20060428cetinje partidarios independencia montenegro

Montenegro

 Partidarios independencia Montenegro, clic para aumentar
O referendo está formulado en branco e negro: ou independencia ou unión con Serbia. Pero o problema desta "zona gris", un resultado bastante probable, está omnipresente no debate político balcánico. (Foto: Partidarios da independencia de Montenegro maniféstanse na cidade de Cetinje o 28 de abril de 2006).
 

O futuro de Montenegro decidirase en referendo o próximo 21 de maio. Será unha consulta sobre a autodeterminación, en territorio europeo, e co aval da propia Unión, quen estableceu as regras da consulta.

A Unión de Serbia e Montenegro formouse en marzo de 2002, despois de que o seu presidente, Milo Djukanovic, sometido a fortes presións por parte da UE, decidira suspender durante un período de tres anos, toda iniciativa de consulta sobre a independencia. O prazo expira agora e os montenegrinos (sós e non en todo o estado, claro) deciden o futuro estatuto da súa república.

Bruxelas impuxo as peculiares condicións do referendo montenegrino: precisarase que o 55% dos electores voten a favor da independencia para que o resultado poida ser recoñecido como válido. 55/45, unha regra democrática inédita. Moitos se preguntan que pasará se o 53 ou o 54% dos electores votan a favor da independencia. Segundo a UE, esa maioría insuficiente será considerada como unha minoría e, de darse, non poderá disolverse o estado unitario. Pero ¿que efectos terá sobre a convivencia en Montenegro?

O referendo está formulado en branco e negro: ou independencia ou unión con Serbia. Pero o problema desta "zona gris", un resultado bastante probable, está omnipresente no debate político balcánico. Bruxelas insiste en que esa zona gris non existe. Kristina Galjak, portavoz do pai biolóxico da Unión de Estados de Serbia e Montenegro, Javier Solana, afirma que a posición da UE está recollida no texto da lei montenegrina sobre o referendo e que "non hai outros plans". Menos contundentes, outras voces aseguran que a UE ten preparada unha proposta alternativa no caso de que os resultados se sitúen nesa zona gris: mantemento dunha Confederación de Estados soberanos, cun único asento na ONU. O problema é que os serbios non queren unha Confederación. En Belgrado existe bastante consenso sobre o resultado final deste proceso e non queren saber das medias tintas de Bruxelas: ou dous Estados independentes ou un único Estado unitario.

Os prognósticos aseguran que o resultado vai depender, en boa medida, das taxas de participación. O voto indeciso cifrase entre o 12% e o 22%. Algunhas enquisas sitúan por diante aos unionistas, que acusan a Podgorica de tentar culminar con este proceso a institucionalización dun Estado "privatizado" e paradiso de actividades ilegais, un auténtico burato negro en Europa que non pode aspirar a formar parte da UE, como afirma Predag Popovic, do Partido Popular. Na veciña Cosova, seguirán atentos a xornada. E poida que tamén en Euskadi.