shanghai publicidade letreiros luminosos rua

Novas regras en China

 Letreiros luminosos nunha rúa de Shanghai, clic para aumentar
A lei antimonopolio non ven a preceptuar a liquidación forzosa dos monopolios xestionados polas grandes compañías estatais, senón que recolle o sentir dun certo discurso nacionalista que dende hai un par de anos ven chamando a atención sobre a necesidade de preservar o control básico da economía. (Foto: Luminosos de publicidade nunha rúa de Shanghai).
 

O ano 2007 confírmase como un exercicio prolífico en China en materia normativa. Á aprobación da lexislación reguladora da propiedade privada e da contratación laboral, sumouse recentemente a regulación en materia de promoción de emprego e, sobre todo, a súa primeira lei anti-monopolio. Esta última, como a normativa relativa aos dereitos reais, estivo en discusión durante trece anos e no que se refire ao capital exterior, presenta como novidade salientable o endurecemento das condicións da adquisición de empresas chinesas por parte dos estranxeiros. A partires de agora, e antes de que os estranxeiros poidan participar en calquera proxecto de fusión ou adquisición empresarial, deberá levarse a cabo unha investigación en materia de seguridade nacional e verificarse a un tempo o eventual carácter monopolista do proxecto.

As precaucións que incorpora o citado texto legal teñen en conta diferentes aspectos: a propia experiencia chinesa en investimentos no exterior (por exemplo, o proxecto de adquisición da estadounidense UNOCAL, frustrado invocando razóns de seguridade nacional), a menor necesidade de capitais estranxeiros ““e mesmo certo exceso de liquidez”“ nunha etapa en que China pretende definir un novo modelo de desenvolvemento superador da súa identidade tradicional (produción para a exportación, desprezo ao ambiente, etc), ou a preocupación por evitar que algunhas empresas consideradas estratéxicas caian en mans estranxeiras agora que esta case terceira economía do planeta debe ir abríndose cada vez máis ao exterior.

A lei antimonopolio non ven a preceptuar a liquidación forzosa dos monopolios xestionados polas grandes compañías estatais, senón que recolle o sentir dun certo discurso nacionalista que dende hai un par de anos ven chamando a atención sobre a necesidade de preservar o control básico da economía. O ano pasado, por exemplo, o Ministerio de Comercio anunciou que a súa conformidade pasaba a ser indispensable para a adquisición por capital estranxeiro de empresas chinesas de renome ou presentes en sectores clave. Esa foi unha primeira resposta para condicionar a posición “dominante” dalgunhas multinacionais que contan con importantes vantaxes tecnoloxicas e financeiras que lle permiten intervir en operacións que segundo as autoridades chinesas restrixen a competencia e afectan á seguridade económica do país. China, polo tanto, con esta normativa, deixará de acudir a normas administrativas máis ou menos caprichosas para utilizar intelixentemente outros argumentos máis homologables internacionalmente e facendo uso desa dobre linguaxe que abraza certo proteccionismo básico sen deixar de facelo en nome da defensa da competencia e do mercado.

Medios empresariais de Europa e de EEUU, ao tempo de reclamaren unha competencia sana e un marco legal transparente e coherente que defina procedementos recoñecibles, quedan á espera agora da publicación dos regulamentos que deben precisar os detalles de aplicación da nova normativa na que abundan as lagoas. Por parte chinesa, polo momento, ponse o acento na defensa dos consumidores e usuarios e na protección da competencia leal no mercado, pero semella evidente que estamos ante un paso máis orientado a blindar a economía do país postulando unha utilización do capital exterior nunha perspectiva máis supeditada aos novos intereses que manifesta a economía nacional, diferentes dos da primeira ou segunda década da reforma.