por Sara Collazo Santaclara (USC)

Indíxenas, empresas e dereitos humanos

Este 1 de Decembro celebrouse en Xenebra o terceiro  Foro de Naciones Unidas sobre las empresas y los derechos humanos. Nel, os representantes das empresas non dubidaron en alardear do seu compromiso social nas súas actividades. Como cabía esperar, estes discursos foron cuestionados polos activistas das ONG’s e os líderes indíxenas, argumentando que estes axentes económicos mandaban máis ca os propios Estados, acusados dunha total falta de vontade política á hora de protexer e dar cabida aos dereitos indíxenas.

Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Este 1 de Decembro celebrouse en Xenebra o terceiro  Foro de Naciones Unidas sobre las empresas y los derechos humanos. Nel, os representantes das empresas non dubidaron en alardear do seu compromiso social nas súas actividades. Como cabía esperar, estes discursos foron cuestionados polos activistas das ONG’s e os líderes indíxenas, argumentando que estes axentes económicos mandaban máis ca os propios Estados, acusados dunha total falta de vontade política á hora de protexer e dar cabida aos dereitos indíxenas.

Os delegados indíxenas de México, Estados Unidos, Canadá, Tailandia, Guatemala, Colombia, Perú, Bolivia, Arxentina, Ecuador, Rusia, Noruega e Namibia denunciaron a gobernabilidade outorgada ás empresas nos territorios indios, sempre considerados como mero territorio estatal e sobre o cal as propias comunidades indíxenas non teñen nin voz nin voto nas decisións que se toman o seu respecto.

Os pobos indíxenas apelaron tamén a unha falta de mecanismos de reparación dos danos ocasionadas por estes proxectos empresariais, e subliñaron a importancia de establecer tribunais internacionais que regulamenten a efectividade do compromiso coas comunidades indíxenas e cos seus dereitos.

Dalee Sambo, presidenta do Foro Permanente para las Cuestiones Indígenas de la ONU (FPCI)  recalcou a profundidade dos danos que estas empresas producen coa súa actividade. A reparación destes impactos vai mais aló do individual e é imposible cuantificalo. A falta de participación do sector indíxena na toma de decisións que afectan ao seu territorio tradúcese nunha exclusión, nunha marxinación destas comunidades incluso no seu propio entorno. As empresas e os Estados impiden calquera posibilidade de ter en conta a estes pobos, chegando a criminalizar as súas demandas e acurralando a identidade indíxena.

Á vista da complexidade desta cuestión, a presidenta do FPCI sinalou a necesidade de que as empresas, xa que non poden garantir a reparación dos danos, respecten igualmente os mandatos recollidos no Convenio 169 da Organización Internacional do Traballo e na Declaración das Nacións Unidas sobre os Pobos Indíxenas. Estes documentos, entre outros, recoñecen a libre determinación e a obriga dos Estados de levar a cabo reformas estruturais e lexislativas en beneficio destes pobos,  contando con eles na toma de decisións.

Un exemplo que evidencia este tipo de conflito é Perú, onde o 40% do territorio utilizado pola industria  é habitado por indíxenas, e a aprobación da actividade empresarial non inclúe a súa participación. As plantas de extracción dos recursos naturais instaladas chegan a ocasionar serios danos na saúde destas persoas, fragmenta as propias comunidades e xeran conflitos internos e externos que poderían evitarse de haber consenso e diálogo previo entre ambas partes.

É evidente que as declaracións e convenios internacionais sobre dereitos humanos non son suficientes para a protección das persoas. Os dereitos específicos, do tipo que sexa, desde o autogoberno ata os dereitos medioambientais son fundamentais para garantir a supervivencia destas comunidades. En consecuencia, os diferentes representantes indíxenas invocaron neste foro a urxencia de propiciar un cambio nas relacións entre as empresas, os Estados e os pobos indíxenas, un diálogo triangular, participativo e produtivo que venza a xordeira dos Estados ante as súas demandas.