Carre Bleu

Espiñeira, Tamara

Tamara Espiñeira-Guirao é investigadora asociada do IGADI. Despois de graduar en CC. Políticas e da Administración (Universidade de Santiago de Compostela), obtivo o DES en Estudos Europeos (Institut d’études européennes, Bruxelas). Posteriormente, no seu doutoramento en Xeografía (Universidade Rennes 2), identificou as condicións clave para alinear mellor a axenda local coas políticas e programas da UE. A súa tese foi galardoada co premio internacional “Prospectiva” da Axencia Universitaria da Francofonía en 2023.

Tamara Espiñeira leva traballando e investigando a dimensión internacional das políticas públicas desde 2004, tanto como experta como asesora de representantes políticos. Tamén exerce como experta para a Comisión Europea, dentro de grupos de expertos europeos como a rede Team Europe.

Anteriormente, traballou como analista, observando a situación dos recursos naturais en territorios do Sul global como Namibia e Centroamérica. Nestas misións internacionais, desenvolveu traballo con diferentes partes interesadas, desde presidencias rexionais ata a sociedade civil, e con diferentes institucións internacionais. Foi Secretaria Xeral da Asociación de Cidades Atlánticas entre 2009 e 2021. Igualmente, desde 2007, desenvolve cursos sobre políticas comunitarias e xestión de proxectos internacionais como formadora e consultora independente.

Actualmente, é profesora no Instituto de Ciencias Políticas (Sciences Po) en Rennes, impartindo materias como Relacións Internacionais, Estudos Latinoamericanos e Autoridade Internacional das Cidades. As súas novas liñas de investigación inclúen as derivas institucionais en América Latina e a situación dos pobos “esquecidos”.