Luz parcial sobre os anos 1973-78 en Chile

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

Os 5300 documentos desclasificados polo goberno norteamericano fan referencia ao período 1973-78. A saída a luz pública foi controlada, restrictiva e dosificada, de tal xeito que os EE.UU. aparecen como notarios dos acontecementos e non coma directores ou actores. Tampouco se fai referencia a feitos, que poidan implicar a personaxes da actual vida política aínda presentes no goberno de concertación, nin ao financiamento da CIA á Democracia Cristiá. Pola contra, nos mesmos, si que se implica directamente a Pinochet como principal instigador da sanguenta represión do réxime dictatorial.

Unha das maiores dificultades coas que se atopou a xustiza para inculpar a Pinochet nas torturas e matanzas executadas pola DINA (Dirección de Intelixencia Nacional) durante a dictadura, é a falta de probas que o demostren. Pescudando nas 20.000 páxinas, conveniente e intencionadamente tachadas e mutiladas, hai indicios, ata agora baixo o carimbo de Top Secret da CIA (Axencia Central de Intelixencia); que non deixan lugar a dúbidas, evidenciando a estreita relación e sintonía entre Pinochet e Contreras, sen que ninguén se atrevese a interferilas. Nos informes enviados a Washingtoniana afírmase entroutras cousas: " …A relación da DINA coa Xunta ten mudado substancialmente. Dende a publicación do decreto Lei Número 521, o coronel Contreras ten pasado información e recibido ordes, exclusivamente do Presidente Pinochet…" , "… A autonomía da DINA é grande e medra máis cada día. A autoridade do Xeneral Contreras é case absoluta, suxeita só a un improbable veto presidencial…", "… os membros da Xunta Militar son aparentemente incapaces de influenciar nas decisións do Presidente Pinochet, a respecto da DINA"… " As autoridades militares cren e temen que a DINA poida converterse nunha Xestapo moderna"… " A DINA contrariamente aos plans orixinais, está directamente subordinada ao Presidente da Xunta Militar, o xeneral Pinochet..","… "O Concepto orixinal de que a DINA ía ser un corpo de intelixencia para fornecer de información e asesorar a todos os membros da Xunta xa non existe…" ,.Tan estreita era a reacción que foi a DINA a que se encargou de adornar a merca da luxosa mansión de Pinochet para presentala coma un investimento dunha empresa pesqueira que logo a alugaría ou a doaría ao goberno.

Nos expedientes apórtanse abondosos datos sobre múltiples aspectos como aquel momento crítico do réxime, cando apareceron evidencias da participación da DINA no atentado mortal e solo norteamericano, contra o ex-ministro de Allende, Orlando Letelier en setembro do 75, no que tamén morreu a cidadana norteamericana Ronni Moffitt.

Reveladora é tamén a comprometedora carta do Presidente da Democracia Cristiá, Patricio Aylwin, dirixida ao golpista Pinochet, con data de xaneiro do 74, na que por unha banda se lle expresa a súa preocupación pola vulneración dos dereitos humanos e o desexo dunha volta "sine die" á democracia, pero pola contra ofréceselle lealdade e apoio: "… Temos recoñecido pública e privadamente o apoio do que son merecentes os patrióticos fins de unidade nacional e reconstrucción de Chile que perseguen as Forzas Armadas. Temos dereito a sermos cridos cando dicimos que queremos para o actual goberno o maior éxito na súa dura tarefa de restaurar a institucionalidade democrática".

Tres anos máis tarde, a CIA alertará sobre a existencia dun achegamento de posturas e dunha estratexia conxunta entre a Democracia Cristiá, o Partido Comunista e sectores da Igrexa, que pretenden desestabilizar ao réxime, tal como se recolle no documento datado no 29 de novembro, no que se esboza o plano chamado "Primavera 1977".

Noutros papeis desclasificados se desvela, ase mesmo, que no 1974, se puxo en marcha unha complicada rede de financiamento internacional, con base en Roma, coordenada pola diplomacia cubana, na que se recadabam e aportaban fondos para a MIR, unha organización clandestina, vinculada ao Partido Comunista.

Nunha boa parte, faise referencia directa a informacións dos numerosos casos de violación dos dereitos humanos, dascorrentes de opinión no exército, etc.

É de agardar que nun novo e definitivo golpe de transparencia o Pentágono deixe aflorar todos os documentos restantes, nos que se implica directamente a Pinochet na barbarie, nos asasinatos do xeneral Prats, do ex-ministro Letelier, do dirixente demócrata cristiá Bernardo Leighton…, anque o esclarecemento da verdade teña o custe de sacar á luz, a implicación americana na conspiración e desestabilización do réxime democrático, no illamento diplomático de Chile, na coordenación da Operación Cóndor, etc.

En conxunto, e sabendo que a documentación é filtrada e limitada, non por iso é menos valiosa para afrontar a segunda transición de Chile cara a liberarse das ataduras dunha democracia permanentemente vixiada.