Un paraíso para o Bulldozer chinés

Veciños dun hutong (barriada típica da capital chinesa) no centro de Beijing, víronse inmersos nunha amarga disputa  orixinada pola  expropiación e a expulsión das súas casas para crear unha vez máis, as modernas estruturas arquitectónicas que caracterizan o urbanismo do país despois da chegada do capitalismo encuberto. As cidades chinesas están padecendo unha rápida transformación que acaba coas barriadas tradicionais precedentes, e crea unha importante burbulla inmobiliaria da que viven boa parte dos novos executivos en cidades como Xangai. As autoridades locais son habitualmente acusadas de usar prácticas pouco éticas, e corruptas, no seu intento de demoler as casas restantes para construír máis rañaceos.

Apartados xeográficos China and the Chinese world
Idiomas Galego

No centro desta disputa nesta ocasión está a construción de sete bloques de vivendas cualificadas de “sociais”, sen ter en conta por parte dos funcionarios os prexuízos  ocasionados ás familias que non aceptan as condicións da expulsión.

A barriada non deixa de ser unha antiga zona rural engulida polo desenvolvemento urbano, e é unha das  50 aldeas urbanas a ser reconstruídas dentro dos plans da política municipal de Goberno de Beijing nos programas 2010. Máis de 1.000 familias mudáronse, deixando atrás preto de 90 familias que non aceptaban o trato que lles foi ofrecido.

Algúns habitantes afirman que algunhas das familias desapareceron misteriosamente sen deixar rastro antes da demolición das súas casas hai poucas semanas. E os veciños de outras cinco casas están aínda detidos pola policía despois de ir a Tiananmen para protestar. De feito, preto de 10 veciños foron á famosa praza e axeonlláronse fronte o retrato de Mao, pero foron detidos pola policía local. E para máis detalle un dos manifestantes está a ser tratado no hospital despois de tentar suicidarse bebendo veleno ao ser detido pola policía. Algúns veciños mesmo afirman ter gasolina para inmolarse en caso de que as autoridades forcen a demolición súbita das súas casas. Segundo os veciños, as compensacións económicas son pírricas.

En realidade, o acordo consiste nunha asignación de 1.500 yuans (214 euros) por mes durante tres anos, para compensar unha expropiación forzosa por parte dos gobernos locais de acordo co prezo de mercado no momento en que o inmoble é demolido. Pero en realidade este  “xustiprezo” está lonxe dos custos reais dunha nova vivenda, e amais diso, esta suma de diñeiro non é suficiente para comprar unha casa nos anos seguintes. Os prezos das vivendas van constante aumento, e todas as cidades chinesas están a sufrir unha importante burbulla inmobiliaria ao estilo das vividas no mundo occidental.

En abril, máis de 100 veciños, protestaron fora do edificio do goberno municipal, denunciando que  coches pertencentes aos residentes foran deliberadamente atacados por bandas contratadas polos promotores. Suceso sen máis consecuencias nin maior intervención policial e do que por tanto non se desprenderon consecuencias nin accións legais contra os atacantes.  Neste contexto, e ante á confabulación das autoridades diante das mafias organizadas en torno ao ladrillo, augúrase un futuro ben toldado para os veciños, que sen solución nin amparo institucional abandonarán as súas pertenzas sen máis, á espera de mellores tempos para a xente humilde.