O Parlamento taiwanés aprobou a semana pasada a lexislación reguladora dos referendos. A proposta gobernamental ía dirixida a definir os camiños para facer posible unha consulta sobre a independencia do país. Sen embargo, os lexisladores, de maioría opositora ao presidente Chen Shui-bian, descartaron a convocatoria en temas sensibles como “o cambio de bandeira nacional, do nome do país, do himno nacional e do territorio así como a soberanía”. En Beijing, Zhang Mingqing, portavoz da oficina de asuntos de Taiwán do Consello de Ministros, advertía novamente contra o perigoso rumbo impulsado polos independentistas do PDP (Partido Democrático Progresista), asegurando que non permanecerán “sentados cos brazos cruzados”, e que China adoptará accións para impedir “a toda costa” a independencia de Taiwán.
Con todo, as restriccións impostas á normativa impulsada polo gabinete de Chen ben poden satisfacer a China e aliviar os seus temores. De ser un proxecto para contar cos medios legais para, chegado o caso, proclamar a independencia, a consulta quedou reducida a un mecanismo para afortalar a democracia favorecendo a participación cidadá na toma de decisións sobre asuntos de gran importancia. Foi con ese cambio de orientación que o texto acadou o apoio da maioría opositora, inicialmente inclinada a rexeitalo de plano. A pesar diso, o presidente Chen advirte que o texto aprobado autorízalle a convocar referendos sobre asuntos relacionados coa seguridade nacional en caso de que Taiwán se sinta ameazado por forzas exteriores. Chen, que recentemente visitou EEUU, pensa en convocar unha consulta para o próximo 20 de marzo, coincidindo coa data de celebración das eleccións presidenciais nas que aspira a renovar o seu mandato.
Intentando quitar ferro ás propostas de Chen, o vicepresidente do Consello para os Asuntos de China Continental, Chen Ming-tong, asegura que o aprobado en nada afecta á política taiwanesa de cara a Beijing. “Esta é unha reforma democrática, que aspira a establecer en Taiwán unha democracia plena e non un acto para fomentar a independencia”, asegura. Tratando de reducir a alarma, este alto funcionario facía pública unha enquisa do Centro para a Investigación de Eleccións da Universidade Nacional Chengchi, segundo a cal case o oitenta por cento dos cidadáns de Taiwán aceptaban a idea de manter o actual status quo existente entre os dous lados do Estreito. A enquisa tamén revelaba que soamente un 7,4 por cento dos entrevistados apoiaba a proposta chinesa de “un país, dous sistemas”, rexeitamento reforzado cun sentimento de percepción de hostilidade de China cara a Taiwán que é valorado por un 69,4 por cento dos entrevistados.
Semellante estado na opinión pública, a modificación lexislativa e a proximidade das eleccións presidenciais auguran uns meses complicados na rexión. Chen Shui-bian, ante o acordo electoral dos seus rivais, o Kuomintang e o Partido Pobo Primeiro, precisa radicalizar o seu discurso a fin de gañar as adhesións que aínda conserva Lee Teng-hui, ex presidente que lle supera na vocación independentista. Os comicios de marzo serán decisivos para o futuro da illa e das relacións con China. Cada vez máis nerviosos, en Beijing, as autoridades meditan a súa reacción, a sabendas de que a reiteración de exercicios militares no pasado foi capitalizada polos seus rivais mais irreductibles.
A guerra fría que aínda se vive nesta parte do mundo pode arrefriarse aínda mais se China non atopa vías de distensión que muden a imaxe que a súa actitude provoca na sociedade taiwanesa. A liberalización do transporte aéreo e marítimo entre os dous lados do estreito de Taiwán, prudente e gradual pero xeneroso, abriría a esperanza dun cambio de rumbo nunhas relacións bilaterais, sempre delicadas, e nas que cómpre incidir para evitar desesperacións de graves consecuencias.