O Mundo en comisión

O anunciado compromiso do Presidente do Parlamento para crear unha comisión de Asuntos Europeos na Cámara galega é unha feliz noticia. Sen embargo, con ser un avance encomiable, resulta claramente insuficiente.

A acción exterior, entendida como globalidade na que certamente destaca a política respecto á Unión Europea, é e será un dos eixes claves da acción pública nos próximos anos. O futuro de Galicia vai depender en boa medida da súa capacidade para posicionarse no complexo mundo actual a partir das súas propias potencialidades económicas e sociais. Nesa perspectiva é demagóxico considerar a acción exterior como un antollo propagandístico. Pola contra, trátase dunha necesidade imperiosa. Cómpre ter presente que, por exemplo no ámbito comunitario, moitas das materias que hoxe son competencia autonómica exércense nese contexto supranacional (a política industrial, agrícola, de transportes, etc).

A priori, unha comisión parlamentaria de asuntos europeos e de acción exterior permitiría efectuar un maior control da acción do goberno neste eido. A Xunta de Galicia dispón dunha Secretaría Xeral con idéntico ámbito competencial e dunha comisión interadministrativa de acción exterior que engloba o tratamento dos asuntos comunitarios e extraeuropeos. A prolongación parlamentaria debería gardar a mesma coherencia, sen quedar reducida á acción estrictamente europea, con independencia do evidente peso que esta ten no conxunto da acción exterior.

Unha comisión así configurada podería incrementar a sensibilidade das forzas políticas, tan feble aínda, de cara ós asuntos exteriores. Nos programas dos diferentes partidos destaca, pola súa ausencia, unha formulación clara que permita visualizar as diferentes estratexias exteriores, mesmo en materias tan sensibles para as forzas progresistas como as políticas de solidariedade e de cooperación internacional. En consecuencia a crítica é pobre, cando non simplemente demagóxica. En parello, o goberno galego debe ser moi xeneroso á hora de facilitar a participación dos grupos da oposición na orientación e xestión da acción exterior.

Unha comisión de acción exterior podería contribuir á creación dun marco de mínimos ou punto de encontro respecto da estratexia exterior de Galicia. Nesta materia, aínda a sabendas das posibles e naturais diferencias que poden existir entre os partidarios do establecemento dunha diplomacia propia, descentralizada ou subestatal, é necesario desenvolver un permanente esforzo de diálogo, conceder primacía á aproximación de posicións para consensuar e enriquecer as liñas estratéxicas fundamentais que deben partir desa concepción de Galicia como "célula de universalidade", asentada como principio esencial por Vicente Risco e os galeguistas. Trátase de xerar o clima propicio para forxar unha "alianza por Galicia no eido exterior" que nos evite frustracións, permita aproveitar mellor as oportunidades, reduza o peso do feito migratorio, procure rigor científico, aminore o protocolo e fundamente en serio as expectativas económicas e comerciais.

Por último, esa comisión de acción exterior debería incidir de xeito favorable na maior comprensión social deste segmento da actividade política. Entre os nosos cidadáns predomina probablemente unha asociación negativa de ideas. Acción exterior é sinónimo de viaxes, protocolo, folclore, e escepticismo. En resume, se España pode pouco, Galicia poderá aínda menos. Pero non debemos ignorar que no tempo e no mundo en que vivimos ninguén mellor ca nós mesmos vai defender os nosos intereses.

La Rochefoucauld dicía que "para facerse unha posición no mundo cómpre facer todo o posible para facer crer que xa se ten". Guiarse polo brillante autor das "Máximas", suporía para Galicia unha traxedia. Unha comisión parlamentaria de acción exterior pode contribuir de maneira notable a solidificar e proxectar coherentemente os nosos intereses como sociedade nun contexto internacional que presenta múltiples desafíos pero tamén grandes oportunidades.