O presente artigo concebiuse en coautoría entre Facundo Muniain e María Xosé Porteiro
Nós no Mundo 2023: Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior

O impacto electoral do voto exterior

Este artigo concebiuse en coautoría entre Facundo Muniain e María Xosé Porteiro e fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”
Liñas de investigación Paradiplomacy Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Palabras chave Galicia diásporas

O chamado voto CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) inclúe a totalidade dos cidadáns do estado español que residen temporal, ou habitualmente, noutros países sempre que estean inscritos nas oficinas consulares, e permite a súa participación como votantes nas eleccións autonómicas, xerais e europeas. O CERA, dependente do Instituto Nacional de Estatística (INE), ascendía a 2.325.310 persoas inscritas ata o 1 de marzo de 2023, o que supón 196.751 inscritos máis que hai catro anos.

Os países onde viven un maior número de cidadáns de orixe española con idade para votar son:

Arxentina, con 421.553; Francia con 215.354; EEUU con 163.769; Cuba con 152.491; Alemaña con 126.189; México con 134.948; Venezuela con 129.402; ou Reino Unido con 104.904. Entre os países con menos electores no CERA figuran Albania, con 32, Moldavia con 8 ou Armenia con 9.

O “voto rogado” de 2011

A lei electoral modificada en 2011 impuxo a estes votantes a esixencia do coñecido como “voto rogado” que produciu un notable descenso da participación: se nas eleccións xerais de marzo de 2008, fora do 31,7% dos 2’1 millóns de censados, nas de novembro de 2019 baixou ata o 6,8%.

Nesta caída puido influír, entre outras causas, a complexidade dos requirimentos e a confusión nos envíos da documentación precisa para a remisión das papeletas a cadansúa xunta electoral provincial. Esta situación agravábase nos países con servizos postais deficientes e aumentaban as dúbidas sobre a posibilidade de cometer fraude co sistema, eivas que incidiron na decisión de establecer un novo procedemento, menos proclive a fallos deste tipo, mais que tamén influíu na participación.

A tendencia a minorar a intención de voto pola esixencia do voto rogado, confirmouse en Galicia a partir de 2011. Nas anteriores eleccións autonómicas de 2009 participaran algo máis da terceira parte do censo (30.3%), pero a participación pasou a ser testemuñal despois da reforma e foi en progresivo descenso dende o 3,26% en 2012 ata o 1,24% en 2020, cando só exerceron este dereito 5.726 galegos dos preto de 500.000 censados no estranxeiro.

Novo cambio lexislativo en 2022

A nova Lei orgánica 12/2022, de 30 de setembro, que substituíu a de 2011 e eliminaba o voto rogado para o electorado do exterior, foi aprobada no Congreso cun consenso case unánime, coa abstención do BNG. O texto incorporou maiores facilidades para a participación electoral. Para o seu cumprimento o Ministerio de Exteriores tivo que verificar e actualizar o Censo do CERA e habilitar novos centro de votación a fin de garantir a dispoñibilidade da documentación precisa. A entrada en vigor da lei reformada incidiu nos posteriores procesos electorais nos que se puido votar por correo, en urnas situadas en consulados e embaixadas, ou por envío ás xuntas electorais correspondentes. O efecto do cambio lexislativo foi notable nas recentes eleccións xerais nas que se recuperaron índices anteriores a 2011, situándose o voto emigrante de novo arredor do 10% do total emitido.

Galicia, seguidade Madrid, lidera o censo de votantes no exterior

No mapa electoral de todo o estado español, Galicia é un caso especial por aportar un total de 472.140 residentes no estranxeiro con dereito a voto, unha cifra equivalente ao 17% de toda a súa poboación no territorio peninsular e que supera a poboación total da provincia de Lugo (339.614) ou da de Ourense (356.868).

Nas próximas eleccións autonómicas de 2024, a nova lexislación pode ter incidencia no resultado final posto que as porcentaxes de votantes no estranxeiro respecto da poboación total acadan porcentaxes importantes como o 28,7 en Ourense, 20,2 en Lugo, e 14,9 en A Coruña e Pontevedra respectivamente.

Este case medio millón de votantes procedentes da Galicia exterior supón preto da cuarta parte do total do CERA de todo o estado (2.266.187), onde as seguintes comunidades autonómicas cun censo importante son Madrid, con 376.495, Cataluña con 281.551 e Andalucía con 269.380.

