Capa da biografía de Plácido Castro "Nós mesmos no mundo"

Nós mesmos no mundo

Veño de ler a biografía de “Plácido Castro. Nós mesmos no mundo” (S. Castro, X. Ríos 2022) publicada o ano pasado pola Fundación que leva o seu nome, que Preside con dedicación e sensibilidade Susi Castro e que coordina e multiplica Xulio Ríos desde o 2001. A Fundación, un dos proxectos basais do IGADI (pensen o relevante que é a tradución para as relacións internacionais), impulsou esta biografía cando no 2022 cumpríanse 120 anos do nacemento do Plácido Castro (Corcubión 1902-Cambados 1967) e tamén 25 anos da publicación dunha primeira biografía súa.

No libro poderán descubrir o perfil dun dos máis distinguidos e descoñecidos galegos do S.XXI. Plácido Castro del Río traza unha vida de película, onde conxugan a formación das elite da época co galeguismo dos anos 20 e 30. De adentrarse nela, observarán episodios tan singulares e destacados do século pasado para Galicia, así como tan dispares, coma o seu rol no programa galego da BBC ou como impulsor da Feira do viño de Cambados, a participación no Congreso das Nacionalidades das Sociedades de Nacións (onde se recoñeceu a Galicia como nacionalidade) ou nas xuntanzas do GALEUZCA, así como as súas proféticas análises, sobre o desenvolvemento da globalización e o turismo ou o papel de Galicia nese mundo, para a que suxeriu un primeiro programa base de política exterior…

Mais para a película teremos que agardar, xa que Plácido Castro. Nós mesmos no mundo” ten máis a ver cos tan suxerentes resultados do traballo acumulado pola Fundación Plácido Castro nos seus máis de vinte anos de andaina, que sen dúbida nesta leira, deixou substancia. A figura de Plácido que se descubre na biografía, nútrese do tronco inicial que deixou a primeira de Xulio Ríos, publicada por edicións Ir Indo no 1997, así como do carrusel de coñecemento que deixou o camiñar da Fundación en todo este tempo. Desta maneira a obra desliza máis ou menos explicitamente, en cada unha das súas páxinas, a aprendizaxe das vinte e catro Conferencias anuais Plácido Castro (que pensaron a súa vida entre os seus contemporáneos xeracionais e a súa polifacética personalidade) as experiencias dos Premios da Tradución, as distintas exposicións realizadas, os traballos monográficos, as escolmas poéticas e artísticas…

Todo este traballo acumulado catalízase por medio de grandes capítulos, comezando cun primeiro que atende as súas distintas etapas vitais, desde o neno de Corcubión a Cardiff e Glasgow, dos veráns en Cambados á vida adulta, o regreso a Galicia, o exilio e a volta á casa… O segundo capítulo achégase ás distintas dimensións da traxectoria de Plácido, deténdose no xornalista, no político, no poeta, no tradutor e no docente… non sen antes encadrar as coordenadas filosóficas que o conectaban xa a comezos do S.XX ao universalismo e ao pacifismo, xa como liberal ou pensador xeopolítico, que o converten nun moi estimado e orixinal galeguista. O libro péchase cunha Coda como terceiro paso da edición, arredor da especial relación de Plácido con Irlanda, concluíndo a obra cun epílogo e unha cronoloxía, que resumen esta vida de película e de compromiso.

Plácido Castro. Nós mesmos no mundo” imprimiuse nunha textura que lle dá personalidade ao libro e que facilita a lectura. Tamén vai acompañado dun bo feixe de fotografías e imaxes de arquivo, que reforzan a vocación interpetativa da biografía. Ábrese cun retrato en branco e negro do Plácido que cun ollar profundo convida á descuberta, falándonos desde o pasado mais conectado ao presente.

Non podo máis que recomendarlle que visiten a web da Fundación Plácido Castro para facerse con un exemplar.