Primeiro “Once” sen Pinochet

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

Non hai máis "Once", en maiúsculas, na recente historia de Chile que o daquel fatal setembro de 1973 no que se truncou a democracia. Por primeira vez en vinteseis anos se viviu un aniversario co dictador ausente, mais as feridas que deixou a dictadura volveron sangrar no 1999. Dous mozos mortos e 30 feridos son o balance da xornada de tensión vivida.

Debaixo dos disturbios, a sociedade Chilena comeza a percibir gretas nos férreos aparatos de estado herdado do pinochetismo. Pouco a pouco vanse abrindo novos espacios de transparencia que poden facer crible o sistema democrático e permita a chegada dunha segunda transición que abra as portas a definitiva reconciliación nacional.

Na noite do sábado un millón de habitantes da capital quedaron a escuras a causa dos ataques sufridos por 30 transformadores das centrais eléctricas. Mentres nas rúas se vivían graves disturbios con trinta feridos, dos que seis presentaban feridas de bala, 100 persoas foron detidas e tres policías resultaron contusionados. Autobuses, semáforos, mobiliario urbano e locais comerciais sufriron as iras de grupos de manifestantes que se fixeron donos da noite e montaron barricadas nas principais rúas santiaguinas.

A confusión rodea aínda uns cruentos acontecementos, que a policía e o goberno deben aclarar definitivamente. Pero a sociedade chilena comeza a percibir con ilusión o debilitamento da influencia do exército e dos sectores máis reaccionarios da xustiza na vida política de Chile.

Dous son aínda as grandes asignaturas pendentes para facer crible a democracia chilena: O levantamento do paraugas protector que se concederon os militares ao autoamnistiarse, que cubre os anos do 73 ao 78, e a inmunidade do senador vitalicio que permite a impunidade de Pinochet na represión que dirixiu, co asesoramento da CIA.

Pero hai novos signos de esperanza. O 27 de agosto a sentencia sobre a "A Caravana da Morte" deixou un sabor agridoce. Xulgábanse 72 asasinatos que aconteceron nos días seguintes ao levantamento militar do 73. Estaban acusados o xeneral Sergio Arellano e outros catro oficiais do exército de ter participado nunha rolda por diversas poboacións para axilizar consellos de guerra nos que estaban sendo procesadas persoas de tendencia esquerdista. Os 72 casos remataron en execución.

Na resolución da Corte de Apelación se rexeitou ampliar os cargos para pasar a xulgar aos militares por homicidio, pero mantívose o proceso por secuestro contra dos membros da " Caravana da morte".

Nos ámbitos preocupados pola defensa dos Dereitos Humanos, interpretaban coma un éxito parcial que se prosiga a investigación para averiguar a responsabilidade dos oficiais no secuestro e se continúe coas averiguacións sobre o destino das víctimas. Esta sentencia sería impensable hai moi pouco tempo co xeneral retirado en Chile.

Tamén a " Mesa de diálogo" na que se sentan militares e avogados coñecidos pola súa defensa dos dereitos humanos colleita división de opinións. Mentres as Agrupacións de Familiares de Detidos Desaparecidos (AFDD) e de Parentes de Executados Políticos rexeitan e desconfían da iniciativa, xa que sospeitan que detrás dela está a intención oculta dunha "Lei de Punto Final", o certo é que nunca os militares se imaxinaron tendo que dar conta da Longa Noite de Pedra Chilena, da que foron actores principais.