No voto emitido para cada unha das catro provincias galegas nas recentes eleccións xerais, os procedentes do CERA mantiveron ao PP e ao PSOE como primeira e segunda forza, respectivamente, en todas elas. O terceiro posto, nas provincias da Coruña e Pontevedra, foi para Sumar, mentres que en Ourense e Lugo esta posición foi para Vox. O BNG foi a quinta opción máis votada en todas as circunscricións.

O exterior, un voto determinante no reparto de escanos nas últimas elecciónsxerais

En anteriores procesos electorais tense confirmada a importancia do voto do exterior que pode dar ou quitar maiorías. Nas eleccións ao Congreso dos Deputados de abril de 2019, repetidas en novembro dese mesmo ano, e mesmo cando o voto CERA favorecera ás formacións de esquerda, o PP gañou un escano en Bizkaia por 126 votos logo do reconto definitivo do voto exterior, en aberta competición co PNV.

Nas eleccións xerais de xullo pasado o voto CERA tivo unha extraordinaria importancia na circunscrición madrileña pois o resultado pode afectar a continuidade da coalición PSOE+Sumar. Un escano máis obtido polo PP supuxo un menos para os que o PSOE contara o día 23 en Madrid, producindo unha situación que pode condicionar a maioría necesaria para repetir a actual fórmula de goberno na próxima lexislatura.

O acontecido na circunscrición de Madrid é sintomático no caso dos cidadáns do exterior de segunda e terceira xeración que deben censarse nalgunha provincia. Cando non poden confirmar a procedencia familiar exacta, pasan, por defecto ao censo de Madrid o que lle confire a esta circunscrición un papel determinante á hora avaliar os efectos e resultados de ditos votos.

A importancia que lle dan os partidos políticos a este asunto resulta evidente. No ámbito da política estatal a experiencia galega está a ser seguida, como demostra a decisión do actual presidente do PP e anterior presidente galego, Alberto Núñez Feijoo, situando ao Secretario Xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, como secretario executivo do PP no Exterior. Tamén a presidenta madrileña e presidenta do partido en Madrid, creou o ano pasado unha secretaría denominada Madrileños no Exterior, con Javier Hurtado á fronte.

Galicia e a súa diáspora

A emigración é un fenómeno de esencial importancia histórica, social, política e económica para o pobo galego. Como consecuencia do proceso de emigración galega, os descendentes daqueles emigrantes residentes fóra de Galicia presentan unha gran dispersión xeográfica que, aínda que centrada principalmente en América, abrangue o globo terráqueo e os seus cinco continentes. Resulta relevante o concepto de diáspora para comprender os discursos e as dinámicas implicadas na construción identitaria dos Galego-descendientes no exterior.

O termo diáspora, orixinalmente, e case exclusivamente, utilizouse xa para o pobo xudeu. Sin embargo, a partir dos anos 60, ampliou o seu uso para a dispersión doutros pobos como o armenio, o irlandés, o palestino, o vasco ou a chamada diáspora afrodescendiente. Estes colectivos comparten co pobo xudeu a concepción da súa dispersión como resultado dun suceso catastrófico que traumatizou a toda a vila, creando así a “experiencia histórica central da victimización a mans dun cruel opresor” (Cohen, 2008, p. 1).

O recoñecido politólogo William Safran, que é de referencia obrigada para a definición do concepto de diáspora, propón seis criterios esenciais (1991, pp. 83-84): no primeiro lugar, (1) a dispersión dos membros ou dos seus ancestros da diáspora desde un ‘centro’ orixinal a dúas máis rexións estranxeiras; segundo, a conservación de (2) unha memoria colectiva, visión ou mito sobre a súa patria orixinal, incluída a súa ubicación, historia e logros; terceiro, (3) a imposibilidade dunha integración plena baseada na crenza de que non son, e quizáis nunca poderán ser, totalmente aceptados nas súas sociedades de acollida e, polo tanto, permanencían parcialmente separados; en cuarto lugar, (4) a idealización do fogar ancestral ao que eles ou os seus descendentes van querer regresar cando as condicións sexan favorables; en quinto, (5) o compromiso co mantemento ou restauración da patria orixinal e coa súa seguridade e prosperidade dos membros da diáspora; e, en sexto, (6) o mantemento da relación con esa patria e a súa conciencia etnocomunitaria dun xeito que modela de forma significativa a identidade e a solidariedade.

Pola súa banda o sociólogo americano Rogers Brubaker mantén a existencia de tres elementos fundamentais para a comprensión do termo: en primeiro lugar, a dispersión considérase o criterio principal máis aceptado, sendo a dispersión forzada e traumática o máis prototípico; en segundo lugar, a conexión coa patria real ou imaxinaria de orixe como fonte autorizada de valor, identidade e lealdade -este criterio será fundamental para o noso traballo. Por último, propón tratar a diáspora non como un ente delimitado, senón como un discurso, unha posición e unha reivindicación.

