Encontro entre Xi Jinping e Vladimir Putin no 2016

Un ano despois dos Xogos Olímpicos de Beijing 2022

Entre o 4 e o 21 de febreiro do 2022 celebráronse en Beijing os Xogos Olímpicos de Inverno 2022. Durante todo o 2021 especulouse coa posibilidade, mais desde o 6 de decembro do 2021 o boicot olímpico aos Xogos por parte dos USA oficializouse...
Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

A sincronía dos Xogos durante as semanas previas ao aumento da tensión entre Ucraína e Rusia, coa participación activa da OTAN, diluíu por completo en Europa a información mediática sobre os Xogos, ou o propio impacto do boicot. Tamen destrozou calquera posibilidades dun espíritu olímpico catalizador de diálogo e cooperación entre os pobos do mundo.

O boicot finalmente impulsado nestas novas métricas de nova Guerra Fría, foi estritamente diplomática, negando a participación de autoridades políticas e oficiais pola vulneración dos Dereitos Humanos en territorios como Xinjiang, o boicot non alcanzou aos deportistas. A oficialización do mesmo deuse no marco da I Cimeira pola democracia, organizada polos USA de Joe Biden, no marco da confrontación entre China e os EEUU, xa sexa técnica, comercial, tecnolóxica ou ideolóxica. A pesar dos pesares e do mal ambiente acumulado na última década na sociedade internacional e da sincronía do desborde pola tensión na Ucraína, os Xogos do 2022, en liña con todos os pronósticos, e a pesar do boicot, comezaron de maneira triunfal, cunha Cerimonia inaugural o 4 de febreiro, das que China xa demostrou ser capaz de darlle a máis elevada distinción.

Unhas horas antes da inauguración, Xi Jinping tivera a súa primeira reunión presencial trala emerxencia da Covid-19 e a pandemia con outro líder internacional, Vladimir Putin. A declaración posterior ao encontro “Declaración Conxunta sobre as Relacións Internacionais Entrando nunha Nova Era e o Desenvovlemento Sostible Global” é un texto relevante arredor do cuestionamento das vellas regras do sistema internacional e a necesidade de construír outras. Días despois, menos de 72 horas da clausura dos Xogos, o 24 de febreiro, Rusia invadía Ucrania.

Un ano despois, trala visita de Xi Jinping a Rusia en marzo do 2023, co seu Plan de Paz para Ucraína na equipaxe, subliña a relevancia daquela Declaración como un fito na relación ruso-china da última década, que comezou a fraguarse na primeira visita en Xi e Putin, alá polo ano 2013. Trala sucesión dos 40 encontros entre os dous presidentes, obsérvase un momento refundacional histórica da amizade ruso-china e o que implica en escenarios conectados que medran ao seu calor, como a Organización de Cooperación de Shanghái (OCS) ou os BRICS.

A pesar da guerra a relación segue forte como unha rocha. Sen embargo, na invasión case nada é gañar-gañar para China, comezando con que a invasión alimentou en Europa un novo atlatismo e unha volta de torca na belixerancia co seu novo papel no planeta. Ademais, cun escenario internacional que supera a dimensión do campo de batalla da Ucraína, as disputas arredor das cadeas de valor ou a desdolarización, acompañan as fendas do mundo que fragmenta. Os piores vellos xogos de poder non aseguran beneficios nen certezas para case ninguén, mais espállanse polo planeta ameazando coa fragmentación. Todos os indicadores proxectan que a China quere gañar e liderar, mais que non lle interesa un caos descontrolado. Comportarse no realismo de sempre ou tentar innovar?

Con este escenario a presentación do Plan de paz da China xusto un ano despois do inicio da invasión e do final dos Xogos olímpicos de inverno, destaca pola chamada a reactivar os mecanismos tradicionais de resolución de conflitos e da paz, facéndoa emerxer como esa voz de poder global visible desde todos os perfís. Nada é casual e mediación china na reanudación dos lazos diplomáticos o 10 de marzo entre os veciños (e inimigos) Irán e Arabia Saudí, avanza unha nova xeopolítica en Oriente Medio.

Sen poder sermos moi optimistas ao respecto do futuro da Ucraína e o final da Guerra, o papel da China como catalizador dunha paz duradeira acabaría por ser o que se agarda dun líder que aspira a xogos de gañar-gañar. De non conseguir avanzar nesta axenda, a historia da globalización como a coñecimos nos últimos trinta anos ameaza con desbordar sen remedio, sendo un novo sinal de que a industria militar gaña en todo o mundo.