200606 timor leste tropas australia

Temor por Timor


 Tropas australianas en Dili, clic para aumentar
Alkatiri daba as costas a Sidney para ofrecer á compañía PetroChina unha participación importante no proxecto de construción dun oleoducto no mar de Timor, onde se atopa unha das 25 reservas de petróleo máis importantes do mundo. Alexander Downer, ministro de asuntos exteriores de Australia, di que o seus soldados, chamados por Gusmao, queren saír pronto de Timor, pero non será antes de contar coas debidas garantías de acceso aos seus recursos enerxéticos. E pode tardar, porque haberá resistencias. (Foto: Tropas australianas en Dili).
 

Pouco durou a maxia da independencia de Timor. E perdeuse, non tanto, como din algúns, por ser un Estado abocado a ser fallado, senón pola incapacidade dos seus dirixentes para establecer os equilibrios internos e externos necesarios para preservar a súa soberanía efectiva. O que sucedeu en Dili nas últimas semanas garda demasiada semellanza coas revolucións de cor vividas nas estremeiras europeas, de Ucraína a Xeorxia. Nas formas e no fondo. Despois de fracasar varias tentativas de golpe de estado, un goberno, con todas as carencias que se queira pero plenamente lexítimo, perdía as rendas do país por mor dunha mobilización interna claramente inducida por poderes e intereses estranxeiros coa complicidade de influentes actores locais.

Hai un antes e un despois da dimisión de Mari Alkatiri, primeiro ministro timorense, presentado pexorativa e tendenciosamente na democrática prensa australiana como “musulmán e marxista” (pecados intolerables en xente de ben), nunha campaña de intoxicación intimidatoria destinada a garantir internacionalmente a comprensión da inevitabilidade do cambio. Tampouco a imaxe internacional de Xanana Gusmao ou Ramos Horta (e a Igrexa Católica) será a mesma, claramente enfeudados aos intereses estranxeiros. Despois de Alkatiri, a estratexia seguirá pola Fretilin, o movemento que fixo posible a independencia e que agora debe adaptarse ao novo contexto de dependencia. Ou padecer as consecuencias.

O cambio de rumbo en Timor sitúa a este país na órbita política, económica, social e estratéxica de Australia (e de EEUU). O que provocou a caída de Altakiri non foi a mobilización de 600 desertores das forzas armadas, senón as súas apostas externas. A Fretilin (e Portugal) ten acusado en numerosas ocasións a Australia de querer colonizar Timor para facerse co control dos seus recursos enerxéticos. Alkatiri daba as costas a Sidney para ofrecer á compañía PetroChina unha participación importante no proxecto de construción dun oleoducto no mar de Timor, onde se atopa unha das 25 reservas de petróleo máis importantes do mundo. Alexander Downer, ministro de asuntos exteriores de Australia, di que o seus soldados, chamados por Gusmao, queren saír pronto de Timor, pero non será antes de contar coas debidas garantías de acceso aos seus recursos enerxéticos. E pode tardar, porque haberá resistencias.