Flocos balcánicos

Arrecia o debate sobre o futuro de Montenegro. O presidente Djukanovic insiste en propor a celebración dun referendo sobre a independencia para a próxima primavera, aceptando unicamente con carácter transitorio unha Unión renovada con Serbia, cualificada de funcional por algúns, sen máis fio común que a representación internacional e sempre que Belgrado admita a posterior celebración da consulta e os seus resultados.

Podgorica, que atopara comprensión exterior para as súas demandas independentistas en tempos de Slobodan, non quer ser víctima agora da defenestración de Milosevic. Pola súa banda,Bruxelas, co líder serbio na Haia e sometido a xuizo, anda con presas para configurar unha nova Unión iugoslava que, sobre todo, eluda o escenario dun Cosova independente que sería dificilmente evitable de consumarse a secesión montenegrina. Asi llelo fixo saber Javier Solana, Míster PESC, aos principais dirixentes da zona na súa recente visita pola rexión. Segundo explicaba Solana nun artigo publicado o pasado 22 de febreiro no diario Vijesti, Serbia e Montenegro poderían formar unha Unión donde as dúas Repúblicas compartiran responsabilidades comúns (defensa, asuntos exteriores, comercio e integración europea), nun contexto de autogoberno xeneroso. Unha paridade absoluta e un sistema de turnos en todo tipo de institucións internacionais evitaría o dominio de Serbia e estableceriase unha paréntese de cinco anos adiando a celebración agora da consulta popular.

Pero as posicións de partida non andan moi próximas e, sobre todo en Belgrado, están moi divididas. Paradoxalmente, os que abandeiraban o chamado discurso democrático para derrotar a Milosevic prefiren agora unha mesa de negociación á libre expresión da vontade cidadá. Para o primeiro ministro de Serbia, Zoran Djindjic, son imprescindibles un mercado e unha aduana común, pero Djukanovic, presidente de Montenegro, non está disposto a renunciar ás conquistas dos últimos anos, en especial, a moeda e o control de aduanas. O presidente do Parlamento de Serbia, Dragan Marsicanin, partidario dun Estado único, rexeita a idea do referendo e o presidente de Iugoslavia, Kostunica, móvese na ambigüidade en tanto non se albisquen resultados no proceso de negociación aberto. Goran Svilanovic, ministro serbio de asuntos exteriores falaba en Copenhague dos lazos que ligarían a Serbia e Montenegro, máis febles, afirma, que os existentes entre os países da UE.

O proxecto de Bruxelas, calificado de castelo no aire polo ministro de xustiza serbio Vladan Batic, propón unha refundación en forma de Unión flexible que, certamente, convence a poucos. No fondo, os principais aliados das teses comunitarias e de Belgrado a prol da Federación, son os máis belixerantes coa vella oposición. O Partido Socialista Popular (SNP) de Montenegro, liderado por Prerag Bulatovic, é oposición en Podgorica e goberno en Belgrado por mor da cooptación de Milosevic para participar no executivo federal en lugar da formación de Djukanovic que xa entón demandaba a independencia. Numerosos altos cargos desa Iugoslavia pantasma son de orixe montenegrina, todos politicamente próximos ao SNP, como o actual ministro de Defensa, Velir Radojevic, que durante os bombardeos da OTAN alugaba o seu apartamento en Podgorica ao mando americano, segundo denunciou a deputada Beba Dzakovic.

Todo indica que tanto no suposto de producirse un mínimo compromiso entre Podgorica e Belgrado como de non darse ese acordo buscado por Bruxelas, estes serán, unha vez máis, os grandes perdedores.