Annan calza sandalias

O secretario xeral da ONU, Kofi Annan, anuncia estes días o comezo dunha xira por diversos países europeos para reivindicar un papel significativo para a organización que dirixe na chamada reconstrucción de Iraq. Semella que o presidente Bush, que xa advertira o momento crucial no que se atopaba a ONU ante a proposta de resolución alentada polo tridente benefactor, imaxina a súa transformación nunha gran axencia especializada nos cuidados paliativos. O escenario dunha ostensible marxinación na administración do futuro de Iraq (novo goberno, control da economía, etc) é coherente co unilateralismo da Administración norteamericana. E se foi á guerra sen a ONU (e irá a máis sen ela, de ser preciso) nada fai pensar que reservará un papel central para as Nacións Unidas na posguerra. As primeiras medidas dictadas pola Casa Branca confirman os peores prognósticos: a guerra non é colonial, pero os amigos do Pentágono serán os administradores das riquezas do país.

Dende o inicio da guerra, as declaracións de Kofi Annan amosaron unha tibieza máis que excesiva. Sorprende observar o nivel de resistencia de países como México, Chile, Angola ou Camerún, ás presións de Estados Unidos para forzar unha resolución do Consello de Seguridade que lexitimara a guerra contra Iraq, que contrasta co "pragmatismo dos vencidos" do secretario xeral. Era o momento de golpear co zapato na mesa e sacudir a conciencia universal escenificando o illamento dos agresores. Sen dúbida, Butros Gali, sen idealizalo pero lembrando que foi o único secretario xeral da ONU que non foi reelixido, podería amosar unha contundencia maior e por iso nunca gozou dos favores da Casa Branca que esixiu a súa cabeza para "normalizar" a súa relación coa ONU (en suma, pagar a enorme débeda acumulada).

Nunhas declaracións a Al Jazeera, Annan se cuida de xustificar ou apoiar esta guerra, obviamente, pero tamén de condenala. Incluso, a pesar do ditame emitido por un grupo de xuristas da ONU, o secretario xeral se limita a falar de cuestionamento da lexitimidade ou enunciar vaguedades sobre a conformidade cos estatutos. Ben é verdade que tanto achante descorazonador parece ser insuficiente para o representante español no Consello de Seguridade, Inocencio Arias, en tempos alto cargo da administración socialista en Exteriores e hoxe furibundo adalid das teses máis belicistas, totalmente contrarias á orientación tradicional da diplomacia española.

O papel da ONU na guerra debe ir moito máis alá dun esforzo recaudatorio de dólares (ou euros) para axuda humanitaria, ou da administración do programa Petróleo por Alimentos do que depende a supervivencia do 60% dos 27,1 millóns de habitantes, suspendido nada máis iniciarse as hostilidades debido á retirada de todo o persoal de Nacións Unidas. Non tanto porque o mereza moito ou pouco senón para garantir unha maior transparencia e menor nepotismo na conducta do Pentágono. Non é unha empresa doada, pero algo pode incomodar o actuar da administración Bush quen actuaría máis comodamente ás súas anchas. Pero o asunto de fondo, o escaso peso de Nacións Unidas e do seu secretario xeral, quedará por resolver.