Turquía: o xenocidio “inexistente”

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego

As felicitacións e palmadas no ombreiro foron a nota común o pasado 2 de agosto, cando o Parlamento turco aprobou, por 265 votos a favor e 62 en contra, a abolición da pena de morte en tempos de paz. No paquete se incluíron importantes reformas que afectaban aos dereitos de asociación, expresión e educación, unha norma dirixida en primeira instancia á minoría curda (os denominados "turcos das montañas" e aínda non recoñecidos por Ankara) e tamén ós mandatarios da Europa dos Quince, na véspera do Cumio de Copenhague, a celebrar en novembro, un importantísima reunión na que Turquía, o "enfermo de Europa", o eterno aspirante, ten postas as súas esperanzas de futuro.

O seu presente non semella moi prometedor. Afectado por unha dobre crise: económica severa "a maior dende a 2ª guerra mundial- e política, aberta polo enfrontamento entre o presidente da República e o xefe do executivo, que forzou unha inminente convocatoria electoral prevista para o 3 de novembro que pode por en perigo os esforzos destes últimos anos ante a posibilidade de que as enquisas leven razón e trasladen o poder dende as temerosas mans de Ecevit (na súa quinta lexislatura consecutiva, aqueixado de párkinson), ós islamistas moderados do Partido de Xustiza Democrática de Erdogan. A UE demandara a Turquía a solución de tres conflictos como paso previo á súa candidatura para a Adhesión. O eterno aspirante, o chamado "enfermo de Europa" tería que resolver os seus problemas na illa de Chipre, ocupada ilegalmente dende hai máis dun cuarto de século, arranxar os seus problemas de estabilidade económica e garantir un réxime democrático, respectando os dereitos fundamentais dos 12 millóns de curdos residentes no país, e abolindo a pena de morte.

Turquía puxo en marcha o Programa Nacional para a Adhesión con tres vertixes fundamentais: un sistema de privatizacións destinado a favorecer a modernización da economía do país (lastrada pola corrupción e polo sistema de baknich- propina- moi frecuente para acadar un acceso rápido ós servicios públicos) e superar a insuficiencia dos cretos do FMI; a abolición da pena de morte, o que afecta directamente á sorte do preso Abdullah Öcalan, líder da guerrilla do Partido dos traballadores do Kurdistán (PKK), -que en abril de 2002 facía pública a súa decisión de abandona-la loita armada e renunciar á independencia do Kurdistán-; e, finalmente, que a cúpula militar (representado no Consello de Seguridade Nacional) abandone a súa primacía de facto sobre o ámbito político.

O conflicto kurdo, segue sendo, coa complicidade dos países desenvolvidos, a súa peor tarxeta de presentación. Dende o 20 de outubro de 2000, preto dun milleiro de presos da esquerda kurda encarcerados en 18 presidios turcos protestan cunha durísima folga de fame que a día de hoxe custou a vida a 54 persoas. Ata decembro, as autoridades turcas negaron a existencia desta folga, que mais de 10.000 presos kurdos apoiaron con folgas parciais. O chamado "retorno á vida" significou a morte de 33 presos nunha operación das forzas militares para solucionar este conflicto "non existente".Nas prisións de mulleres lanzáronse bombas despois de verquerlles líquidos incendiarios nos seus corpos. A represión aumentou ata límites insospeitados; en abril deste ano, os presos rexeitaron a reforma carcelaria proposta polo ministro de xustiza, Sami Turk, ata que se poña fin ao illamento nas cárceres. O obxectivo inicial desta protesta era o peche dos cárceres tipo F, que están construídos coma celas individuais e cualificadas coma cadaleitos. Nos patios, só hai espacio para cada tres persoas a un tempo. Segundo o goberno, estas estancias individuais son mais "luxosas" que os amoreamentos comúns onde antes habitaban, dispostos para unhas 60 persoas. Sen embargo, os encarcerados denuncian que a pouca seguridade de antes agora quedou en nada, ao quedaren en mans dos axentes de seguridade, moitos deles pertencentes os "Lobos Grises", paramilitares ultradereitistas do MHP. Husnu Ongul, líder da asociación de dereitos humanos en Turquía denuncia o feito de que estes presos en folga se alimentan tan só de auga azucrada ou salgada, unha rutina coñecida coma "xaxún ata a morte".

As mortes aumentan a presión para que o goberno turco desista da súa actitude, sobre todo porque se están xogando o seu ingreso na UE. As protestas se trasladaron fora das fronteiras turcas. Os iniciais 12 mortos foron aumentando nesta macabra lista de baixas, o que demostra que a Turquía lle queda moito que mellorar nesta materia. O Consello de Europa, no seu Comité contra a tortura, pedira en abril do 2001 un cambio no sistema carcelario turco e a abolición da lei 3.713 referente ó dereito a tortura e a eliminación dos tribunais especiais creados en 1984. En setembro, o número de mortos ascendía a 39, algúns deles en agano dende mais de 340 días, presos por pertencer á Fronte de Liberación do Pobo Revolucionario, considerado polo goberno turco coma un grupo terrorista. O goberno se nega a cambia-las normas para os cárceres de máxima seguridade, argumentando que neles se producen con frecuencia motíns, xeralmente con toma de reféns, e estalidos de indisciplina.

As folgas de fame son un recurso habitual neste país, pero esta vez o conflicto se alonga e a cifra de mortos salpica os familiares das víctimas, afectados tamén cando se manifestan para denunciar o asalto das forzas de seguridade ós cárceres. As consecuencias, cando non significan a morte dos presos, poden cobrarse a saúde mental ou física dos folguistas, moitos deles hospitalizados en coma nos hospitais. A resposta do goberno non varía, e para a opinión pública internacional, a morte sistemática de curdos torturados nos cárceres semella non existir.

O goberno turco desexa que as medidas adoptadas en agosto se poñan en práctica antes da reunión europea e incluso antes das eleccións. A UE felicitou a Turquía polos cambios, pero advirte que vixiará de preto a súa execución. Mentres os mandatarios discuten sobre a pertinencia ou non de converter en "europeo" a un país con fronteiras tan inestables e cunha poboación que en 50 anos sería a máis numerosa do continente, os presos seguen morrendo nos cárceres. As noticias chegan pouco a pouco as redaccións europeas en forma de obituarios, mentres a poboación curda segue sufrindo unhas condicións de vida que non son alcanzan a subsistencia. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos debería pronunciarse sobre este asunto de xeito tallante se quere ter un papel efectivo e unha credibilidade mínima no futuro.

A sombra de Atartuk é alongada aínda en Turquía. A política turca adoptou como lema aquelo de que "hai que facer que todo cambie para que todo sexa igual". A UE debe actuar, ¿en que sentido? A resposta, este novembro; a solución, aínda está, tristemente, afastada. ¿Cantos máis presos mortos para entón?