A primeira derrota de Simeón Borisov

"Un rei no exilio soamente pode voltar como tal e nunca como turista", dixera a raíña Victoria Eugenia a propósito do derrocamento de Constantino de Grecia. Dende que dirixiu a súa "Carta ao pobo búlgaro" en maio de 1996, Simeón II de Bulgaria deixaba entrever a súa disponibilidade para mergullarse a fondo na vida política do país que abandonara forzosamente en 1946. Con paciencia e perseverancia foi labrando ese camiño que o conduciu á sonada victoria das eleccións lexislativas do pasado 17 de xuño. Agora, seis meses despois, a elección de Georgi Parvanov, ex-dirixente do Partido Comunista Búlgaro, non soamente o deixa na incómoda necesidade de cohabitar cun serio rival político senón que alonxa seriamente as expectativas de recuperación da monarquía. O sistema constitucional búlgaro outorga escasos poderes ao Presidente pero, asegura Anthony Georgieff, Parvanov atopará o mecanismo para facer vacilar a acción de goberno de Simeón Borisov.

O trunfo do movemento "Alianza Nacional Simeón II" baseouse en dúas premisas: unha interna, o descontento social pola corrupción e a ausencia de beneficios da estabilidade macroeconómica acadada polo primeiro ministro saínte, Iván Kostov, quen aproximou Bulgaria á Unión Europea e a OTAN. Kostov conseguiu remontar a situación de desplome efectivo do país (en 1996 a inflacción ascendía ao 4.000%) coa adopción dun plan de choque que laminou a maioría absoluta acadada nas eleccións lexislativas anticipadas de 1997.

As orixes políticas inmediatas de Parvanov remontanse precisamente á demisión do gabinete de Zhan Videnov, no que exercía de viceprimeiro ministro. O goberno de Videnov foi derrocado polas masivas manifestacións de protesta de 1997. A partir de entón, Parvanov é quen asume a dirección do Partido Socialista Búlgaro, unha formación escasamente evolucionada din algúns, en comparación con outros partidos de signo similar do antigo bloque do Leste.

En boa medida, a elección de Parvanov é un voto de protesta ante o fracaso da loita contra a pobreza e a corrupción dos gobernos poscomunistas. Pero o segundo elemento que propiciou o seu trunfo, o apoio do Movemento Turco polos Dereitos e as Reformas (DPS), ten un valor cualitativo diferente, en primeiro lugar porque a pequena formación liderada por Ahmed Dogan paradoxalmente forma parte da coalición de goberno de Simeón Borisov.

En Bruxelas, a elección de Parvanov non sentou nada ben. En 1999, durante a guerra por Cosova, condenou "a agresión da OTAN" contra Iugoslavia e militou abertamente no apoio político a Slobodan Milosevic. Dende La Haya, o ex-presidente iugoslavo foi o primeiro "líder" estranxeiro en transmitirlle a súa felicitación pola victoria electoral. Parvanov inclúe no seu programa o ingreso na Unión Europea e na OTAN, pero unha figura clave do seu movemento, o xeneral Angel Marin, antigo comandante das forzas aéreas, oponse abertamente á OTAN. Non cabe agardar avances nesa dirección. Marin presentou a demisión do seu cargo hai tres anos polas serias discrepancias que mantiña co anterior presidente Petar Stoyanov, da Unión de Forzas de Dereita e candidato apoiado nestes comicios por Simeón. ¿Como conciliar esa realidade tan contradictoria coa axenda de relacións e contactos internacionais do actual primeiro ministro que na percepción popular iban facilitar a emerxencia de Bulgaria en poucos anos e a súa integración nese Occidente rico que mellor pode garantir a saída do pozo que a todos sepulta?

Bulgaria ten ante sí un difícil futuro. A situación económica e social é o suficientemente precaria como para dar lugar en calquer momento a formas de protesta non xestionables polas principais forzas políticas. Medra a desesperación e cunde o resentimento ante a minoría turca, un 10 por cento da poboación que nesta, como en anteriores ocasións, practicamente dende 1989, consigue facer de visagra. As posibilidades dunha mellora substancial a curto prazo das condicións de vida son escasas. Hai un novo futuro para Bulgaria, pero tampouco este promete ser un camiño de rosas, aínda sendo esta a súa flor nacional.