1988 en Viena, é o terceiro tratado internacional que constitúe o marco legal internacional para o control de drogas.

Parte I: Fentanilo, a nova heroína

O obxectivo desta serie de artigos é actualizar o panorama de fluxos ilícitos a nivel internacional. Con cada entrega, farase fincapé nun ben distinto: dende especies en perigo ata novas tendencias en narcotráfico. E, por suposto, quedará de manifesto a importancia das conexións transfronteirizas que afectan á natureza mesma de moitos destes fenómenos.
Liñas de investigación International Relations
Idiomas Galego

O fentanilo (C22H28N2O) é un opioide sintético (derivado do opio) que se emprega en medicina. Porén, o seu uso como substancia de abuso está cada vez máis estendido, en especial en América do Norte, onde xa se considera unha epidemia. Algúns dos seus nomes máis habituais son apache, Great Bear (Gran Oso) ou Goodfellas1.

Como medicamento, o fentanilo é un potente analxésico que, de forma similar á morfina (outro derivado do opio), serve para paliar a dor nos pacientes. A intensidade do seu efecto como droga, calcúlase, é entre 50 e 100 veces máis potente que o da morfina2.

En marzo de 2022, Nacións Unidas agregou un total de tres precursores3 químicos ó listado da Convención contra o Tráfico Ilícito de Estupefacientes e Sustancias Psicótropas, de 19884. Este feito exemplifica a preocupación que suscitan estas sustancias a nivel internacional.

O que resulta máis inquietante, tal vez, é que a produción de fentanilo está desprazando á de heroína nalgunhas rexións do mundo, co conseguinte risco que isto supón para a saúde das sociedades. Con frecuencia pode atoparse fentanilo mesturado con heroína ou cocaína5, polo que os usuarios non sempre saben que o están a consumir, aumentando tamén o risco de sobredose.

A produción de opioides e opiáceos está ligada a tres países, principalmente: Afganistán, Myanmar e México. É neste último onde o Cartel de Sinaloa e o Cártel de Jalisco Nueva Generación controlan gran parte do subministro. As bandas dominicanas son as que distribúen os narcóticos en América do Norte6.

O aumento na produción de fentanilo parece estar máis ligada á oferta que á demanda: é máis barato, polo que reduce costes; sobre todo, cando se fai pasar por heroína no mercado7. Como o principal punto de orixe dos precursores está en Asia (China e India), controlar o movemento destas substancias é un elemento vital.

É posible atopar fentanilo ilícito en diferentes formatos. A tendencia más recente é a do “fentanilo contrasol”, cuxo formato é o de pílulas ou polvos de cores brillantes. O atractivo visual desta droga faina apetecible para a xuventude8. A partir de agosto de 2022 rexistrouse un aumento preocupante da presencia deste tipo de fentanilo en Estados Unidos; chegou a producirse certa alarma social pola preocupación dos pais de que os seus fillos consumiran estas pílulas en Halloween baixo a crenza de que se trataba de doces9.

Pode que chamar ao fentanilo “nova heroína” sexa unha pequena esaxeración empregada como licencia, pero o que si é certo é que a relativa facilidade na súa produción e a redución de costos que supón para os fabricantes, así como a potencia dos seus efectos, fan desta droga un elemento preocupante que merece atención.

1 Tal vez polo filme de drama criminal do director Martin Scorsese, estreado en 1990 e titulado Uno de los nuestros en castelán.

2 Drug Enforcement Administration [DEA] (s. d.), Fentanyl.

3 Un precursor é unha substancia química empregada para sintetizar, neste caso, fentanilo, a partir doutros compoñentes.

4 UNODC Laboratory and Scientific Service Portals (2022), Abril de 2022 – UNODC: Tres precursores de las rutas de síntesis más comunes, utilizadas en la fabricación ilícita de fentanilo, ahora bajo control internacional.

5 National Institute on Drug Abuse (s. d.), Fentanyl DrugFacts.

6 Dudley et al. (2019), Mexico’s role in the deadly rise of fentanyl, InSight Crime.

7 UNODC World Drug Report 2022 (2022), Drug market trends: cannabis and opioids, p. 104.

8 DEA (30/08/22), DEA warns of brightly-colored fentanyl used to target young Americans.

9 Best, J. (18/19/22), Should parents really be worried about rainbow fentanyl?, Scientific American.