20060824 beijing hugo ghavez e hu hintao

O enredo de Irán

 Visita de Hugo Chávez a China, clic para aumentar
Cando se especula sobre as consecuencias dun conflito sobre os prezos do petróleo, circunstancia que sen dúbida afectaría ás economías occidentais, cómpre ter en conta que, sobre todo, debilitaría a rivais de EEUU como China (que recibe o 47% do petrólero de Irán), moi dependente das tecnoloxías de alto consumo enerxético. Non obstante, despois da visita de Chávez a Pequín, a guerra con Irán semella pouco probable. Os acordos de subministro de petróleo venezuelano a China mudan o contexto da crise, se ben abren un horizonte de maior presión de EEUU sobre Caracas. (Foto: Beijing, 24/08/2006. Hugo Chávez e Hu Jintao durante unha cerimonia con motivo da visita do presidente venezuelano a China).
 

Pasou o ultimato do 31 de agosto sen que Irán accedese a dar cumprimento á resolución do Consello de Seguridade de Nacións Unidas que inclúe a suspensión do proceso de enriquecemento de uranio. Pior aínda, o vencemento da data foi acompañado de novas manobras militares e a inauguración dunha planta de procesamento de auga pesada, dando a entender, de palabra e de obra, que non ten intención ningunha de renunciar ao seu dereito a dispoñer da enerxía nuclear, á que, por outra banda, en termos de estricta legalidade internacional, ten lexítimo dereito en tanto se desenvolva con fins pacíficos.

A viaxe de Kofi Annan a Teherán nos primeiros días de setembro pouco serviu para calmar as pretensións de Washington. Difícilmente concordará a Casa Branca coa intención de Annan de retomar as negociacións sobre a base do paquete de incentivos dos cinco membros do Consello de Seguridade máis Alemaña. En EEUU parece abrirse camiño a idea doutra "gran coalición" internacional á marxe da ONU para impoñer sancións a Teherán. De ser así, probablemente teremos a UE de novo dividida ante a eventualidade dun apoio á estratexia estadounidense ou o patrocinio dunha solución propia.

A todos debería preocuparlle a posibilidade de que a imposición de sancións provoque un endurecemento da actitude de Irán, que podería incluír a adopción de medidas extremas, como a suspensión da súa cooperación coa Axencia Internacional da Enerxía Atómica ou a súa retirada do Tratado de Non Proliferación Nuclear. Por outra banda, non se pode ignorar a enorme influencia da República Islámica en Oriente Medio. Occidente necesita que Teherán desempeñe un papel componedor "e non dinamitador" na resolución dos conflitos de Líbano, Iraq e Palestina. En resume, a estratexia de colocar ás autoridades iranianas nunha situación desesperada non parece a máis aconsellable.

Outras voces importantes no contencioso, Rusia e China, tampouco teñen intención de secundar a belixerancia estadounidense. Tanto Moscova como Pequín descartan de forma absoluta o uso da forza e apostan por seguir desenvolvendo a cooperación con Teherán a todos os niveis, descualificando o empeño de Washington, atribuído á súa estratexia de facerse co control de tan rica e importante rexión do mundo. Pero non só.

A hipótese da guerra conta con apoios importantes. En Irán, o propio Ahmadinejad podería utilizala para reforzar as súas posicións internas, desprazando aos ayatollah. En EEUU, serviría para fortalecer as posicións dos republicanos na véspera das eleccións que en novembro abrirán a carreira cara as presidenciais de 2008. Mesmo cando se especula sobre as consecuencias dun conflito sobre os prezos do petróleo, circunstancia que sen dúbida afectaría ás economías occidentais, cómpre ter en conta que, sobre todo, debilitaría a rivais de EEUU como China (que recibe o 47% do petrólero de Irán), moi dependente das tecnoloxías de alto consumo enerxético. Non obstante, despois da visita de Chávez a Pequín, a guerra con Irán semella pouco probable. Os acordos de subministro de petróleo venezuelano a China mudan o contexto da crise, se ben abren un horizonte de maior presión de EEUU sobre Caracas.