O doente Pinochet, ante o tribunal penal de Párkinson

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

A celeridade coa que se desenvolveu a primeira xornada na sala de Bow Street, onde se determinará a procedencia, ou non, da extradición do dictador chileno ao Estado Español, semella indicar que Ronald Bartle -adxunto ao xuíz titular do tribunal penal, Grahan Parkinson-, non vai ser obstáculo que deteña o proceso contra Pinochet, a pesares da súa adscripción conservadora e da súa afinidade ideolóxica cos plantexamentos da "Dama de Ferro".

Vai xa para un ano, concretamente un 16 de outubro, que Scotland Yard detiña a Augusto Pinochet Ugarte dando curso a un requerimento do xuíz Baltasar Garzón. Esta data foise consolidando como o auténtico comezo dunha segunda transición, fráxil pero con signos inequívocos de ir sacudíndose o medo.

En 1982, o Maxistrado Carlos Cerda foi sancionado coa suspensión de emprego e soldo logo de procesar a cinco xenerais implicados na desaparición dunha ducia de cadros comunistas. A autoamnistía dos militares cubriu posteriormente todos os abusos e vulneracións dos dereitos humanos acontecidos entre 1973 e 1978, entroutros os cometidos polo xenerais implicados polo xuíz Cerda e que finalmente saíron impunes. O manto do terror voltou sepultar a verdade.

Dezaséis anos máis tarde as gretas abertas pola xustiza xa permiten ver a luz a traveso das férreas coirazas autoprotectoras da postdictadura. Operacións macabras como a "Caravana da morte" ou "Albania" son investigadas e xulgadas. Trinta militares están sendo procesados, entre eles cinco xenerais. Pinochet xa acumula 43 casos na xustiza chilena… Mesmo dentro do exército se albiscan rupturas xeracionais, que incipientemente afloraron hai uns días cando a o gremio dos xenerais retirados que participaron activamente na represión, pretenderon boicotear un desfile do exército, o primeiro "0nce sen Pinochet", que adoitaban converter no desfile da victoria do fascismo. A cúpula do exército non se prestou ao pulso, senón que celebraron con normalidade o desfile.

A fundación Pinochet e os partidos pinochetistas presinten que chega a hora da verdade e, cada vez, gastan menos forzas en manter vivas as antorchas argumentais da defensa do dictador. A nova estratexia consiste en presentar ao octoxenario senador vitalicio coma un morto vivinte, ao que por humanidade compre dar unha morte non humillante. Saben a maioría da poboación non aproba o acontecido durante a dictadura, pero tamén saben que a maioría non acepta a xustiza tutelada dende a antiga metrópole, anque aínda desconfíen da liberdade da xustiza en Chile.

Onte mesmo, día do comezo da vista pola extradición, o xornal La Tercera publicaba a sorprendente noticia de que o doente ex-presidente recibiu a Extrema Unción.

Comeza a percibirse que a sensación de que a solución humanitaria se abre camiño. Preséntase desde as cancillerías como beneficiosa para as relacións económicas, relacións diplomáticas e mesmo para a convivencia chilena.

Alónxase a posibilidade de ver a Pinochet nun recinto penitenciario,sendo interrogado e procesado polo xuíz Garzón.

Mais todos, por fin, debemos sentir que se cumpre a xustiza, sen mantos protectores de impunidades.