Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 27 de Marzo ao 2 de Abril de 2017

Taiwan Hebdo 14-2017

1.      Informe

O caso de Lee Ming-che ameaza con agravar o distancamento entre Taipéi e Beijing. Lee, ex empregado do PDP e xefe de estudos na Universidade Wenshan, desapareceu logo de entrar en China a través de Macau o 19 de marzo, ao parecer co propósito de arranxar tratamentos médicos para a súa sogra. Recoñecido defensor dos dereitos humanos, a súa desaparición volve suscitar serias dúbidas sobre a seguridade das persoas que traballan coa sociedade civil de China, dixeron fontes de Amnistía Internacional. O goberno mostrouse disposto a facer todo o posible para obter a súa liberación. 

Liñas de investigación Observatory of Chinese Politics
Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

1.      Informe

O caso de Lee Ming-che ameaza con agravar o distancamento entre Taipéi e Beijing. Lee, ex empregado do PDP e xefe de estudos na Universidade Wenshan, desapareceu logo de entrar en China a través de Macau o 19 de marzo, ao parecer co propósito de arranxar tratamentos médicos para a súa sogra. Recoñecido defensor dos dereitos humanos, a súa desaparición volve suscitar serias dúbidas sobre a seguridade das persoas que traballan coa sociedade civil de China, dixeron fontes de Amnistía Internacional. O goberno mostrouse disposto a facer todo o posible para obter a súa liberación. 

A Oficina de Asuntos de Taiwán do Consello de Estado sinalou pola súa banda que Lee está sendo investigado por ser sospeitoso de poñer en risco a seguridade nacional. As peticións cursadas pola familia e entidades oficiais encargadas das relacións a través do Estreito non obtiveron resposta cumprida. O goberno lamentou que non se ofreceu ningunha explicación por esta desaparición nin detalles sobre a investigación ou o seu paradoiro. 

Segundo a directora da Asociación de Profesores Universitarios de Taiwán, Lin Hsiu.-hsin, Beijing intentaría reprimir a Taiwán como o fixo con Hong Kong e Macau. O secretario xeral da Fronte Laboral de Taiwán, Son Yu-liam, descualificou o intento de facer pasar aos defensores dos dereitos humanos por xente “perigosa”. Outros grupos asocian a detención cunha advertencia á cidadanía taiwanesa para que non apoien ideoloxías de corte independentista, recordando que non ten ningunha xurisdición sobre os residentes en Taiwán.

O Ministerio de Xustiza apelou a Beijing a aterse ao Acordo de Loita Conxunta contra o Crime e Asistencia Mutua Xudicial a través do Estreito asinado polos dous lados en 2009, permitindo aos familiares de Lee visitalo e protexendo os seus dereitos legais. 

2. Observacións de contexto.

* Vinte e dous dirixentes e participantes do Movemento Xirasol que en marzo de 2014 ocuparon o Yuan Lexislativo para protestar contra o acordo de comercio de servizos con China continental foron atopados “non culpables” de obstruír o funcionamento do Parlamento, segundo ditaminou un xuíz da capital. O Movemento Xirasol é considerado un fito na historia democrática de Taiwán. 

* O Yuan lexislativo aprobou unha emenda á normativa que regula o desempeño dos militares retirados dispoñendo a retención permanente da súa xubilación e pensións, entre outros beneficios que perciban do Estado, si filtran información ou coquetean dalgunha forma non autorizada con China continental.

* Tsai Ing-wen anunciou que a Planta Eléctrica de Linkou está lista para comezar a producir enerxía a capacidade plena xa que os dous novos xeradores poderán garantir que non se produzan problemas no fornezo eléctrico durante o verán. Segundo a presidenta, para 2025, a xeración eléctrica por gas natural será dun 50 por cento da produción total, mentres que a producida por enerxía fósil baixará a un 30 por cento e a enerxía verde supoñerá un 20 por cento. 

* O Yuan Executivo e o Yuan de Exames presentaron senllos borradores sobre a reforma das pensións para profesores de escolas públicas e o axuste da taxa de contribución do seguro laboral. Esta é a primeira etapa dunha reforma de conxunto que debe “salvagardar o sistema de pensións taiwanés”. 

* Ante o Consello Asiático da Comunidade Chinesa 2017, Tsai promoveu a súa nova política cara ao Sur que, segundo as súas palabras, debe sentar as bases de Taiwán dos próximos 20 anos. 

