O prexuízo exterior

O primeiro congreso de estudos internacionais de Galicia reuniu a expertos de diferentes áreas e sensibilidades para establecer unha posta en común arredor da importancia do factor exterior para o progreso do país. E a conclusión foi unánime: é unha política pública irrenunciable na que urxe actuar con decisión, con estratexia e perseveranza.

Liñas de investigación Paradiplomacy
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Idiomas Galego

O primeiro congreso de estudos internacionais de Galicia reuniu a expertos de diferentes áreas e sensibilidades para establecer unha posta en común arredor da importancia do factor exterior para o progreso do país. E a conclusión foi unánime: é unha política pública irrenunciable na que urxe actuar con decisión, con estratexia e perseveranza.

Cómpre tamén unha mellor argumentación da súa utilidade. Anos de identificación interesada co desbalde redundaron nunha certa caracterización negativa. Máis aínda, a súa asociación reducionista cunha hipotética internacionalización das reivindicacións nacionalistas ignora o feito de que moitos Estados sen esta problemática alentan a participación global das súas entidades subestatais.  

Cun horizonte electoral á vista na nosa Comunidade, as diferentes formacións políticas farían ben en incorporar nos seus programas compromisos concretos nesta materia significando, en primeiro lugar, unha vontade explícita de abrir paso a un mínimo decálogo que facilite a súa continuidade á marxe das alternancias.

Se ollamos comparativamente a evolución da acción exterior de Galicia en relación á doutras nacionalidades históricas no Estado, é constatable unha perda de impulso nos últimos tempos que nos sitúa en condicións menos favorables para unha defensa acertada dos nosos intereses exteriores. Vistas estas experiencias comparadas, os retornos da acción exterior son inapelables.

Galicia non ten por qué seguir outros modelos. Pero o modelo non debe ser non telo. Contamos con capacidades abondo para garantir unha presenza no mundo conforme coa nosa identidade e os nosos intereses. E, como se dixo neste congreso, ou aproveitamos o presente ou a ocasión pode malograrse.

Os niveis de internacionalización da sociedade galega nos diferentes sectores son desiguais e asimétricos. Importa crear redes a todos os niveis –incluído o académico e investigador- que potencien os nosos recursos e aseguren unha permanente achega de propostas. Mesmo no universitario estamos quedando atrás de forma máis que evidente. Precisamos reverter esta involución.

Igualmente, son necesarios os espazos de reflexión, plurais en todos os sentidos, para converxer en liñas de acción que faciliten a posta en común dos diferentes actores e un modelo de xestión da acción exterior participativo e democrático.

Galicia pode realizar aportes importantes á axenda global desde a súa especificidade. Non só se trata de establecer complicidades internas coa acción exterior senón de sumar a nosa voz á reivindicación dunha globalidade baseada na diversidade e no respecto á dignidade e os dereitos das persoas.  

A autonomía e o vixente marco xurídico de relacións co Estado brinda posibilidades aínda non de todo exploradas para desenvolver unha acción exterior leal que teña en conta as nosas especificidades. Con sentidiño pero sen prexuízos.