Vietnam, entre dúas augas

Trala visita do presidente Obama a Vietnam, o achegamento entre Washington e Hanoi deu un novo e significativo paso adiante. O levantamento do embargo de armas, a cooperación económica e comercial e, sobre todo, o entendemento estratéxico facilitan a sorprendente transmutación dos outrora inimigos e a subalternización de asuntos controvertidos (dereitos humanos, liberalización da economía) que noutros contextos xustifican a irascibilidade da Casa Branca. Beijing apresurouse a sinalar que ese achegamento de ningún xeito afectaba ás privilexiadas relacións bilaterais co seu veciño pero o certo é que a situación non é da súa agrado.

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

Trala visita do presidente Obama a Vietnam, o achegamento entre Washington e Hanoi deu un novo e significativo paso adiante. O levantamento do embargo de armas, a cooperación económica e comercial e, sobre todo, o entendemento estratéxico facilitan a sorprendente transmutación dos outrora inimigos e a subalternización de asuntos controvertidos (dereitos humanos, liberalización da economía) que noutros contextos xustifican a irascibilidade da Casa Branca. Beijing apresurouse a sinalar que ese achegamento de ningún xeito afectaba ás privilexiadas relacións bilaterais co seu veciño pero o certo é que a situación non é da súa agrado.

Estes días, tropas do exército chinés inician a terceira operación de desminado da fronteira común. Na provincia de Yunan, varios centos de soldados afánanse por retirar as minas antipersoa que datan da guerra de 1979. É a terceira misión desta natureza tras unha parálise de máis de quince anos e prodúcese pouco logo da visita de Obama.

China e Vietnam seguen sen entenderse respecto das illas Nansha ou Spratly, sobre as cales ambas partes sosteñen reclamacións. Os avances chineses sobre o terreo xeran preocupación en Hanoi e en resposta acelera o entendemento con Washington que, por outra banda, non cesa de denunciar a agresiva actitude chinesa nas augas disputadas. Beijing intenta sortear unha hipotética alianza de facto propiciando negociacións bilaterais acompañadas de patrullas conxuntas no golfo de Tonkin, en activo desde 2005, e outras medidas xeradoras de confianza. Pero a memoria da breve guerra de 1979 -apenas un mes- parece máis fresca e máis dolorosa que os vinte anos que durou a segunda guerra de Indochina…

O temor vietnamita a que China aproveite o seu novo status para gañar posicións na rexión a costa das demandas dos pequenos países do sueste asiático empúxalle directamente a responder ás querenzas de Washinton, empeñado desde fai tres lustros en reconducir as relacións con Vietnam, peza fundamental dunha estratexia de contención de China con reflexos engadidos en Seúl, Tokio, Manila ou Canberra. A reiteración de problemas dos gardacostas chineses cos seus pescadores, do mesmo xeito que as disputas polas concesións petroleiras na zona pese aos acordos que en teoría definen os ámbitos de xestión de cada parte, incrementa o escepticismo.

Malia a afinidade ideolóxica entre os gobernantes partidos comunistas de China e de Vietnam, as respectivas servidumes nacionalistas dificultan o entendemento. Beijing foi incapaz de suplir aquí o papel de Moscova tralo afundimento da URSS. Putin intenta agora evitar que o profundamento dos lazos con EUA vaia en detrimento dunha influencia que intenta restaurar, entre outros para non perder un bo cliente da súa industria armamentística. 

Esa intensificación dos vínculos militares -un fenómeno cada vez máis común noutras capitais da rexión- é seguida con preocupación en Beijing que non desexa verse arrastrada a unha carreira de armamentos. Cada ano, máis navíos de guerra estadounidenses fan escala en Vietnam. Tamén chineses, pero en menor contía. Pese a iso, en caso de agravamento das tensións, Washington aínda queda a moita distancia de Hanoi. China espera poder demostralo con novas accións na zona de conflito que reafirmen a súa inquebrantable vontade de facer valer unhas reivindicacións que xustifica con argumentos históricos pero que outros consideran desmedidas. Ao mesmo tempo, quere evidenciar ante os demais litigantes que EUA non irá máis aló dos xestos e non se implicará militarmente nestes contenciosos. No entanto, máis proveitoso sería para todos un salto cualitativo na negociación.