* O vicepresidente do KMT, Hau Lung-bin, instou a preparar adecuadamente as eleccións locais de 2018, debendo gañar polo menos en dous dos seis municipios especiais e asegurar un aumento substancial de votos; caso contrario, o futuro da formación verase máis ensombrecido aínda. Hau quere poñer termo ao que algúns cualifican de “depresión azul” que apunta ás baixas expectativas do partido. Hung Hsiu-chu presentou unha lista de logros obtidos durante o pasado ano. 

* O PDP está considerando non presentar candidatos para as eleccións locais do próximo ano nalgúns distritos para forxar alianzas con candidatos independentes, nun intento de evitar vitorias do KMT. Isto podería afectar a Taipéi ou Miaoli ou o condado de Kinmen. Fontes oficiais do partido cualificaron esta noticia de especulación sen fundamento. 

* China continental pediu a Taiwán a posta en liberdade da tripulación e o barco pesqueiro detidos baixo acusación de estar faenando ilegalmente en augas das illas Dongsha.

* Unha Mesa Redonda de Empresarios do Estreito contou coa presenza dunha delegación taiwanesa de 19 membros encabezada polo ex vicepresidente Vincent Siew no Foro Boao deste ano. Os empresarios da illa dixeron esperar que China abrirá máis o seu mercado sen que os factores políticos dificulten a cooperación. 

* Beijing expresou a súa firme oposición á visita a Taiwán dun alto funcionario xaponés, acusando a Tokio de romper o compromiso de manter exclusivamente intercambios civís e rexionais con Taiwán e os principios dos catro documentos políticos acordados por China e Xapón respecto diso. 

* Taipéi rexeitou as protestas de Vietnam a propósito dunha serie de exercicios de rutina realizados polo servizo de gardacostas en augas circundantes da illa Taiping, no Mar de China meridional.

3. Datos relevantes

* Unha enquisa recente de TrendGo Survey Research Co arroxou que o 25,7 por cento dos taiwaneses estarían satisfeitos co desempeño de Tsai Ing-wen, en comparación co 61,5 por cento que non o estaban. Malia a alta descualificación de Tsai, só o 28,9 por cento apoiaría a remoción do seu cargo. 

* Outra enquisa, esta vez de My Formosa, indica que máis da metade dos taiwaneses están en desacordo co concepto de “China constitucional” e case un cuarto rexeita o principio de “Unha soa China”.

* A Administración Ferroviaria de Taiwán agregará os idiomas dos países do Sueste asiático ás súas transmisións en idiomas estranxeiros nas estacións ferroviarias ao redor de Taiwán a partir de abril.

* O número de persoas maiores en Taiwán alcanzou máis de 3,1 millóns, o 13,33 por cento da poboación total, superando en número á poboación de nenos pequenos por primeira vez. 

* A 1,2 millóns de dólares taiwaneses ascende a multa imposta polo ministerio de Agricultura ao armador e ao capitán dun barco taiwanés que operou de forma ilícita nas augas da zona económica exclusiva de Filipinas. 

* Taiwán foi clasificado en sexto lugar entre os 16 países de Asia-Pacífico no Índice de Percepción da Corrupción. A puntuación deste ano foi 0,74 puntos menor que a obtida en 2016. 

* Taiwán gañou dúas demandas contra dous países africanos (República Centroafricana e República Democrática do Congo) por créditos non devoltos por unha cantidade que ascende a 200 millóns de dólares. Está pendente o caso contra Guinea Bissau. Os tres romperon relacións diplomáticas coa illa. 

4. Nomes relevantes

* O ex presidente Ma Ying-jeou foi absolto das acusacións de ser cómplice nunha fuga de información secreta en 2013. 

* Barnabas Sibusiso Djamini, primeiro ministro de Swazilandia, visitou Taipéi para revalidar a súa condición de gran aliado en África. 

* Jiro Akama, ministro de Interior e Comunicacións, converteuse no funcionario xaponés de maior rango que visita a illa desde a ruptura diplomática entre ambos países. 

* O ex presidente de Filipinas, Fidel Ramos, visitou Taiwán

* O ex presidente do American Institute in Taiwan, Richard Bush, elaborou unha lista de recomendacións de “facer e non facer” para o presidente Trump en materia de relacións a través do Estreito. 

* Ko Wen-je, alcalde de Taipéi, realizou unha vira polo sueste asiático para promover o turismo á capital.