nos no mundo 22 23

Os aspectos económicos da Lei de Acción Exterior de Galicia e a construción da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2023-2027

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”
Liñas de investigación Paradiplomacy Economy
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Palabras chave Galicia egaex

A singularidade cultural, histórica e linguística que caracterizan á nación galega, en combinación coa aplicación do principio de subsidiaridade -segundo o cal as accións deben ser tomadas no nivel administrativo máis eficaz-, fan recomendable que para a acción exterior galega se desenvolva unha estratexia propia acorde ás necesidades actuais dentro dun mundo en constante mudanza.

Empregando o vocabulario deportivo, a publicación da da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, supuxo o “pistoletazo de saída” para o desenvolvemento normativo da acción exterior galega cos países de lingua portuguesa. Na exposición de motivos da Lei Paz Andrade facíase alusión á necesidade de promoción por parte das autoridades autonómicas do desenvolvemento social, económico e cultural galego, en aproveitamento das súas vantaxes históricas, froito da súa ligazón con todos os países de lingua oficial portuguesa (art. 3) e, en especial, no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (art. 1). Para isto, por exemplo, instábase á participación e organización por parte das institucións de foros con países lusófonos en diferentes ámbitos, entre os que se inclúen o económico, cultural, ambiental, deportivo, etc.

Seguindo co símil deportivo, se a Lei Paz Andrade foi o punto de arranque normativo da acción exterior galega, a publicación da Lei 10/2021, de 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e coñecida como Lei de Acción Exterior de Galicia, supuxo o marco regulatorio para aplicar sobre a acción exterior autonómica no taboleiro de xogo da economía mundial. Un marco que vén sendo solicitado desde hai anos por organismos como o IGADI.

Un título preliminar, e dez posteriores dedicados a aspectos como a programación da acción exterior, a execución da Estraxia Galega de Acción Exterior (EGAEX), ao desenvolvemento do papel de Galicia en Europa e coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ou á regulación de tratados e acordos internacionais, constitúen gran parte do desenvolvemento normativo. Mais é a partir do título sétimo, destinado ao desenvolvemento das accións sectoriais no exterior, que se abordan os aspectos máis puramente económicos desta lexislación, fundamentalmente no capítulo cuarto sobre a “Acción exterior no campo da economía”. A través desta Lei regúlanse así aspectos concernentes tanto ao mercado interior -a necesidade autonómica de favorecer a prestación de servizos transfronterizos dos operadores galegos dentro do mercado interior europeo (art. 61)-, como ao mercado exterior -a diversificación internacional do comercio exterior desenvolvido polas empresas situadas en Galicia, co apoio das cámaras de comercio e asociacións sectoriais (art. 62)-, a captación de investimentos produtivos (art. 63), a colaboración coa rede de oficinas comerciais españolas no exterior (art. 64) e o desenvolvemento de iniciativas para estimular o asentamento en territorio galego de inmigrantes dos países prioritarios (art. 65). Ademais, inclúese na norma unha sección (2) específica para tratar a acción exterior en investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), que se concreta en tres artigos nos que se recolle a necesidade de potenciar cara o exterior un polo de excelencia galego no campo da I+D+i (art. 66), na promoción da participación internacional dos axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación (art. 67) e no pulo a redes de colaboración que permitan desenvolver a Estratexia de Especialización Intelixente no marco europeo (art. 68).

Sen embargo, a crecente complexidade e multidimesionalidade das relacións económicas globais provocou a necesidade de incluír na Lei de Acción Exterior de Galicia outros aspectos que se entrelazan coa actividade económica autonómica e local. Así, no capítulo segundo do título sexto da Lei abórdase a acción exterior no campo da facenda -considerando o contexto continental (art. 57) e a programación e xestión de Fondos Europeos (art. 58)-, no campo do medio ambiente e o cambio climático –instando á participación activa (art. 60) e á cooperación medioambiental exterior (art. 59)-, ou no eido da cultura, da lingua galega e do turismo foráneo (capítulo sétimo). Mención aparte merece no título oitavo da Lei a Cooperación para o desenvolvemento, unha actividade tradicionalmente ligada ao ámbito local, a través de organismos como a Federación Galega de Municipios (FEGAMP) e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O texto legal formula tamén no seu título noveno un aspecto estratéxico de maior ambición: a tentativa de ordenar e organizar a actividade de delegacións e oficinas autonómicas no exterior (art. 107 a 109). En comunión con este apartado da norma, o último dos seus títulos aborda a creación e rexistro mediante asento de novas redes no exterior de interese galego (art. 110), pero non só desde o punto de vista empresarial (art. 112), senón deixando aberta a posibilidade a outros tipos de redes de interese xeral e de foráneos con intereses na Comunidade Autónoma (art. 111 e 113).

Este esforzo de desenvolvemento normativo, con independencia das posibles melloras detectadas (e comunicadas) por parte dos expertos do IGADI, presenta sen dúbida unha oportunidade de avance na configuración e organización da Acción Exterior galega, no seu sentido amplo. Nun contexto mundial marcado pola inflación europea, polo estancamento económico chinés, a guerra da Ucraína, os movementos dos BRICS para a consolidación dunha nova realidade global multipolar, e as turbulencias políticas en África derivadas da situación xeopolítica, a EGAEX 23-27 deberá ser o suficientemente flexible para recoller estas e outras realidades económicas, de maneira que a Estratexia supoña unha nova oportunidade de seguir avanzando na consolidación da acción exterior galega.

Non obstante, unha oportunidade como a elaboración e aprobación da Estratexia de Acción Exterior de Galicia (EGAEX) 23-27 -que no noso símil deportivo serían as liñas estratéxicas para a planificación desta e das vindeiras tempadas- corre o risco de non concretarse en accións específicas se non se dota do orzamento necesario para o seu desenvolvemento. Neste sentido, sería conveniente que a nova Estratexia fose capaz de concretar orzamentos, formas ou prazos de execución dalgúns dos obxectivos de máximo interese, como o desenvolvemento dun plan específico para o fortalecemento das relacións co resto de países europeos, a potenciación das relacións comerciais e económicas con Brasil e co resto de economías emerxentes, a integración e fomento da acción exterior local, a unidade de acción internacional das universidades, a promoción do turismo sustentable e da industria cultural, ou o fomento da comunicación coa diáspora con fins económicos. Non cabe dúbida de que o IGADI tería moito que achegar neste proceso de construción.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.