Pero por que é relevante volver ao concepto de diáspora á hora de abordar o voto exterior galego? Pois porque Galicia como proxecto de nación, tanto polas penurias como polos logros da súa historia, ten unha proxección global grazas á mobilidade dos seus cidadáns na forma en que se organizaron e conectaron por todo o mundo.

O voto exterior como concepto global

No mundo, un total de 115 países, incluíndo 27 países de África, 14 de América, 20 de Asia, 10 de Oceanía e 40 de Europa, consideran o voto estranxeiro como un dereito dos seus cidadáns. O voto estranxeiro, tamén coñecido como voto expatriado, foi un tema de debate con fortes argumentos a favor da súa implantación. Podemos mencionar algúns puntos clave que ter en conta para o caso galego. A) Inclusión e representación: Permitir o voto estranxeiro garante que os cidadáns galegos residentes no estranxeiro, xa sexa por motivos de traballo, estudos ou outros, poidan seguir participando activamente no proceso democrático do seu país de orixe. Isto fomenta a inclusión e garante que se teñan en conta unha ampla gama de voces na toma de decisións nacionais. B) Preservación do compromiso cívico: os cidadáns que viven fóra do seu país de orixe adoitan manter fortes lazos e intereses nos asuntos da súa nación. O voto exterior permítelles seguir comprometidos co panorama político, contribuíndo a un sentimento de pertenza e conexión que transcende as fronteiras xeográficas. D) Perspectiva global: os expatriados aportan ao electorado unha perspectiva global única. As experiencias dos cidadáns no estranxeiro poden proporcionar un coñecemento valioso e unha comprensión máis ampla dos problemas internacionais. O voto externo introduce diversidade no proceso democrático, enriquecendo os debates e as decisións tomadas a nivel nacional. E) Contribución á economía: moitos dos galegos expatriados contribúen activamente á economía do seu país de orixe mediante remesas e investimentos. Permitirlles votar crea unha relación recíproca, reforzando o seu compromiso co benestar da nación. Recoñece o seu papel na configuración de políticas económicas que afectan tanto aos residentes como aos expatriados. D) Dereitos legais e constitucionais: o voto externo aliña o principio de sufraxio universal e a noción de que todos os cidadáns, independentemente da súa localización, deben ter o mesmo acceso aos seus dereitos constitucionais. Negar o dereito ao voto por razón de residencia pode ser visto como unha forma de privación de dereitos, que suscita preguntas sobre a equidade do proceso democrático. E) Avances tecnolóxicos: cos avances tecnolóxicos que contamos hoxe día a implementación de sistemas seguros e eficientes para o voto externo fíxose máis factible.

O voto estranxeiro, como se indicou anteriormente, pode ser determinante no panorama político español e galego. Implica polo tanto unha responsabilidade moi alta por parte dos cidadáns da diáspora. Para os que se viron obrigados a abandonar Galicia por razóns económicas, políticas ou laborais, supón un dereito e os descendentes daqueles hérdano coa mesma obriga cívica e con toda a complexidade que supón. É dicir, ao mesmo tempo que os cidadáns incluídos no CERA teñen dereito á participación política na súa patria, este dereito obriga a estar ao día da realidade do país e a exercela con responsabilidade.

En conclusión, o voto externo non só defende os principios democráticos de inclusión e representación, senón que tamén recoñece a dinámica cambiante da cidadanía nun mundo interconectado. Abrazar a participación dos expatriados no proceso electoral contribúe a unha democracia máis vibrante e robusta.


Referencias

  1. Ellis, A. , Navarro, C., Morales, I., Gratschew, M. & Braun, N. (2009) Voto en el extranjero, El manual de IDEA Internacional, Instituto Federal Electoral de Mexico, disponible en https://www.idea.int/sites/default/files/publications/voto-en-el-extranjero-el-manu al-de-idea-internacional.pdf
  2. Brubaker, R. (2005). (16) The «diáspora» diáspora. EthnicandRacialStudies, 28(1)
  3. CERA, Instituto Nacional de Estatística (INE) consultado en: https://www.ine.es/up/rtjN8HMM
  4. Cohen, R. (2008). Global Diasporas: An Introduction. Routledge.
  5. Safran, W. (1991). Diasporas in Modern Societies: Myths of Homeland and Return.
  6. Diaspora: A Journal of Transnational Studies, 1(1), 83-99.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.